«Lembrade a primeira vez que fostes conscientes de ser un neno ou unha nena», pediu a formadora dun seminario sobre xénero. «Lembrade un momento concreto». Naquel curso soamente participou un home. E ese único home non soubo responder. As dez mulleres compañeiras de clase, en troques, si tivemos claro ese momento: «o meu irmán podía mexar nunha árbore e eu tiña que esperar até chegar á casa», «eu non podía ensuciarme xogando no parque pero os meus curmáns si», «os nenos subíanme a saia no patio da escola e cando eu intentaba baixarlles os pantalóns, as profesoras chamábanme pervertida».
Repetín a mesma pregunta a coñecidos e amigas. Gústame o quebracabezas de respostas que vou construíndo e comprobar que o patrón de contestacións que escoitei na aula se repita case sempre: as mulleres lembran ese momento, os homes non.
Hai distintas teorías que falan sobre o proceso de toma de conciencia da nosa identidade sexual ou de xénero. É un camiño lento no que conflúen factores xenéticos, psicolóxicos, sociais e culturais. Todos os estudos coinciden en que a identificación co sexo masculino ou feminino acontece entre os 3 e os 5 anos como consecuencia da autoexploración e a relación co entorno. Pero nada din estas teorías sobre a capacidade de lembrar a primeira vez que asumimos ser nenos ou nenas, ou os factores que inflúen na retención dese momento.
Xa logo, coas respostas que fun atopando dentro e fóra da aula elaborei esta pequena teoría: o primeiro momento de conciencia feminina acontece na escola ou coa familia, mentres se desenvolven actividades cotiás. Non son recordos traumáticos pero tampouco divertidos. A lembranza é sempre unha imaxe das nenas en contraposición cos nenos. Nós, limpas, obedientes, obrigadas a reprimir os nosos instintos e xogadoras dun xogo que consiste en sermos maiores; eles, salvaxes, sen regras, astutos e fortes.
Non corras, non berres, non te ensucies, cala, non te toques, sorrí, non mires, estate quieta, non chores, fala ben, non sexas rapazolo: compórtate como unha señorita! O patriarcado marca unhas pautas de conduta diferenciadas por sexos que co tempo deixa as mulleres nun plano de desigualdade no ámbito social, político, económico, cultural, sanitario, sexual… E esas regras de comportamento teñen grandes correas transmisoras no seo da familia e a escola.
Por sorte, co correr dos anos, as nenas convertémonos en adolescentes e mulleres, e non sempre en nais e avoas. E mentres crecemos e experimentamos co noso corpo e os corpos alleos, entendemos que a nosa sexualidade é inmensa. Asumimos que a virxindade non é un tesouro precioso, que o príncipe azul é máis ben de cor verde, que o noso corpo non é débil senón multiorgásmico e flexible, que a masturbación é o nome que alguén lle puxo aos encontros pracenteiros que tiñamos dende pequechas, que o sexo é unha ferramenta de comunicación magnífica, que os bos e as boas amantes teñen os ollos brillantes… A muller, mestura de recordos e experiencias, aprende a autodefinirse e decide como vivir o seu camiño. Muda de pel tantas veces como o precisa e, co tempo, consegue lembrar a primeira vez que foi consciente de ser unha nena.



