Estadio Olímpico de Pequín, 15 de agosto de 2008. Por primeira vez na historia dos Xogos Olímpicos celébranse os 3.000 metros obstáculos femininos, unha proba que ata esa data fora considerada demasiado dura para as mulleres. Inconcibible, non si? Tanto coma as infinitas barreiras que cada día deben superar as mulleres polo simple feito de selo.
A finais do século XIX, practicar deporte permitíase por motivos de saúde. Dicíase que as nais que facían exercicio, tiñan menos problemas durante o parto e conseguían traer ao mundo criaturas máis saudables. En 1900, mudaron un chisco as cousas, e ese ano en París 19 mulleres participaron en dúas probas olímpicas.
Co correr dos anos, e paralelamente ao progresivo recoñecemento dos dereitos civís, políticos, sociais e culturais das mulleres, as distintas modalidades deportivas incorporaron as probas femininas nas competicións oficiais. Hoxe, as mulleres son profesionais do remo, do fútbol e do ciclismo, pero aínda moi poucas poden vivir do seu oficio. A carioca do rabo na boca medra cando as empresas patrocinadoras non apostan por elas, senón por eles, e daquela non hai cartos para publicidade, nin tampouco para aparecer nos medios. Así que elas non están, e polo tanto, non existen. E a carioca, medra que medra.
A campá que debería marcar a última volta desta carreira de obstáculos aínda non soa. Nos medios de comunicación convencionais, hoxe máis que nunca, as mulleres son retratadas nas seccións deportivas como esposas, amantes e presentadoras de cara bonita. Definidas como «sereas da piscina» e «raíñas da pista». Así que cousificadas e maltratadas, seguen obrigadas a saltar as vallas. Unha tras outra. Pero fano sen medo a afogar no foso de auga da última curva. Porque saben que na recta final acabarán por gañar o que sempre foi delas.
Fotografía de 1967 que retrata un momento histórico: Kathrine Switzer, a primeira muller da historia que participa nunha maratón, é agarrada por un dos comisarios da proba para botala fóra da carreira. O dorsal 261, inscrito como KV Switzen, tiña prohibido participar na maratón porque era unha muller. O apoio doutros corredores permitiu que a corredora rematase a proba.



