O sexual do rural

Agora que levo xa máis dun ano instalado na montaña, lonxe diso que un veciño meu chama Babilonia, váiseme facendo cada vez máis difícil lembrar as sensacións que me asaltaban as primeiras veces que visitei este lugar que agora considero a miña casa. Refírome a cousas como os cheiros, os cantos dos paxariños, a luz, as miríadas de estrelas na noite, pero tamén a outras menos materiais como a ilusión, a soidade e a saudade. É de esperar que as sensacións estas todas vaian amortiguándose co paso do tempo e chegue o día que sexan non máis que unha lembranza nun mar de lembranzas.

Só cabe unha excepción a este progresivo esvaecer do sensual, e é o que se refire ó sexual. Parece como se o contacto máis íntimo co natural, co cósmico, co telúrico, que se dá no medio rural acentuase a capacidade de erotizar que teñen os estímulos eróticos, o cal parece unha obviedade pero non o é, ou polo menos non tanto como se pode pensar. A estas alturas do verao xa imos todos fartos de ver os cabalos correr tras das éguas, os caes tras das cadelas e os veciños tras doutros veciños ou veciñas, segundo o gusto de cada un. A simple exposición do corpo á calor do sol pode resultar unha experiencia erótica, e moito máis erótico é aínda ter diante a un veciño medio espido e medio suorento medio envolto no pó da terra mentres bota unhas patacas ou sega a herba. Sei que todo isto pode parecer primitivo e mesmo grotesco ós ollos dun urbanita convencido, pero falo ca voz da experiencia: a vivencia erótica máis poderosa que eu teño experimentado ultimamente aconteceu facendo pan. No decurso dunha fornada, entre grolo e grolo de viño, co forno xa roxado, tocoume amasar o pan entre dous rapaces dignos trasuntos de Aquiles e Patroclo. Iamos os tres rebozados en fariña, mollados en suor, envoltos en fume mentres zampabamos a masa movéndonos ó compás, tocándonos sen querer as maos pegañentas na artesa. E veña máis viño e veña máis lume e risas e fariña e pel e de todo. Pasámolo ben, sen dúbida, pero non sei se todos da mesma maneira. O pan saiu quente e sabroso.

(Unha observación: o erótico e o gastronómico van moitas veces xuntiños e da man. Enténdese que haxa tanta literatura, por poñerlle un nome, sobre as muiñadas e as fornadas, sobre todo nas voces populares)

Cavilando sobre estes asuntos, ocórrenseme diferenzas entre a vida sexual dunha persoa polígamo-célibe-activa (imos ter que redeseñar un léxico sobre estes temas) que viva na cidade e outra que viva no campo. Babilonia ofrece ocasións innumerables ou case para practicar o fornicio aséptico no que non é posible a penetración metafísico-espiritual e semella obrigada a penetración da outra, porque o que non a mete non está fodendo nin nada. Pero a montaña obriga a pasar por alto cuestións como se o mozo ou moza está cachondo para prestar máis atención a cousas como que tal nos levamos, se é traballador ou é un lacazán, ou mesmo a que distancia vive e se a estrada que leva á súa casa ten moitas curvas.

Sen admisión de comentarios.