AdrianEstevez « O divino ferrete

Armario olímpico

“Gustaríame que chegase o día en que a sexualidade sexa tan importante e interesante coma a cor do pelo ou a dos ollos. Un día chegaremos a iso” – Matthew Mitcham, saltador de trampolín australiano.

Nas Olimpíadas de London 2012 participan 12.602 deportistas entre homes e mulleres. Porén só 25 deportistas (incluídas dúas persoas que participan nas paralimpiadas) e dous adestradores se declararon abertamente homosexuais, a maior parte delas mulleres. Isto supón un aumento respecto ás 11 de Atenas e os 10 de Beijing. Con todo, é aínda un número moi baixo.

Ateísmo durante o coito

{Fonte: 9gag}

Da promiscuidade

Considérase a promiscuidade como a práctica de relacións sexuais con varias parellas ou grupos sexuais. É un concepto oposto á monogamia (e por suposto, á castidade), pero non se debe confundir coa poligamia nin co poliamor.

Aínda que é unha práctica común en moitas especies animais e no ser humano, está mal vista pola maioría das relixións e en moitas culturas, malia que a súa concepción foi mudando ao longo da historia. O cristianismo, islamismo e xudaísmo considérano pecado, pois aínda que algunhas correntes aceptan a bigamia e a poligamia nos homes, fano sempre dentro do matrimonio. Porén, o budismo ten unha visión diferente.

Con todo, na cultura occidental desde sempre houbo tres consideracións distintas baseadas no xénero. Até ben entrado o século XX, unha muller que gozaba libremente da súa sexualidade e con diferentes parellas (homo ou heterosexuais) seguía a ser considerada unha golfa, un home promiscuo heterosexual era un «machote», e un home promiscuo homosexual era un depravado e un enfermo. No século XXI, estas etiquetas non desapareceron: o sexo libre gañou adeptas pero o sexismo non deu tregua nas mentes e institucións máis poderosas.

Na actualidade quizais estea a cambiar a concepción do matrimonio e, en xeral, as relacións afectivas. Moitas parellas casan tarde e fano por motivos legais ou fiscais. E ata o matrimonio, non se considera impropio ir coñecendo diferentes parellas sexuais, xa sexa con relación afectiva xa sen ela.

A promiscuidade estivo presente na literatura e a cultura ao longo do tempo, desde a Biblia coa historia de Sodoma e Gomorra, até as cancións do reguetón máis actual. Pero o episodio que máis me gusta sobre a promiscuidade é ‘Madamina, il catalogo è questo‘, unha aria do primeiro acto da ópera de Mozart Don Giovanni, con libreto de Lorenzo da Ponte. Nela, Leporello cóntalle a dona Elvira todos os amoríos de don Xoán.

Ereccións involuntarias

Agora chega a calor e alónganse os días. Amais de verbenas nas carballeiras e vermús nas prazas empedradas, o corpo pide refrescarse. Piscinas, ríos e praias son lugares de lecer: castelos na area, saltos acrobáticos, sestas…

O Corte Inglés dinos cales van ser as tendencias en roupa de baño, pero hai moitos e moitas que cremos na comodidade que supón ir en pelotas. Evítase levar a roupa apertada molestando (bragueta incluída), as antiestéticas diferenzas de cor, e arrepentirse ao decatarse de que está empapado o que esquecestes metido no peto. Porén, hai un hándicap moi grande: as ereccións involuntarias.

A expresión corporal é un dos elementos máis valiosos da comunicación, tanto nos humanos como nos animais, e mesmo nas plantas. Hai algúns xestos que son voluntarios, outros que poden ser contraditorios, e mesmo os hai que transmitimos sen querer.

Na nosa sociedade aínda son tabú algunhas reaccións físicas do corpo, como poñerse colorado ou empalmarse, e estas reaccións provocan vergoña na persoa que as sofre e incluso en quen as mira. Quizais porque son máis visibles, pois tamén transmitimos as nosas excitacións a través da dilatación das pupilas ou o aumento da suoración, por exemplo, e non provocan tantas reaccións negativas. Ou quizais porque, segundo a nosa educación, un falo descontrolado e incontrolable a plena luz do día non pode ser outra cousa que a reacción dun pervertido. Haberá que reeducarnos, e no entanto, pegarse un chapuzón de auga para refrescarse.

Censura no porno

‘Porno harmónico’ ou ‘porno cordial’.

Os peitos das mulleres

É curioso que os canons de beleza non definan como deben ser as pupilas, as unllas, as linguas ou os embigos pero si, en cambio, outras partes dos nosos corpos como a barriga, as orellas, o cu e os peitos.

Grandes ou pequenos, brandos ou duros, con pecas, con pelos, con mamilas claras e escuras, con suxeitador ou sen el. Desde a adolescencia, cada muller convive con dous peitos, diferentes e únicos. Despois de vernos, tocarnos, deixármonos tocar e coñecer outros corpos, parece que o máis lóxico é aceptar quen somos e as formas que ten o noso corpo. Pero moitos veces non acontece deste xeito.

Os peitos foron sempre unha das tarxetas de presentación das mulleres. Os cánons occidentais din que ser femia implica ter uns peitos grandes e historicamente ser moi muller (boa nai, boa coidadora e boa amante) pasaba por ter as tetas grandes. Esta percepción da pé a que moitas mulleres decidan aumentar os seus peitos para reforzar a súa identidade, para gustar ás outras persoas e gustarse a elas mesmas.

Con todo, moitas mulleres non aceptan este molde establecido de suposta perfección feminina. Recoñecen no espello o reflexo dunha muller real e fermosa, polo simple feito de sentirse cómodas con elas mesmas. Un bo exemplo disto son as protagonistas deste vídeo: 10 mulleres orgullosas do natural e a naturalidade, que amosan ao mundo os seus peitos perfectos.

De todos xeitos, bótase en falta unha maior variedade de reflexos: mulleres de todas as idades, etnias e tamaños. Mulleres, en definitiva, que son parte activa e real das nosas sociedades.

O meu corpo e moitos máis

A educación sexual e a forma de abordala é controvertida na nosa sociedade, pero o seu carácter polémico non quita a necesidade de dar unha educación completa e íntegra ao alumnado, xa desde a educación primaria. É necesario abrir un espazo onde os corpos, a afectividade e as relacións sexuais non sexan tabú, como o foron na nosa educación.

Hai varios puntos a destacar xa antes de entrar na adolescencia:

1. Comodidade co propio corpo e o dos demais, así como posta en valor.
2. Ter unha actitude sa cara á afectividade; conciencia de que existen moitos xeitos de mostrar e recibir agarimo.
3. Protección do menor: preparar o alumnado para dicir “non” nas situacións afectivas ou sexuais onde non se sinta cómodo.
4. Unha introdución básica ás diferenzas corporais entre os sexos e á reprodución humana.
5. Unha actitude sen vergoña nin tabús cara ás relacións sexuais e o pracer a atopar no propio corpo.
6. Formar individuos cun alto grao de autoestima, que serán capaces de tomar decisións sobre a súa sexualidade.
7. Fomentar o colexio coma espazo libre de discriminación, onde se presentan diferentes estilos de vida sen xulgar.
8. Rachar cos estereotipos sexistas e homófobos e concienciar sobre a división do traballo doméstico non-renumerado.

Estas pautas axudan a acadar dous dos obxectivos formulados no currículo de educación primaria:

 Coñecer, comprender e respectar as diferentes culturas e as diferenzas entre as persoas, a igualdade de dereitos e oportunidades de homes e de mulleres e a non discriminación de persoas con discapacidade.
 Desenvolver as súas capacidades afectivas en todos os ámbitos da personalidade e nas súas relacións coas demais persoas, o valor da corresponsabilidade no traballo doméstico e no coidado das outras persoas, así como unha actitude contraria á violencia, aos prexuízos de calquera tipo e aos estereotipos sexistas.