Laura Camino « O divino ferrete

Sexomnes

Non é o mesmo durmirse tendo sexo que ter sexo durmidos. No primeiro dos casos, falamos dunha situación a medio camiño entre a frustración e a experiencia traumática –para o que fica esperto–. No segundo, dunha desas realidades documentadas mais non transformadas a cifras, desas que se sabe que están pero ninguén acaba de confirmar ou analizar máis en profundidade.

Aqueles que practican sexo durmidos e, xa que logo, de xeito inconsciente, reciben o nome de ‘sexomnes’ e a actividade en si xa foi bautizada como ‘sexomnia’. Son os que se coñecen como ‘sonámbulos do sexo’ e que, a diferenza dos seus colegas de trastorno do sono, cambian os simples paseos á fiestra ou á porta da casa por auténticos e intensos encontros sexuais dos que á mañá seguinte non teñen lembranza ningunha.

A experiencia vai alén dos coñecidos como soños lúcidos e, á vez, distáncianse desta ‘habilidade onírica’ tanto na forma como no nivel de control do afectado.

Catalogado como trastorno e tratado pola vía combinada da psicofarmacoloxía –diván+pílulas–, algunhas liñas relacionan o sexomnio –sexnambulismo, diría eu– con situacións de ansiedade, estrés ou consumo de drogas. Tamén se empeza a relacionar co abuso de alcol e drogas ou coa epilepsia. Non está, no entanto, exento de riscos como os que derivan do non uso de métodos de protección ou o non poder diferenciar, en plena inconsciencia, a parella escollida para a sesión de sexo onírico. Nin a intensidade…

Non hai, dicía, estatísticas como tal, nin grandes informes ou investigacións ao respecto, pero si pacientes documentados e mesmo aceptados xudicialmente, segundo recolle a publicación online de Muy Interesante: en 2005, o ‘sexomnio’ admitiuse como atenuante no xuízo contra un acusado de violación. A revista apunta tamén o caso reportado polo médico australiano Peter Buchanan (2004) dun paciente, con parella estable, que tiña por rutina manter relacións con outras persoas en estado sonámbulo.

Non queda claro, con todo, se os afectados de sexsomnia son vítimas ou beneficiados: para algunhas parellas, o sexo que experimentan nese estado de inconsciencia é máis intenso e pracenteiro que o que obteñen pola vía rutineira. Non é de estrañar tendo en conta que é o de durmir o intre no que os nosos soños e fantasías foxen do seu encarceramento diario e nos amosamos, aínda que sexa inconscientemente, espidos de prexuízos e mediacións. Se a esa actividade mental lle unimos unha acción corporal real, o resultado é, canda menos, interesante, revelador e, de certo, tamén algo intimidante…

Nais adolescentes

“Ser nai na adolescencia ten un forte impacto na vida das mulleres, e un dos hándicaps máis claros obsérvase no acurtamento da traxectoria educativa das mozas (…) A maternidade temperá tamén inflúe na entrada ao mercado laboral: as nais precoces traballan a calquera idade en menor medida que o resto das súas coetáneas”.

Margarita Delgado, investigadora do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) manifestábase así este mércores na presentación dun novo informe que debulla a evolución da maternidade adolescente en Galicia e o resto do Estado e que constata unha relación directa entre o feito de ser nai precoz e o grao de desenvolvemento da comunidade de residencia. En efecto, as autonomías menos favorecidas amosan unha porcentaxe maior de partos en idades temperás.

Segundo o novo documento do CSIC, e malia confirmar un descenso na idade de iniciación no sexo, a cifra de nais adolescentes diminuiu no último medio século. No caso galego, a porcentaxe de mulleres sexualmente activas antes dos 20 anos elevouse desde o 28,33% no caso das nadas antes do 1956 (un 17,43% no Estado); ao 58,77% das galegas que hoxe teñen entre 35 e 49 anos (52,7% de media estatal), e ata un promedio de case tres de cada catro (71,77%) galegas de entre 20 e 34 anos (73,67 por cento no caso das cifras estatais).

No entanto, e aínda que se adiantan esas primeiras relacións, a cifra de embarazos adolescentes reduciuse en Galicia desde o 39,22% das mulleres que hoxe superan a cincuentena ata o 3,37% das mozas que naceron entre os anos 70 e 80. É especialmente salientable a cifra galega, catro veces menor que a estatal (11,51%). A razón: “Unha maior prevalencia da anticoncepción eficaz”, apunta Delgado.

A investigadora apuntou ademais estas outras conclusións:

“O feito de pertencer á área máis desenvolvida do país desde o punto de vista económico reduce o risco de embarazo adolescente ata nun 40% respecto da zona máis desfavorecida. E no caso da educación, redúceo nun 37 por cento”

“A maternidade precoz inflúe tamén na entrada ao mercado laboral. As nais precoces traballan a calquera idade en menor medida que o resto das súas coetáneas. Pero tales diferencias entre elas son máis acusadas nas áreas máis desfavorecidas”

A fenda social, xa que logo, é un elemento clave á hora de analizar as causas e a situación dos embarazos temperás. E aplicar as ferramentas necesarias para superala, unha tarefa tan imprescindible como pendente.

Sexo e ximnasio

Curioso o dos videos musicais que poñen nos ximnasios. Mulleres esculturais, nádegas anti gravidade, camisetas molladas e movementos a cámara lenta –ou é quizais un efecto óptico por levar moita velocidade na bicicleta… – Na sala de máquinas, as usuarias súan visualizando un futuro e circular cu de pedra. Nos bancos de pesas, eles soñan con levar á cama as femias do televisor…

Alén de fantasías, subidas de temperatura e suores, sexo e ximnasia van da man en moitos aspectos. A práctica de exercicio físico favorece a producción de testosterona nos homes, eleva a autoestima e mellora o desexo sexual. Protexe, ademais, ante problemas como a disfunción eréctil. En termos de equivalencia, un coito permite queimar ata 150 quilorías e ten o mesmo efecto que subir a un segundo piso (Princeton Consensus Panel).

Sexo e exercicio físico, pola contra, divórcianse no caso do deporte de elite, malia que non sen controversia. Sitúanse, por unha banda, os que defenden a abstinencia absoluta para manter a tensión e evitar unha excesiva relaxación do deportista. Pola outra, os que consideran necesario suavizar con sexo a agresividade de xogadores de fútbol en risco de ser expulsados por actitudes violentas no campo, e lembran o efecto ‘anabolizante’ do coito, que mellora o rendemento físico. Non hai consenso.

Na banda oposta, os excesos anulan todo tipo de beneficio: o consumo de anabolizantes e tratamentos con testosterona asociados á vigorexia botan por terra tanto o desexo sexual como a capacidade de erección do deportista.

Marcha das putas

Dicíao Santiago Segura no traxe dun corrupto político no comentadísimo filme Airbag: “… que as visten como putas”. Como broma, nese contexto, non deixa de ser anecdótico. Pero cando é un axente da lei e na vida real quen lles recomenda ás mozas “evitar vestir como putas” para non ser violadas, a reacción é previsible.

A polémica advertencia veu da boca dun policía canadense nunha conferencia pública a principios deste ano. Sete meses despois, xa son máis dunha decena os países que se uniron á chamada ‘Marcha das putas’ (‘Slut walk’), iniciativa nada en Toronto (Canadá) e exportada ao mundo enteiro.

O caso de México D.F. foi especialmente salientable dados os altos niveis de violencia contra as mulleres que rexistra: 1.200 violadas cada ano, a metade delas mozas con idades comprendidas entre os 10 e os 20 anos. Os feminicidios son hoxe unha lacra no país mexicano, onde perderon a vida de forma violenta máis de 1.700 mulleres entre xaneiro de 2009 e xuño de 2010, isto ante a pasividade das autoridades, segundo datos dos que dispón o Observatorio Cidadán Nacional do Feminicidio.

Con berros como ‘llevo faldita, no soy facilita” o “escucha, baboso, yo elijo a quien me cojo” e co ‘non significa non” por lema foron miles de persoas (entre 2.500 e 7.000 segundo as diferentes fontes oficiais) as que se lanzaron ás rúas na capital mexicana no mes de xuño convocadas a través do altofalante das redes sociais para protestar contra a lacra da violencia de xénero e defender o dereito das mulleres a escoller as súas roupas sen ser culpadas por incitar ás agresións sexuais.

Noutros países como Guatemala, Arxentina, Estados Unidos, Gran Bretaña ou Australia xa se produciron reaccións similares e multitudinarias. A última cidade en sumarse ao movemento ‘Slut walk’ foi Nova Delhi (India), o pasado 31 de xullo, cando centos de persoas encheron as rúas cos seus berros contra o acoso e as agresións sexuais.

Homofobia de estado

Plans de prevención estival ante doenzas en destinos tropicais. Advertencias respecto do alto risco penal polo contacto coas drogas no estranxeiro. Ollo coas subidas nas tarifas de telefonía móbil cando traspasamos as fronteiras xeográficas… Tendo que poñer nas vacacións tantas ilusións como precaucións –e cartos– parecemos esquecer que a práctica homosexual en non poucos países está castigada con penas que van desde multas até a pena de morte.

As relacións entre persoas do mesmo sexo –con idade legal, de forma consentida e no ámbito privado– son ilegais en 76 países de todo o mundo. É máis: en Arabia Saudí, Irán, Iemen, Mauritania, Sudán, 12 estados do norte de Nixeria e partes meridionais de Somalia mesmo están castigadas coa pena de morte.

Homofobia de Estado, un informe sobre as leis que criminalizan a actividade sexual con consentimento entre persoas do mesmo sexo (maio, 2011), elaborado pola Asociación Internacional de Lesbianas, Gais, Bisexuais Trans e Intersex (Ilga) advirte da férrea ideoloxía de Gobernos que, lonxe de levantar as limitacións á liberdade sexual e identidade de xénero, se ratifican na súa postura ou mesmo a endurecen: en Malawi, o Presidente Bing Wa Mutharika non só recuou na súa intención de perdoar a relación amorosa entre Steven Monjeza e Tiwonge Chimbalanga, senón que fixo incluír no Código Penal a criminalización das “prácticas indecentes entre as mulleres”, lembran os responsables do informe a modo de exemplo desta realidade.

Con todo, a ‘homofobia de Estado’ trascende do ámbito da sexualidade e anega todo o que teña que ver coa identidade de xénero e a igualdade de dereitos: as persoas LGBTI son sistematicamente discriminadas e acosadas nestes países en nome dos ‘valores tradicionais’ e baixo o temor a que “contaminen” ao resto da poboación, segundo se advirte no documento que, ao longo de 72 páxinas, debulla un completo mapa da discriminación homosexual e transexual en todo o mundo.

“Esta non é exactamente –indican os responsables do informe– a forma máis coherente de defender os valores, que se supoñen son tan ‘tradicionais’ como ‘naturais’ e, certamente, recaen no inmoral, tendo en conta que, como resultado, neste último ano, varios defensores dos dereitos LGBT foron asasinados. Non podemos senón expresar gratitude e admiración pola coraxe de todos/as os/as activistas que arriscan as súas vidas e a súa seguridade para construír un movemento LGBTI forte e –sobre todo– un mundo mellor, onde todos os dereitos humanos sexan verdadeiramente para todos e todas”.

“O día non está lonxe, cando se considere en todas partes que a homofobia e a transfobia merezan a mesma repugnancia que actualmente teñen o sexismo e o racismo, e ningunha retórica auto implantada evitará que a parede da Homofobia de Estado se derrube”, conclúen.