AlejandroTobar « O divino ferrete

Trolls galegófobos e futboleiros

Oxalá o C. D. Lugo atenda esta petición de galeguización, aínda que só sexa para calar a boca dos trolls vilingües. Que noxo dan, contra; ollo ás parvadas que solta parte do persoal a partir do comentario #2.

Pepeblanco.es, u-lo respecto pola lingua?

José Blanco, ex-ministro de Fomento do Goberno do Estado, vén de inaugurar páxina web, souben a través de Praza. Fai ben, se así cre que pode recuperar votos para o seu partido ou se dalgunha maneira pensa que en Lugo, de ser o voto de carácter personalista, podería recaer nel… En Lugo estas cousas poden pasar, que complexos non nos faltan.

Neste novo sitio web, amais da tradicional cabeceira coas ligazóns a contacto, biografía do persoeiro, axenda e demais, destaca a partición da pantalla en 5 marcos: Escaño conectado, Ideas con Fuerza, Solo Lugo, Iniciativas e Compartiendo. Das 5, todas anunciadas en castelán, é a de SOLO LUGO a que cumpre co requirimento do galego de mínimos, de modo que as novas no interior están as 3 (e máis que haberá) redactadas na lingua de Galicia. Velaí unha imaxe recortada coa captura de pantalla da considerada principal:

Xa no seu día o escritor Xabier P. DoCampo lle dedicara unha pertinente carta aberta a este político, e hoxe, visto o visto, non está de máis que alguén lle diga que el ou os seus escribintes -ou el e mais os seus escribintes- son realmente negados para co respecto á lingua propia deste país. Tan difícil é que un señor de Palas de Rei que ostentou cargos de responsabilidade durante o goberno socialista no Estado saiba que é déficit e non *défice, que os máis dos galegofalantes recorremos e non *recurrimos ao humor cando diariamente sufrimos a desidia, o desleixo e a absoluta carencia de habilidades duns políticos cada vez máis torpes?

Oxalá chegue o día no que o señor Blanco inaugure unha web de seu integramente en galego, e xa se é sen erros sería como para sopesar se lle prestar o voto. Sorte, deputado por Lugo no Grupo Socialista do Congreso dos Deputados, que o camiño é longo, e vostede aínda está para aprobar o CELGA 1.

O éuscaro, unha lingua violenta

El Mundo, patriótico xornal que dá voz á ultradereita lingüística española, colocaba na súa cabeceira dixital o pasado mércores 14 de marzo unha noticia relacionada co ‘irmandamento’ entre o éuscaro e o castelán, e facíao cun epígrafe sutilmente crimininalizador moi do gusto desta xentiña rancia e demagoga. Paga a pena analizalo.

Independentemente de que o redactor do diario, moi valentemente, se escude nese “segundo Blanca Urgell”, a pregunta é: hai alguén capaz de imaxinalo do revés? É dicir, sería imaxinable que as nosas Academias (chámese Galega, chámese Vasca) desen en lle facer unha homenaxe similar -de ‘irmandamento’ (El Mundo dixit)- ao castelán e que paralelamente os nosos xornais (chámese Praza, chámese Gara) salienten iso mesmo, que “agora que calou a violencia españolista [porque entendo eu que El Mundo pensaba na violencia vasquista], xa se pode falar entre todos”? Non, non é imaxinable. Non o é porque a violencia duns e doutros xorde duns e doutros, non das linguas duns e doutros. Se Galicia Bilingüe, se Manos Limpias, se a AVT, se El Mundo, UpyD, o Partido Popular, La Razón, La Voz de Galicia, Faro de Vigo, Telemadrid ou Ciutadans insultan as linguas peninsulares distintas do castelán, a nós, os galegofalantes (e de igual maneira os euscarofalantes, que desta vez foron eles os criminalizados), non se nos pasa pola cabeza nin atacar nin menosprezar o castelán como ente executivo, porque non o é.

Podemos e debemos queixarnos ampla e ferozmente do tratamento de favor que recibe, e facémolo. Pero á hora de denunciar denunciámolos a eles, aos executores que deciden abafar co castelán o resto de linguas, denunciamos o agresor, non tal ou cal móbil nin modus operandi; denunciamos as prácticas dos energúmenos e dos mesquiños, perodiferenciamos entre os seus actos e as súas ferramentas. Se acusamos é a Charlton Heston, non o seu rifle. Manifestamos a nosa animadversión contra o asasino da katana, non contra a katana.

Daquela, que é iso de que a “Academia é homenaxeada unha vez que cesou a violencia”. Que terá que ver? A min este titular tráeme á memoria aquel despropósito perpetrado polos redactores de La Voz de Galicia, que dicía así: “Dos encapuchados de habla gallega atracan a punta de pistola la estación de servicio de A Ponte do Porto”. E tamén aquela bruxaría elmundiana que fixo da frase Inposaketarik ez! Nazioa gara (Non ás imposicións! Somos unha nación) o témido acrónimo ETA.

Violencia xornalística non.
Menos El Mundo e máis cabeciña. E respecto.

Os titis socialistas

Efectivamente, mozos socialistas, esa xente quere decidir por nós, pero o i do TI que chantades no voso cartel non leva acento gráfico. Sorte e cabeciña para a redacción das frases que aínda estades por argallar nesta campaña electoral!

Un saúdo sen acritude mais con sentido de país e contra o bipartidismo.

Zaira Rodríguez, un despropósito

Zaira Rodríguez, deputada provincial e concelleira do Partido Popular en Cee, é outro insulto á lingua galega e a todos nós como seres racionais, outra vítima dos seus complexos e outro ariete exterminador que chanta sen ningunha vergoña o Partido Popular de Galicia contra o sentidiño e a dignidade dun país enteiro.

La Voz de Galicia -Entre sus áreas de trabajo, usted es la responsable de normalización lingüística. Puede parecer algo chocante en una persona que no habla gallego.

Zaira Rodríguez -Lo entiendo perfectamente y lo hablo a veces. En mi casa lo hablan, pero creo que cada uno es libre de elegir la lengua en la que se siente más cómodo.

{Fonte: Entrevista en La Voz de Galicia}

Xente como Rodríguez destrozan este país.

* Moitas grazas a Xabier P. DoCampo por lle dar resposta a esta señora e pedir o mínimo: que sexa cesada de maneira fulminante.
* E a ProLingua, que segue aí.

O Impedimento versus Capitán Castelán

Chegoume hai uns días a través da plataforma ProLingua a nova da publicación dun texto sen mala intención pero con moito patetismo, se un o le cun mínimo de espírito crítico:

Los que piensen que en Galicia sólo se cuecen pulpos van a llevarse una sorpresa. No es ningún secreto que grandes narradores han salido de aquella comunidad. Tampoco que los autores más recientes, aquellos que escriben en gallego, se estaban quedando sin poder acceder a todo el público que les gustaría. Para que el idioma no sea más un impedimento nace una nueva editorial, Pulp Books, que edita en castellano las obras gallegas que más están dando que hablar. Dime algo sucio, de Diego Ameixeiras; Querida catástrofe, de Teresa Moure; Vidas Post-it, de Iolanda Zúñiga, y Fábula, de Xavier Alcalá, son los primeros títulos publicados.

Ben. Non é unha introdución moi aló tirar de polbos e cazos ao máis puro estilo do pseudofolclorismo, pero pasa (só porque a nota de corte destes últimos anos está baixo mínimos). Tampouco é ningunha frase para enmarcar “los autores más recientes, aquellos que escriben en gallego, se estaban quedando sin poder acceder a todo el público que les gustaría“, por unha banda polo que ten de engano canto de que, ao dicir do redactor, son os autores recentes os que escriben en galego, do que se tirae que quen non son recentes escriben en castelán, non é?, e pola outra por ese específico “se estaban quedando sin poder acceder a todo el público que les gustaría“, cousa que lle pasa ao escritor en calquera lingua, tamén aos da inglesa, porque unha tradución sempre amplia o abano de posibles lectores. Sería concebible unha frase así para unha obra en castelán traducida a outra lingua? Non. “El escritor en castellano se estaba quedando sin poder acceder a todo el mundo que le gustaría“… e de aí unha nova versión en chinés mandarín! Non teman, señores protectores da ‘lengua común’ (esta denominación para o castelán si que é un despropósito), non se ha dar o caso.

E por último, a desfeita das desfeitas. Unha frase digna das columnas de opinión de Roberto Blanco Valdés para La Voz de Galicia:

“Para que el idioma no sea más un impedimento nace una nueva editorial, Pulp Books.”

Impedimento < > Lingua galega.

Que conste que a iniciativa Pulp Books é loable, e eu persoalmente mesmo fixen por difundila non hai moito, na medida das miñas posibilidades, claro. A parvada, afortunadamente, limítase á redacción (estou convencido que sen ningunha mala intención, mais cunha considerable carga de prexuízos), que para a revista Paisajes desde el Tren, que RENFE reparte nas viaxes de longo percorrido, fixo un señor consciente de que moitos grandes narradores saíron daquela ‘comunidade’ (Galicia). E imaxino que Larra, Calderón ou Benavente son para el catalogables como escritores da ‘Comunidad de Madrid’.

@Xunta e chíos en castrapo

Decididamente, mexan por nós.

Velaí arriba unha desfeita impúdica e indecente máis como proba; unha de tantas, unha de moitas. É indignante. Coa de profesionais que temos á procura dun traballo digno, e resulta que o PPdeG vai e coloca un ou unha analfabeta funcional en galego á cabeza do twitter oficial da Xunta de Galicia.

É un insulto urbi et orbi, do que non se salva ningúen, pois de igual maneira que non sería de recibo que o spanglish ou o portuñol fosen a lingua por defecto dunha ferramenta de comunicación cidadá, poñamos por caso, da Administración estadounidense ou do Goberno de España, tampouco non o é que o castrapo -castelán mal falado; nunca galego- mesturado con formas dialectais galegas impere nas comunicacións da Xunta cos cidadáns aos que representa, aos que se debe e aos que cun mínimo de respecto ten que dirixirse. É repulsivo, simplemente. Vergoña debería de darlles, mais non llela dá e non llela ha dar. Xa logo, cadaquén que cargue despois co que dixo, co que aturou e calou e mais co que deu en facer por recuperarmos a dignidade como pobo.

Polo momento, isto dá para termos unha confirmación: nunca unha decisión foi tan acertada como a de arredarmos este proxecto de normalización do galego no porno das canles institucionais e dese galeguismo cordial, harmónico e inexistente que ten tanto de posta en valor do noso como de policía tiña o asasino noruegués que non obstante si entrou vestido de tal na illa de Utøya. Moito ollo con este goberno de antroido e comparsas.

Até aquí a miña indignación, por hoxe.

BONUS TRACK 1: A nova camisola do Celta de Vigo en castrapo.
BONUS TRACK 2: O/A leite gal(l)ego/a que marca a diferenza/cia.
BONUS TRACK 3: A ignominia cultural do PSOE vigués.

E unha reflexión a maiores:

“O castrapo é unha forma degradada e degradante da lingua. Que faga graza e resulte simpático é un síntoma do estado real da saúde da fala, que non tería importancia ningunha se nos centros de poder e decisión se utilizase o galego (consellos de administración das grandes, medianas e pequenas empresas e organismos da administración). Iso é o grave, o reducido espazo vital ao que está restrinxido o idioma.”

Xosé Feixó Cid, nunha entrevista concendida ao Faro de Vigo para o seu suplemento Faro da Cultura.

1984 XXX

O Departamento de Rexistros, despois de todo, non era máis ca unha simple rama do Ministerio da Verdade, cuxo principal cometido non era a reconstrución do pasado senón proporcionar xornais, filmes, libros de texto, programas de telepantalla, pezas dramáticas, novelas -con toda clase de información, instrución ou entretemento; dende unha estatua a un slogan, dun poema lírico a un tratado de bioloxía e dende o caderno de párvulos até o dicionario de novalingua- aos cidadáns de Oceanía. E o Ministerio non só tiña que atender as múltiples necesidades do Partido, tamén se encargaba de repetir toda a operación a un nivel inferior, máis acaído para o beneficio do proletariado. Había toda unha cadea de seccións autónomas que se ocupaba da literatura, a música, o teatro e, en xeral, de todos os entretementos para o proletariado. Alí producían xornais que contiñan unicamente información deportiva, sucesos e astroloxía, novelas de folletín sensacionalistas, filmes cargados de sexo e cancións sentimentais compostas por medios exclusivamente mecánicos nunha especie de calidoscopio chamado versificador. Había incluso unha sección coñecida co nome de Pornosec (en novalingua), encargada de producir pornografía do máis baixo nivel que era enviada en paquetes selados que ningún membro do Partido, agás aqueles que traballaban na sección, podía abrir.

Da novela 1984 de George Orwell

E agora pensemos na estratexia de mercadotecnia de Telecinco e outras xoias da coroa televisiva. Ao fío, convén lembrar tamén estoutra entrada sobre a relevancia de sexo e farandula na prensa escrita.

Morbo e prensa

Que espazo ocupan o sexo e a farándula na prensa? Un ben grande, e que ademais podemos comprobar cada día con tan só rastrexar as novas máis lidas das versións dixitais.

Non hai moito falabamos aquí da proba de Bechdel, que dalgunha maneira delimita o peso dos papeis femininos no cinema, e invitabamos a que cadaquén fixese o test na casa, co filme que lle cadrase; hoxe a invitación é a que o lector faga un repaso das principais cabeceiras e poida así ver até que punto o sexo e outros pasatempos supoñen un importante reclamo na prensa dunha e doutra cor, sen distincións. Valla este exemplo do diario español El Mundo co top10 de novas tal e como figuraba contra as 18.00 de onte.

Doazóns de esperma

A doazón de seme, basicamente, é un acto de solidariedade que permite a moitas parellas con problemas de infertilidade ou mulleres que por diversos motivos non poden concibir, lograr ter fillos de seu.

Tras os relevantes avances experimentados nos últimos anos coas técnicas de reprodución asistida, hoxe no Estado español existe unha demanda moita maior ca a oferta de doantes. En Galicia seica existen tres centros de doazón de esperma, un en Vigo e dous máis na Coruña.

Soamente un 10% dos candidatos son aptos para as doazóns de seme. O volume de exaculado debe ser superior a 2 mililitros e ter unha morfoloxía do espermatozoide adecuada que, segundo os criterios da OMS, debería ser simétrico, liso, oval, coa cola recta, o núcleo fixo e de cor transparente.