Non sei se é a primavera, se esta calor espantosa, se as tormentas de agosto adiantadas a maio, pero o veciño de arriba ultimamente leva unha vida sexual un tanto pública.
Un pola mañá é fabuloso, espertar e comezar a xornada así non ten queixa, outro a media mañá –entre descanso e descanso– non te prezo, e así poderiamos continuar até o “último” ferrete da noite. Cadaquén que foda tanto como lle pete, poida e praza.
Agora ben, a cousa muda algo cando son as dúas da mañá e estás intentando durmir e o teu veciño e maila súa amiga están dálle que dálle, que acontece? Pois que toda a veciñanza escoita os alaridos da parella de amantes, que cando ela chega ao orgasmo todos nos decatamos e que por fin (créanme, tiña moito sono e a esas horas… unha soa na cama) cando el se corre… Último alarido ao unísono e logo silencio, paz.
Esta curiosa parella consegue crear unha banda sonora, para cada noite, pero a ver se todos temos sorte e baixan un chisquiño o volume. Non moito, simplemente o xusto para que cadaquén poida continuar coa súa vida incluso ás tantas da madrugada.
O sexo é sexo en calquera parte do mundo. Hai uns días lin nun xornal dixital que unha parella estadounidense fora demandada por facer ruído de máis ao manteren relacións sexuais.
Algúns veciños do edificio onde vivía a animada parella decidiu plantarlles unha demanda dado que supostamente os xemidos que ambos os dous tiñan eran desmesurados e escandalosos. Unha das veciñas afirma que o sexo destes dous amantes é “bastante antinatural” e “excesivo” e que “soa coma se aos dous lles doese moito”. As críticas foron tantas que mesmo o carteiro local chegou a protestar.
Meu deus, unha de dúas, ou a parella estaba todo o día nela ou moi especiais eran os veciños, non si? As autoridades instalaron uns dispositivos para controlar o ruído do dormitorio, posto que, segundo a lei, podería estar a producir contaminación acústica.
Tralo enfrontamento entre a veciñanza e a parella, a moza decidiu demandar no tribunal de Newcastle, pois consideraba que se estaban a vulnerar os seus dereitos pero a súa solicitude foi denegada. A parella explicou que non podía controlar tanta paixón, pero si podía reducir as “sesión de sexo” unicamente para as mañás e pór unha almofada enriba das bocas para non molestar a ninguén.
Insólito pero certo, para consolo de moitos, incluso para min, menos mal que aquí estamos lonxe disto, polo menos no barrio de Vista Alegre.












