Estes días faranse trinta anos da estrea de Body heat (1981), o filme co que debutou na dirección Lawrence Kasdan, ata daquela coñecido por ser o guionista de The empire strikes back (Irvin Kershner, 1980). A narración volve sobre un dos argumentos coñecidos do cine negro: a muller fatal que, grazas ao seu atractivo, é quen de provocar a caída estrepitosa dun home atrapado polo seu desexo sexual. Produtos do seu tempo, ata daquela estabamos afeitos a que os referentes do xénero deixaran o sexo en mans de elipses ou insinuacións máis ou menos sutís, pero Kasdan edificou un thriller de alta carga erótica, amosándonos aquilo que os clásicos se vían na obriga de agochar con fundidos, atmosferas e dobres sentidos.
En Body heat, Ned Racine (William Hurt), avogado de Florida, coñece a Matty Walker (Kathleen Turner), casada cun home de negocios (Richard Crenna), e tras varios encontros sexuais deciden asasinalo para quedar coa súa herdanza. Máis alá dunha trama onde todo encaixa á perfección, tomando como referente, entre outras, a mítica Double Indemnity (Billy Wilder, 1944), as secuencias eróticas do filme deixaron fonda pegada nos espectadores dos primeiros 80. Ese mesmo ano veríase o remake de The Postman Always Rings Twice (Bob Rafelson, 1981), á que seguirían outros thrillers eróticos como Fatal Attraction (Adrian Lyne, 1987) ou Basic Instinct (Paul Verhoeven, 1992), pero daquela a ninguén lle foi doado escapar á fascinación que provocan esas camisas de William Hurt molladas pola suor, ou non renderse ante o xeito tan suxestivo en que Kathleen Turner amosa o seu fondo de lencería.
Na memoria de todos quedará sempre esa secuencia na que se produce o primeiro encontro sexual entre os protagonistas: cando William Hurt perde totalmente a cabeza e rompe unha fiestra para botarse nos brazos dunha Kathleen Turner cuxo personaxe, con todo merecemento, figura entre as máis inesquecibles mulleres fatais da historia do cine. Agora que recrúa o inverno, non estará de máis revisala aínda que o caloroso verán de Florida nos colla un pouco lonxe. E, por suposto, brindando pola memoria do falecido John Barry, que lle puxo música a esta magnífica historia de suor, desexo e altas presións.


