Helena Capera « O divino ferrete

Homenaxe ás Marías

Material e simbolicamente foron excluídas, afastadas e marxinadas durante a ditadura pola maioría da cidadanía de Compostela. Hoxe, son lembradas como parte da paisaxe da cidade e outórgaselles unha imaxe superficial e anecdótica. Pero a historia das Dúas, de Coralia e Maruxa Fandiño, agocha unha historia de violencia e represión fascista, de pobreza e esquecemento.

Para seguir a recuperar a súa memoria, a libraría Lila de Lilith e As Dúas Sociedade Cooperativa convocan a cidadanía de Compostela mañá, 18 de xullo, ás dúas en punto, na Alameda, xusto diante da escultura que as representa. Farase unha ofrenda floral, haberá unha actuación musical, lectura de poemas da man de Luz Fandiño e reivindicarase a colocación dunha placa que explique quen foron realmente As Marías. Con esta actividade, lembrarase que as irmás Fandiño son, por riba de todo, un símbolo das terribles consecuencias do fascismo, especialmente sobre os corpos e as mentes das mulleres.

Atopámonos mañá na Alameda con flores lilas e vermellas!

Copas menstruais

Calcúlase que as mulleres utilizamos uns 10.000 tampóns ao longo da nosa vida fértil. Ou o que é o mesmo: dez millares de compresas. Ante estes xigantescos datos, as mentes patriarcais que gobernan o Estado español decidiron un día, despois de moito pensar, que nin os tampóns nin as compresas eran produtos de primeira necesidade. Non, oh! Se os señores non os utilizaban é que eran produtos de luxo, caprichos de mulleres. Así que había que aplicarlles un IVE do 18 %.

Ter a regra pode saír moi caro. Non só para os nosos precarios petos, tamén para a nosa saúde e o medio ambiente. Por iso, a copa menstrual é un dos maiores inventos creados e pensados por e para as mulleres! É unha copiña de látex ou de silicona que se introduce na vaxina co obxectivo de reter a menstruación. Ao revés que as compresas e os tampóns, a copa non absorbe o sangue (nin o resto de fluxos), así que non provoca problemas de sequidade nin altera a nosa flora vaxinal. Todo son vantaxes!

A copa, ademais, ten unha vida útil de 10 anos e custa uns 25 euros. Límpase con auga, é comodísima e permítenos ver, por primeira vez na vida, a cantidade real de sangue que botamos fóra do corpo. A diferenza dos outros produtos, non leva branqueadores nin químicos pensados para perfumar o cheiro dos nosos óvulos mortos! E por se todo isto fose pouco, a posibilidade de reutilizala durante unha década converte este invento nunha xoia ecolóxica.

Quizais, a parte máis complicada do asunto é introducir e sacar a copa por vez primeira. Pero despois dun par de probas e unhas bragas de recambio, a copa pasa a formar parte da lista dos dez obxectos que levarías a unha illa deserta! Velaquí vos vai un vídeo explicativo para resolver calquera dúbida!

Animádevos a probala e convertede a vosa menstruación nunha ferramenta revolucionaria!

Está o sexo sobrevalorado?

Vivimos nunha sociedade na que o sexo é unha arma para promover o consumo. Estimúlannos con corpos suorentos, cinguidas minisaias, peitos descubertos e ollares de luxuria. Falamos (e escribimos) constantemente sobre orgasmos, pirolas, conas e lambetadas. Gústanos tocar e que nos toquen. Compramos erotismo e caemos en sórdidas tentacións. Foder, xa se fodeu máis. Daquela: estamos obsesionadas co sexo?

Durante a infancia e a adolescencia, e tamén durante a etapa adulta, cástrannos sexualmente. O proceso de socialización lévanos a desconectar do noso corpo e a nosa sexualidade para reproducir o que está aceptado en cada grupo. Aquí, no chamado mundo occidental, construímos un imaxinario erótico baseado na literatura, o cinema, a publicidade e as revistas, ferramentas poderosísimas ao servizo do patriarcado. Así é como acabamos por apropiarnos dun arquivo mental imposto que asumimos como xenuíno.

O que está aceptado e declarado como normativo nunha sociedade patriarcal, puritana, colonizada polo catolicismo e, sobre todo, hipócrita coma a nosa, é a heterosexualidade monogámica e romántica. A todas as mulleres nos gustan os homes ata que se demostre o contrario, todas queremos ter sexo con amor e, por suposto, cun só home non compartido. Eles, en cambio, só deben ter ollos para as mulleres fermosas, posuír unha pirola grande e estar dispostos a ter sexo a todas horas.

Esta realidade única, aburrida e frustrante, vaise deconstruíndo nas nosas cabezas co correr dos anos, pero liberarse de todas estas pautas de conduta é unha tarefa heroica. Vivimos nunha sociedade que nos obriga a etiquetarnos como heteros, homos ou bisexuais, que nos reprime constantemente, que nos di como temos que comportarnos e que mesmo nos impulsa a desconfiar de quen vive libremente. Chégannos a desexualizar tanto que aínda hai moita xente que non sabe que o clítoris non é o un timbre senón o único órgano do ser humano destinado exclusivamente ao pracer; que a monogamia non é algo natural senón unha imposición moral; ou que as mulleres podemos corrernos como fervenzas desbocadas.

A imposición dunha sexualidade estándar lévanos a sobrevalorar todo o que está vinculado co sexo: dende os ferretes nocturnos de borracheira ata as escenas pornográficas dalgunhas películas. Pero o sexo é moito máis que unha penetración salvaxe ou un cunnilingus perfecto. É unha ferramenta de comunicación e liberación inmensa, un “lubricante social para establecer e manter as relacións”, asegura o sabio psicólogo Christopher Ryan.
Daquela, recoñecermos castradas e castrados é o primeiro paso cara a liberación sexual. Asumilo, a peaxe indispensable para pasar á segunda fase: explorar novos e húmidos horizontes. Moita sorte!

Conas doces

Non hai dúas conas idénticas. As texturas, formas, sabores e cores son distintas en cada corpo. Como pasa na pastelaría, cada quen temos as nosas preferencias. Pero para poder escoller, primeiro temos que probalas. Bo proveito e doces conas!

Tres mil obstáculos

Estadio Olímpico de Pequín, 15 de agosto de 2008. Por primeira vez na historia dos Xogos Olímpicos celébranse os 3.000 metros obstáculos femininos, unha proba que ata esa data fora considerada demasiado dura para as mulleres. Inconcibible, non si? Tanto coma as infinitas barreiras que cada día deben superar as mulleres polo simple feito de selo.

A finais do século XIX, practicar deporte permitíase por motivos de saúde. Dicíase que as nais que facían exercicio, tiñan menos problemas durante o parto e conseguían traer ao mundo criaturas máis saudables. En 1900, mudaron un chisco as cousas, e ese ano en París 19 mulleres participaron en dúas probas olímpicas.

Co correr dos anos, e paralelamente ao progresivo recoñecemento dos dereitos civís, políticos, sociais e culturais das mulleres, as distintas modalidades deportivas incorporaron as probas femininas nas competicións oficiais. Hoxe, as mulleres son profesionais do remo, do fútbol e do ciclismo, pero aínda moi poucas poden vivir do seu oficio. A carioca do rabo na boca medra cando as empresas patrocinadoras non apostan por elas, senón por eles, e daquela non hai cartos para publicidade, nin tampouco para aparecer nos medios. Así que elas non están, e polo tanto, non existen. E a carioca, medra que medra.

A campá que debería marcar a última volta desta carreira de obstáculos aínda non soa. Nos medios de comunicación convencionais, hoxe máis que nunca, as mulleres son retratadas nas seccións deportivas como esposas, amantes e presentadoras de cara bonita. Definidas como «sereas da piscina» e «raíñas da pista». Así que cousificadas e maltratadas, seguen obrigadas a saltar as vallas. Unha tras outra. Pero fano sen medo a afogar no foso de auga da última curva. Porque saben que na recta final acabarán por gañar o que sempre foi delas.

Fotografía de 1967 que retrata un momento histórico: Kathrine Switzer, a primeira muller da historia que participa nunha maratón, é agarrada por un dos comisarios da proba para botala fóra da carreira. O dorsal 261, inscrito como KV Switzen, tiña prohibido participar na maratón porque era unha muller. O apoio doutros corredores permitiu que a corredora rematase a proba.

Ovarios sen rosarios

Con cinco conas reais e como Feministes Indignades animanos a celebrar o Día Internacional das Mulleres este 8 de marzo. Con cinco conas de cinco mulleres distintas que mostran diante da cámara como sacar o rosario dos ovarios e ocupar o espazo descolonizado con obxectos de pracer. Un vídeo fantástico, por visibilizador e de chamada á loita. Unhas imaxes que foron censuradas distintas veces na rede e coas que O divino ferrete vos desexa un feliz 8 de marzo e unha libre sexualidade.

A miña amiga non se toca

Teño unha amiga que di que masturbarse é aburrido. “Intenteino distintas veces, de verdade. Pero nada, non lle atopo o punto”, confesou cando pensaba que xa o sabía todo sobre ela. Eu, amiga da alma, esforceime por entendela. Pero imposible, non houbo maneira.

En pleno século XXI unha muller resolta, sen complexos e coa libido cociñada ao punto, decide non tocarse porque lle resulta aburrido. Demasiado rocambolesco para unha mente simple e viciosa coma a miña. Porque lle encanta o sexo, as pirolas e sentirse sexy. Pero non se toca. Tivo mozos de todas as cores e tamaños, pero non se toca! Viaxou por medio mundo e afrontou o medo a voar como unha campioa. Pero non se toca! Estivo máis de seis meses sen probar a carne do seu home por culpa da distancia: e non chegou a tocarse! Isto é de tolas, nena! “Non! Tiña as miñas estratexias liberadoras, ti que cres?” contou á volta. E confesou soños que mancharon as súas sabas (brancas) mentres o valente Jack de Lost exploraba o seu subconsciente. Mentres o marabilloso Sawyer percorría os lunares do seu fervente corpo.

Non teño moi claro que fai agora antes de durmir. Nin como libera a súa enorme libido sen os servizos de Megaupload. Seica lle deu por cociñar e limpar a casa con moita enerxía e dedicación. Quizais decidiu mudar os corpulentos corpos perdidos por vasoiras e centrifugados de lavadora; pode que cambiara a selva por receitas afrodisíacas e moito marisco da terra. Este sábado descubrireino nun tuppersex que organizamos na súa casa. Unha xuntanza na que levarei un cargamento de baterías para promover, sen compaixón, a fin do veto á masturbación. Xa vos conto!

Os peidos (vaxinais) existen

As ventosidades son peidos, que manía con esconder o evidente. Prodúcense no ventre, pasan polo intestino e sacan a cabeza polo cu. Botalos fóra, nesta suposta sociedade moderna, resulta moi incómodo. Sobre todo cando queren saír mentres estás na cama, espida e cun amante fantástico ao teu carón. Non hai escapatoria posible: se ule mal ou se escoita un “puff”, fuches ti.

Pero, verdade que todo o mundo caga peidos? Daquela, imos reivindicalo como algo tan natural como pestanexar, respirar ou suar. Iso si. Para falar de peidos sairemos das nosas colonizadas mentes patriarcais e falaremos do que nunca se fai: dos peidos que nin saen polo cu nin teñen nada que ver cos efectos colaterais dunha boa fabada. Si, amigas e amigos, hoxe dedicaremos esta entrada aos marxinados peidos vaxinais!

Porque os peidos que saen das vaxinas son ventosidades moito máis escondidas que os peidos comúns. Moitas descubrímolos tardísimo. E se o facemos en solitario, adoitamos reaccionar coma os cans: mirando cara a abaixo sen entender de onde saíu o ruído.

Como o seu nome indica, este tipo de peidos prodúcense na vaxina cando diminúe o ton muscular das súas paredes. Durante o coito ou facendo exercicio, por exemplo, entra aire. Así que cando sae, e aínda máis se hai líquidos e fluxos de por medio, o estrondo pode chegar a ser tan potente como incontrolable! “Non é un peido”, apresurámonos a dicir as muller para escusarnos. Pero iso é mentira! Claro que é un peido. E vaxinal! Así que reivindicalo e nomealo servirá para dar a coñecer a súa sonora existencia.

As mulleres escravas do PP

Como se da Sección Feminina da Falanxe se tratase, o sábado pasado un coro de mulleres militantes do PP cantou nun mitin dedicado á familia unha versión denigrante do bolero de Armando Manzanero “Somos novios”. A letra dicía así:

“Somos nais, mantemos a nosa casa limpa e pura. Como todos, traballamos sen desdén, non hai dúbida. Choferesas, enfermeiras, cociñeiras e modistas, pedagogas, cantantes e até artistas, contacontos, albañís e economistas. Somos nais. Algunha cana asoma e choramos cando un fillo xa maior nos abandona. Engánanos o recibir algunha flor e unha aperta, pero máis nos gusta un bolso de Vuitton, sen facer máis comentarios. Somos nais, somos nais, somos nais”.

Noxento, vomitivo e lamentable. Todos os malditos roles de xénero metidos en catro liñas versionadas. As mulleres reducidas a nais, esposas, escravas, choromiqueiras, interesadas, consumidoras, débiles, coidadoras e, aínda por riba, estúpidas!

Non é novo que o Partido Popular amose sen vergoña a súa vontade de manter o patriarcado. E nada ten de estraño que un partido liderado por fascistas queira as mulleres agochadas. Cren que somos incubadoras que debemos parir e coidar da manda. Queren pecharnos de novo nas casas como nos anos 50, cando despois da II Guerra Mundial xa non había traballo para nós porque os homes volvían das trincheiras. Hoxe á guerra chámanlle crise. E ao recorte de dereitos, amor pola familia.

Negro é o futuro que nos espera, se negro non é xa o presente. Pero non debemos esquecer que as mulleres loitadoras se caracterizaron sempre pola súa valentía e optimismo. Así que seguiremos esixindo xustiza sen medo ao fracaso. E continuaremos sinalando co dedo os nosos odiados inimigos.

Pouso de amantes

Cada amante deixa a súa pegada, o seu aquel. Xestos divertidos e estrambóticos, recordos que se oxidan na memoria, agarimos que se esquecen nas engurras. Hai amantes que deixan o seu olor na almofada, que pousan caramelos na mesiña de noite. Bandidas que rouban a virxindade, que marcan as paredes con mensaxes. Compañeiros que enchen os andeis de libros, que ensinan a fantasía dos corpos. Mulleres, homes, parellas: xente que acompaña e logo marcha. Deixando discos, receitas, cepillos, rabuñadas, obras mestras. Esquecendo a roupa, os fluídos e a vergoña (mesmo apuntar o número de teléfono). Producindo choros e risas.

Amantes que deixan pelos e manchas, que cicatrizan as feridas, que simplemente non conseguen deixar nada. Homes que agasallan bandas sonoras, que inventan novos alcumes. Mulleres que emprestan sabedoría, que escriben sinceros “ata logos”.

E nós, tamén, deixando marca. Con miradas de “bos días”, con chupóns e posturas estrañísimas. Con vasos de auga para a deshidratación, con sms de “un pracer coñecerte”. Agasallando orgasmos, lambendo lóbulos, contando a nosa vida. Prometendo máis, facendo a cama. Arranxando enchufes, transplantando flores. Detalles que se converten en nós na lembranza do outro. E da outra. E que son o pouso, o último que se bebe antes de lavar a copa e probar outro viño.