Samuel Martín Martín. Así se chama o novo párroco das localidades toledanas de Noez e Totanés, que saltou hai un ano á luz pública por subtraer diñeiro da parroquia para sufragar os seus gastos. As irregularidades económicas detectadas provocaron o seu cesamento por parte do arcebispo de Toledo, Braulio Rodríguez.
O seu delito foi gastar 17.000 euros en liñas eróticas e prostituírse en internet, pousando espido en sitios webs e cobrando 50 euros por 15 minutos de sexo ou 120 euros por unha hora. Anunciábase como un home fogoso, dotado, forte e disposto a todo tipo de fantasías sexuais, agás o masoquismo.
Mais que non todo quedou no escándalo do roubo dos 17.000 euros. Samuel tratou de sufragar parte da débeda vendendo por 9.000 euros a través da Internet un cadro do século XVII pertencente á parroquia de Noez, unha cifra moi por baixo do seu valor real. O texto do anuncio fala por si só: “Cadro de tamaño normal, pintura en lenzo do século XVII, de autor descoñecido mais pertencente á escola dalgún pintor importante daquela época. Cores tenues con moderados claroscuros. Prezo negociable”.
Tamén era profesor de relixión de secundaria e catequista. Unha vez descuberto o escándalo, chegou a ofrecer o seu salario de 1.800 euros mensuais (visto que a venda do cadro non prosperara) como pequeno avance da súa débeda.
A pesar de que moitos dos seus veciños non soubesen nada das súas actividades sexuais, os alumnos de Samuel tiñan as súas fotos nos teléfonos móbiles e pasábanas os uns aos outros.
Os veciños do lugar considerábano unha persoa integrada. Un deles, Manuel, afirma que “Diante de min nunca dixo nada dunha muller e a miña señora cóntame que nin unha mirada”, conclúe. Aínda que unha das mulleres de Noez, chamada María, parece desculpalo: “Á fin e ao cabo, era humano”, matiza.
O párroco destituído confesou publicamente, ante os fregueses na misa de doce do domingo 7 de febreiro de 2010, que “sacara diñeiro” das irmandades. Dentro das solucións propostas polo arcebispado de Toledo para resolver este escándalo, nun comunicado emitido ás persoas e entidades afectadas, sinalaba confiar “na axuda da oración e da misericordia divina”. Desde logo, unha solución moi efectiva.










