MatiasNicieza « O divino ferrete

Conrad Son, porno en catalán

Se o sábado asinaba Alicia Pérez a súa primeira entrada de colaboración neste blog, hoxe fai o propio Matías Nicieza. A nómina de colaboradores vai en aumento e tal fai a relevancia do blog. Boa lectura.

Se por unha banda é certa a nosa condición pioneira canto á pornografía falada e gozada en galego, pola outra non é menos real que distamos de ser os primeiros en levar a cabo un proxecto destas características na lingua dunha das nacións sen estado da Península Ibérica. Cataluña, como en case todo e por motivos que non nomearei porque non é o lugar nin o momento, lévanos uns anos de vantaxe. Once, concretamente.

O barcelonés Conrad Son (1966) foi o primeiro en dirixir un filme porno en catalán, en 1999. Baixo o título Les eXXcursionistes calentes, Son entrou no mercado un produto do máis divinoferreteiro no que, e botando man da dobraxe, metía por vez primeira a lingua catalá no cinema X. Igual que sucede con este proxecto, tamén el argallou o seu filme sen ningún tipo de subvención dos organismos oficiais. Nunha entrevista realizada en novembro de 1999, o polifacético realizador afirmaba que «se es catalán, o catalán ponte máis cachondo», «a xente non di chúpamela, di màmemela e se o escoitas nunha película identifícaste máis» e consideraba que o porno en catalán é «totalmente exportable», revelando que naquel momento xa vendera o filme para a súa exhibición en varios países europeos e nos EUA.

Non contento con innovar no campo lingüístico, catro anos despois Son deu un paso adiante coa realización de Laura està sola (2003), a primeira película pornográfica feita no Estado dirixida ao público feminino, e, tamén pensando nas mulleres, cambiou o hardcore polo erotismo en títulos posteriores como La memòria dels peixos (2004).

Hoxe o nome de Conrad Son goza de recoñecemento e prestixio internacional. A súa páxina web oficial está integramente en catalán e iso non lle impide tirarlle proveito, ao contrario. Para cando un caso similar en Galicia? A título persoal, coido que o equipo d’O divino ferrete deberamos consideralo, se non pai, si cando menos tío espiritual da nosa iniciativa.