Montse Montaos « O divino ferrete

A reliquia do carallo ou O carallo da reliquia

Do ano 800 ao 1.300 produciuse un período de clima estremadamente caloroso no noso continente. Tanta calor que o cultivo da uva (e a produción de viño) se estendía polo norte de Europa e o sur da Bretaña. Hai expertos que o chaman “anomalía climática medieval”, ou ben “óptimo climático medieval”.

En resumo: Europa estaba quente. Situémonos: cancións optimistas e incluso “verderolas”, un Pórtico da Gloria pintado con colorinchos e novas ordes relixiosas vivindo de calquera maneira: hippys medievais reinventando o misticismo. Quen dixo peste?

A nós chegounos San Francisco de Asís e os seus mendicantes, pero houbo moito máis (para máis información, léase O nome da rosa). Ordes que non prosperaron, que foron eliminadas e/ou ninguneadas polo crecente establishment cristián. Entre elas, as beguinas, divulgadoras do chamado “misticismo de rúa”. Mulleres libres que axudaban os pobres, autoorganizadas, e que ademais teorizaban nas linguas vernáculas. Pouco duraron.

Entre elas estaba Sor Agnes Blannbekin, vienesa falecida no 1315. Disque de orixe humilde. Parece ser que un anaco dos xenitais de Xesucristo circulou pola súa gorxa, arriba e abaixo, unhas cen veces. Que de que vai isto? Do Santo Prepucio, un culto do que non sabemos moito porque o Vaticano o derogou no ano 1900.

O tema é que dado que Xesús era xudeu, practicáronlle a circuncisión… e o caso era averiguar que pasou con este anaco de pel do fillo de Deus. Non deu poucos problemas teolóxicos a cuestión da resurreción do prepucio de Cristo. Acabaron optando polo máis práctico: non é un tema relevante. E punto. Se había igrexas que dicían que tiñan pelos -da barba- do salvador da humanidade… por que non ían ter anacos de pene? Estamos nas mesmas. Debemos lembrar que falamos dunha organización que ten gardados na súa sé central un suspiro de san Xosé e un esbirro do Espírito Santo (co cal habería que dirimir se ás pombas divinas as colle o frío ou se Deus ten alerxias. O de un e trino é un Cristo, valla a redundancia). Por non falar do apóstolo que lle dá nome á capital de Galicia, que chegou nunha barca de pedra e que apareceu alá polo 813 (eureka! a comezos da era cálida!). Volvendo ao noso, un tal Leo Allatius conectou astronomía e fe dun xeito marabilloso: asegurou que os aneis de Saturno eran o Santo Prepucio ascendido aos ceos.

Aquí na terra o das reliquias viña moi ben para captar máis fieis e o conto non parou de medrar. A comezos do século XVI chegaron a contarse catorce Santos Prepucios en toda Europa. Conexión galega: a Catedral de Santiago tamén se gabou de ter un deles a esas alturas. Isto deu lugar a un feixe de chanzas. O mesmo Voltaire deixou escrito que era mellor adoralo que detestar ou perseguir o irmán (o clásico “non lle fai mal a ninguén”), e o reformista Calvino fabulou coa lonxitude do pene de Cristo, que daba para recurtarlle pel unha ducia de veces. Xa non falemos dos aneis de Saturno…

Antes de tanta blasfemia e moxigatería (e por certo, antes da pequena idade de xeo, inaugurada pola peste) houbo unha gran produción sobre o tema. Ao parecer, as mulleres adorábano especialmente. A patroa de Italia, Santa Catalina de Siena, protagonizou un matrimonio místico co Señor e o Santo Prepucio foi a alianza que lle puxo no dedo. E neste punto precisamente, retomamos á nosa Inés, Agnes Blannbekin, a beguina, que tivo a relación máis espectacular con este anaco de pel do membro do Señor. A súa tremenda experiencia merece ser citada textualmente:

“No día da festa da Circuncisión, dende nova, temorosa por ter tanta compaixón e corazón, esta persoa adoitaba chorar polo sangue que Cristo se dignou a derramar tan cedo, ao comezo da súa infancia. E isto foi o que fixo que as revelacións a mencionar se producisen, cando recibiu a comuñón no día da festa da Circuncisión.

Chorando e con compaixón, púxose a pensar no prepucio de Cristo, onde podía estar localizado (despois da Resurrección). Pronto sentiu coa maior dozura na súa lingua un anaquiño de pel, semellante no tacto á casca dun ovo, e tragouna. Despois de tragala, volveu sentir o pequeno pelexo na súa lingua, moi doce, coma antes, e de novo tragouno. E isto pasoulle un cento de veces. E de sentilo tan frecuentemente, quixo tocalo co dedo. E cando tentou facelo, o pelexiño baixoulle pola gorxa pola súa propia conta. E foille dito que o prepucio resucitou co Señor o día da resurrección. E tan grande era a dozura que probara neste pouco de pel, que sentía nas súas estremidades e en todas as partes das súas estremidades unha transformación doce. Durante esta revelación estaba tan plena de luz que se podía ver a si mesma por completo (coma nun reflexo)”.

Vemos que Agnes resolveu por si mesma o misterio teolóxico, e non sobra comentar que de paso viviu un momento caralludo. O texto está en terceira persoa porque apunta todo isto o seu confesor, un franciscano que rexistrou a Vida e revelacións de Agnes Blannbekin no ano 1318. Publicaríase no 1731, e sería censurado ipso facto (situámonos xa na pequena idade de xeo). A provocación de Agnes non queda aquí, aínda que por esta revelación xenital pasou á pequena grande historia do bizarrismo católico. Actualmente hai quen aprecia nela unha mística feminina libre da que non tivemos moita máis noticia. E da relación entre mística e sexualidade xa se escribiu dabondo como para que unha veña aquí a descubrir nada novo. Que llo digan a Santa Tareixa de Xesús.

Alentado máis aínda os ruxerruxes da relación entre Xesús e María Magdalena, disque o tal prepucio estaba nas mans dela, pero depende da fonte que consultemos. Logo cada un dá as súas reviravoltas para que chegue ao templo que corresponda séculos despois. Un dos percorridos fai unha paradiña por Carlomagno, previo paso por Irene de Bizancio.

O último Santo Prepucio do que temos noticia foi roubado no ano 1983, na vila italiana de Calcata. Non faltou quen dixera que o fixera desaparecer o mesmo Vaticano, para rematar dunha vez con ese carallo de reliquia que provocaba, segundo a xerarquía eclesial, “curiosidade irrespetuosa”. Alí celebraban unha procesión todos os primeiros de xaneiro, que foi durante séculos o “día da Circuncisión”. Chegou a falarse de San Apapucio, contracción da expresión “Santo Patrón do Prepucio”. Moi seguido polas fieis que querían quedar preñadas e as que desexaban un bo parto, que o bicaban con devoción.

Hoxe xa non se preocupa ninguén por indagar cal de tantos prepucios que rularon polo continente será o verdadeiro: seica nos tempos de Cristo a tradición era facer un corte, non quitar un anaco de pel, práctica que instauraron os xudeos un século despois. Misterio resolto que abre un novo. A saber de quen eran…