OlallaTunnas « O divino ferrete

Pornoactivismo

Fuck For Forest, literalmente Foder para o monte, é unha asociación ecoloxista de orixe norueguesa que loita contra a destrución das selvas pluviais mundiais. O seu modo de recadar fondos? Foder e producir material porno. O lugar e a hora son arbitrarios.

Os seus creadores,  Leona Johansson e Tommy Hol Ellingsen, ámbolos dous con nacionalidade norueguesa, argumentan que “salvar o planeta é sexy e por que non excitarse por unha boa causa?” A organización defínese como un colectivo ecoloxista e erótico sen fin de lucro e tivo axudas do goberno noruegués durante os primeiros seis meses dende a súa creación.

O que nos preguntamos é de que maneira o sexo pode axudar a salvagardar o planeta. Ellingsen, en declaracións á BBC, afirma que o obxectivo das súas prácticas é “liberar as nosas mentes, estar máis en contacto coa natureza, con nós mesmos e co planeta”.

O caso é que dende o seu nacemento, o grupo colleitou uns beneficios de 345.000 dólares a través de contribucións dos internautas que pagan para ver os contidos da súa páxina web con vídeos e fotos de sexo explícito ao aire libre. Ademais, todo aquel que queira colaborar coa causa ‘Fuck For Forest’ pode facelo subindo fotos ou vídeos propios mantendo relacións sexuais. Os cartos recadados van para comunidades en Ecuador, Brasil, Costa Rica ou Eslovaquia, segundo apuntan na súa páxina web.

Dende que comezaron a principios do ano 2000 teñen 1300 activistas en todo o mundo. Déronse a coñecer, sobre todo, dende que no 2004 os fundadores Johansson e Ellingsen fornicaron en vivo no escenario durante o Quart Festival en Noruega no concerto do grupo The Cumshots.

Malia que varias asociacións ecoloxistas se negaron a recibir fondos da FFF, o colectivo agudiza a súa imaxinación para acadar impacto mediático e conseguir máis fondos. A súa última performance tivo lugar na Catedral de Oslo, onde dous dos activistas do grupo tentaron manter relacións sexuais sen éxito. Despois dunhas horas detidos e, tal e como aseguran na súa páxina, “unha masturbación na cela”, volveron para a casa.

Parafilias nos parlamentos

Des que Max Mosley -o director da FIA- saíu fotografado cando participaba nunha orxía sadomasoquista e a prensa involucrou a Silvio Berlusconi nun asunto moi turbio de prostitución de menores de idade, coa moza marroquí Rubí, os segredos de alcoba de membros da elite política europea non deixan de aflorar baixo o epígrafe de ‘escándalo sexual’.

O certo é que non hai máis que acudir a un buscador dun medio na rede ou mesmo ao todopoderoso Google para dar con vídeos, fotografías ou declaracións de testemuñas que comprometen o currículo impoluto de máis dun político.

Sen ir máis lonxe o francés Dominique Strauss Kahn, un dos homes máis poderosos do mundo até hai unhas semanas, foi detido por tentar abusar sexualmente dunha camareira do hotel onde paraba en Nova York e contrata a un avogado que defendeu nos casos de suposta pedofilia a Michael Jackson. A seguir, un secretario de estado, tamén francés, dimite ao ser denunciado por acoso sexual a dúas ex empregadas súas.

En Turquía tamén a clase política saíu mal parada pola publicación sistemática de vídeos nos que se vían mantendo relacións sexuais con mozas. De feito, o candidato á presidencia polo partido nacionalista (MHP), Bülent Didinmez, sufriu un duro revés tras aparecer na rede un vídeo seu no que mantiña relacións sexuais cunha moza estudante chamada Amine. Todo recorda ao famoso caso Lewinsky, que causou o declive político do daquela presidente dos Estados Unidos, Bill Clinton.

Tamén haberá mulleres mesturadas en asuntos libidinosos, mais o certo é que son as menos. Será que os homes son un branco fácil nesas latitudes? Cando se trata de sexo consentido, non deixa se ser alarmante a cantidade de veces que se utiliza a vida sexual dun candidato coma arma para o desprestixio social. A súa orientación sexual, parafilias preferidas, fantasías sexuais ou asuntos de prostitución, son os temas máis recorridos.

Trátase dunha guerra sucia que xoga coa hipocrisía dunha sociedade que non dubida dos carteis electorais e que arroiba, logo, ao ver os actos reais daqueles a quen votan. Se o mundo está en mans de xente coma Strauss-Kahn, así vai a cousa.

A estética no tempo

Xa falei unha vez das mudanzas que se deron nos canons estéticos ao longo do século XX e como estes varían en función de culturas e costumes. Con todo, a estética do porno tamén deu un xiro dende os seus comezos a principios de século até a actualidade. De feito, malia que hai exemplos, no cine pornográfico, os cambios non se traduciron na inversión dos roles.

As mudanzas non se viron traducidas na inversión dos roles masculino e feminino nas imaxes pornográficas, senón máis ben nun cambio na estética do corpo da muller. Esta dende sempre foi sobrevalorada a ollos da sociedade e dentro do rol social feminino sempre se asumiu que unha muller atractiva tiña unha serie de características coma a esvelteza ou os peitos turxentes que variaban, afortunadamente, segundo gustos e preferencias, mais os canons sociais non se axustaron de todo aos pornográficos. Así, a fisionomía feminina varía en diferentes películas, non sempre seguindo os preceptos socialmente estipulados.

No mundo da imaxe erótica e pornográfica os estándares tamén variaron sobre todo no que atinxe ao cabelo. Xulgade por vós mesmos, recórdanme aquelas fotos dunha púber Madonna a fins dos 70.

Lolitas

Lía hai uns días na prensa que un home dunha vila catalá lle pagara a unha menor 2000 euros en billetes falsos a cambio de favores sexuais. O home, de 36 anos, facíase pasar por axente de modelos e o asunto descubriuse cando a rapaza, de 17 anos, tentou pagar nunha tenda cun dos billetes falsos.

Malia que a idade de consentimento sexual en España está fixada nos 13 anos no Código Penal, se se recorre ao engano para obter o consentimento dunha menor, o autor pode ir á cadea, aínda que supere os 13. Con todo, cando hai un intercambio material de por medio, o feito consideraríase prostitución infantil, o que sería castigado con penas de cárcere de até catro anos.

Estas medidas prescriben co paso do tempo e moitas delas non se acaban de cumprir. De feito hai moitos casos coñecidos que o demostran. Cando Roman Polanski foi detido ao recoller un premio en Suíza pola violación da nena Samantha Geimer nos anos 70, o mundo do cine clamou que pasara demasiado tempo des que se producira o abuso sexual, para condenalo. A actriz norteamericana Whoopi Goldberg declarou, tras coñecerse a detención do director, que a de Polanski non fora unha ‘violación, violación’ desencadeando primeiras páxinas de blogs e medios de todo o mundo. Espido Freire recollía na súa columna de opinión do 11 de outubro do 2009 este comentario da actriz e engadía que afortunadamente o concepto de violación se ampliara máis alá de “aquel que vixía as nenas nos descampados e as retén pola forza”. Tampouco entendía por que razón o trato dado a Polanski era diferente ao doutro violador malia que ‘acordara’ –previo pago- un perdón coa vítima porque “era alguén non afeito a que lle dixeran que non”, en palabras da moza Geimer.

Non vexo a diferenza entre o crime que o home catalán cometeu co famoso caso de pederastia de Sánchez Dragó. O escritor declarara no seu libro ‘Dios los cría…’ que se deitara en Tokio con dúas rapazas de 13 anos, facendo fincapé en que o delito xa prescribira e que “en verdade, violarano elas”. Por outra banda, as prácticas sexuais de Dragó están de actualidade logo de que Pilar Rahola publicase a semana pasada na súa columna en La Vanguardia unha crítica moi mordaz ao escritor. Nela, a xornalista catalá mofábase da negativa de Dragó a asistir á firma de libros do Sant Jordi en Barcelona e finalizaba con esta frase:

“Y si hace falta, le montamos una comité de bienvenida con niñas de 13 años, unas de esas lolitas “que visten como zorritas” y que tanto le gustan.  Todo sea para que Dragó no nos abandone.”

Filias (IV)

Definida dun xeito sinxelo, a macrofilia non é máis que a atracción ao grande. Refírese a unha tendencia a fantasiar con corpos grandes e poderosos cunha actitude dominante. Sobre todo, maniféstase en homes pequenos que gustan das mulleres abondosas, repoludas, ou simplemente máis grandes ca eles que tomen actitude de mando na cama.

Non é considerado un fenómeno fóra do normal, mais hai quen o considera unha parafilia. En diferentes artigos na rede aseguran que aqueles que a senten son homes que gustan de verse degradados por un corpo que os supere en masa para así percibir o poder da muller sobre eles.

Esta filia quedou ligada ao morbo polo xigantismo tralas películas, consideradas de serie B, de mulleres xigantes que aterrorizaban o mundo coa súa altura. Este foi o caso do filme Attack of the 50 Foot Woman (O ataque da muller que mide cincuenta pés) de 1958, que formou parte dunha serie de filmes relacionados coa variación de tamaño nos humanos. O remake desta película, de 1993, tratouse en clave de comedia co fin de criticar certos clixés que se mostraban na orixinal. Nesta, a protagonista, Nancy, víngase do seu marido adultero tras ser aumentada de tamaño polo láser duns alieníxenas.

Non sei cal é a razón pola cal se vincula unicamente a macrofilia co sexo masculino, quedando a muller case excluída de sentir unha pulsión macrofílica, mais a psicóloga estadounidense Helen Friedman ten a resposta. Ela asegura que como o home na maioría das sociedades xa se percibe coma o ser potente e dominante, non ten sentido fantasiar sobre iso. Alá cadaquén cos seus prexuízos, mais opino que igual é a muller a que pode gustar de adoptar ese rol e, dalgún xeito, sentirse, no xogo do sexo, poderosa fronte á súa parella, ou non?

Especias e libido

Entramos e todo e o aire estaba impregnado dun intenso arrecendo de especias. Ordenamos a comida e pedimos “que sexa suave”. O camareiro mirounos de novo e sorrindo dixo: “un pouquiño picante?” Alguén aclarou que o que para un indio era pouco picante, chegaría a nos queimar as gorxas.

Decateime de que temos tendencia a pensar na comida picante coma un afrodisíaco. Con todo, coido que en moitos dos casos o suposto efecto dun manxar na libido é froito do poder suxestivo do subconsciente e non tanto da súa natureza.

De tempo atrás, vinculamos o bo xantar co tempo de pracer e a comida é, por si soa, unha fácil maneira de quitar o estrés e aumentar a libido. Ao mesmo tempo, canto máis complicada sexa a ‘apócema’ e máis ‘exóticos’ os ingredientes, máis se suxestiona a persoa e o potencial da comida como afrodisíaco medra. É por esta razón que lle adxudicamos á deliciosa comida india (e tamén picante) propiedades sexuais das que carece sen que nós pensaramos nela como tal.

Con todo, os poderes afrodisíacos que se lle atribúen aos alimentos tocan especias e adobos comúns coma o allo, a pementa ou a guindilla. Estas últimas fan referencia ao picante e ambas as dúas teñen unha acción irritante que pode estimular os xenitais. No caso do allo, a súa maior calidade é que mantén o organismo nun estado saudábel e que se é un alimento habitual na dieta diaria, aumenta a enerxía vital e iso pode traducirse nun maior rendemento sexual. Aínda que a súa fama pode deberse tamén ao efecto de quentamento que produce no corpo humano.

Durante a cea saboreabamos o biryani (arroz) con verduras e gambas e co polo ao curry acompañado de naan (pan de trigo) de allo e queixo, cando alguén propuxo comer coas mans o curry con arroz e salsa de iogur, todo cun sutil toque picante. Descubrín que comer coas mans tiña o seu aquel. A cea acabou cun batido fresco de mango, que din que tamén é un afrodisíaco.

E para comer… porno

Son, como boas imaxes libidinosas, uns primeiros planos que levan implícito ‘pápame’ no pé de foto. Porén, no canto de peitos ou un cu glorioso atopámonos con xoias gastronómicas que xogan con ese subconsciente marabilloso que tira de nós cara ao dobre sentido. Por exemplo, ver un cu no primeiro plano dun pexego ou morrer de gloria coa visión dun bo prato desbordante de pracer e mollo de tomate.

Os amantes do bo xantar comprenderán isto da ‘gastronomía pornográfica’, que por outro lado non é un invento de onte. Naceu coa fotografía e sobre todo despois do uso desta arte para fins comerciais. Ten a súa orixe no termo anglosaxón ‘food porn’ que se aplica á presentación visual dun modo provocativo tanto de pratos exóticos ou mesmo graxentos, como de anuncios de comida ou programas televisivos de cociña. Todo isto até o punto de “elevar o desexo polo bo xantar cara a unha especie de substituto do sexo”.

Eu non comparto tal cousa pero si voto pola satisfactoria combinación de sexo e pratos saborosos ou mesmo doces. Tamén cómpre recoller a especial paixón que certos cociñeiros e cociñeiras anónimas lle poñen á súa cociña. De feito, o de “zugar nos dedos” non é nada inocente, e cantas veces o temos feito sen pensar que espertariamos desexos impúdicos… Este desenfreo cara a boa comida foi o que levou a Nigella Lawson, chef de cociña, presentadora de televisión e xornalista británica, a facerse unha cociñeira mediática. Ela ama a boa cociña e ponlle todo o seu savoir faire a tan pracenteira tarefa.

A vinculación estética do porno coa comida naceu nos Estados Unidos nas imaxes publicitarias da comida rica en graxas, como é o caso das hamburguesas, os doces e os xeados. Hai quen establece unha ligazón entre isto e o intento van de vincular comida doce con bo sexo -así de súpeto recordo un anuncio de non hai moito no que Paz Vega comía un xeado que debía saber a gloria para espertar tantas cousas nela-.

Con todo, na fotografía gastronómica relacionada coa pornografía participan profesionais que se dedican a capturar primeiros planos de xantares exquisitos nalgún dos mellores restaurantes do mundo. Este é o caso de Francesc Guillamet, da casa de comidas “El Bulli”, ou Mikel Alonso, que saca a súa cámara no “Arzak”. Só buscan, co disparo, captar a sensualidade e a atracción aos ingredientes. A unha fáiselle auga o padal.

Autoría da imaxe: Roberto Gómez

Chucha que te chucha

Souben estes días polos xornais que uns científicos estadounidenses afirmaron que o sexo oral produce cancro. A miña primeira reacción foi a incredulidade, pero logo, nunha cea con amigos pasei ao cachondeo. Houbo comentarios te toda caste, pero alguén que estudaba medicina cismou: “Mirade, nos fluídos xenitais van máis cousas das que pensades”. Malia que todos escacharon a rir e houbo varias bromas ao respecto, a min remoeume a cabeza un anaco pensando nas consecuencias que pode ter na educación sexual ese tipo de afirmacións. De feito, outro compañeiro apuntou que a dereita ultraconservadora ía comezar a demonizar o sexo oral, “que tanto ben fixo para o bo devir da sociedade”. Máis unha vez, volveron as gargalladas e miradas furtivas.

Ao primeiro só quixen comprobar que tiña de certo e que de imprecisión o lercheo da noite anterior. Efectivamente, unha investigación publicada na revista New Scientist no 2004, afirmaba que “tanto a estimulación bucal dos xenitais femininos coma a dos masculinos pode infectar a boca das persoas” con riscos de que nun futuro se produza un cancro de pescozo ou bucal.

A mostra para o estudo fixérase con máis de 1600 pacientes de cancro oral e 1700 homes e mulleres sans en Europa, Canadá, Australia, Cuba e Sudán. Nel descubriuse que as persoas con cancro bucal que portaban a variedade do Virus do Papiloma Humano (VPH) tiñan máis do triplo de probabilidades de ter practicado sexo oral que os que non estaban afectados pola cepa. Nesta apreciación vexo, con claridade, un argumento lóxico pero pouco práctico: sen sexo non hai infección.

Noutro artigo do ano 2004 publicado pola BBC, matizaban os datos e recollían unhas declaracións da doutora Anne Szarewski, da Asociación para a Investigación do Cancro no Reino Unido, nas que dicía que o cancro de boca era unha doenza rara e que o tabaco e o alcohol son os seus maiores causantes e que cumpría non alarmar a poboación.

No 2010, os medios fixéronse eco do aumento alarmante dos casos de cancro de boca entre a poboación máis nova –sobre todo, homes- e nunha editorial da British Medical Journal, varios investigadores vinculan un dos principais cancros de cabeza e pescozo co do Virus do Papiloma Humano e apuntan o sexo oral como a “máis probable” vía de contaxio.

A fins de febreiro deste ano, investigadores estadounidenses da Asociación Estadounidense para o Avance da Ciencia (AAAS) detectaron un aumento do 225% no cancro bucal no seu país dende 1974 até 2007, e recalcan que este aumento se dá “principalmente en homes brancos”. Un profesor da Universidade de Ohio subliñou que ao comparar persoas que teñen infeccións na boca con persoas sans, a única diferenza importante é a cantidade de persoas coas que practicou sexo oral. As súas palabras foron: “Cando o número de compañeiros aumenta, o risco aumenta”.

E digo eu, vaia novidade, a ninguén se lle apareceu un condón no seu camiño? Alguén dixo durante a conversa a noite pasada: “Agora ides ter dicir: Non me comas a cona, que é canceríxeno”. Máis unha vez, gargalladas.

Figos maduros

Esta mañá cruceime cun mozo que camiñaba pola beirarrúa en sentido oposto ao meu e que comía a dentadas -primeiro pequenas, logo devoradoras e decisivas- unha banana. Paseniño, deténdose a cada abertura dos beizos para logo acabar de xeito decisivo comendo a banana coma se fose a última froita que tomase. El ignoraba os meus pensamentos, até que supoño que botei unha risiña e o tipo ollou para min turbado. Xa rematara a banana e estaba desfacéndose da monda nunha papeleira.

A miña visión apolínea deixoume remoendo no estreito lazo que une sexo e dátiles polo resto do día. Unha mazá, unha banana, un pexego, unha pera, limóns, laranxas, melóns, sandías ou figos, froita e sexo están estreitamente vinculados na lingua e nos feitos. Quen non oíu falar de peitos coma limóns ou da asimilación da banana coa pirola? Logo está as asociación que as nosas mentes fan entre o feito van de tomar froita e o de zugar penes, por exemplo.

Este vencello non só se refire a acción sexual senón tamén aos propios xenitais. Xogando con isto da macedonia, reparei nas semellanzas do interior dalgunhas froitas co órgano xenital feminino. Isto é o caso dunha pera aberta á metade co interior dun útero; ou, un caso no que nunca reparara, porque paradoxicamente non me gusta esta froita, é o do parecido entre un figo aberto e unha muller coas pernas abertas –valla a redundancia-.

Sempre adoitamos centrarnos na mazá coma símbolo do erotismo e por extensión da vida pecaminosa, mais, pola contra, no Talmud xudeu, o figo é a froita prohibida. De feito, pola súa semellanza coa ameixa, foi considerado na cultura semita un afrodisíaco cunha grande carga erótica. Coma inciso, cómpre que diga que me contou un paxariño que unha boa bandexa de figos mollados de chocolate son o perfecto acompañamento para unha noite de sexo.

A todo isto, sempre presta un aporte vitamínico e hidratante, xa de paso, dunha boa froita fresca tras ou durante o ferrete. A froita pode ser usada en moi distintos condutos, aproveitando os distintos sentidos que nos brindou a sabia natureza. Así, na rede hai navegantes que propoñen un zume de ameixa ben estendido polo corpo do amante para logo, usando a lingua, aproveitar tódolos nutrientes. Non nos podemos esquecer do viño, bebida do deus Baco, que malia todo non deixa de ser zume de uva, que sempre é un bo acompañante de alcoba cando tres son multitude.

Cómpre que comecemos a mirar con outros ollos as nosas árbores froiteiras, a importancia dunha pereira, dunha figueira, ou dun cerdeira vai máis alá da sombra que dan. Non me quero imaxinar a de cousas que unha pode facer á sombra dunha figueira.

Filias (III)

Falar é unha filia. Á xente encántalle que lle falen de sexo e ler sobre as experiencias reais ou ficticias doutros homes ou mulleres máis ou menos descoñecidos, un afán voyeurista pero sen ollos que vexan máis alá do maxín de cadaquén.

Atopeime con que é posible crear verbalmente unha aura erótica, mesmo sen premeditación nin aleivosía, sen máis que catro agarimos nas letras pódense producir humidades mentais.

Non só cómpre deterse nas propiedades do sexo ben falado ou ben dito, senón na capacidade innata de que nos suba a temperatura nada máis escoitar voces tórridas ben conxugadas. Temos unha mente prodixiosa e porca, o que vén sendo unha máquina fantasiosa que gusta de escoitar praceres alleos e de crear novas andainas sexuais e febrís -por aquilo de atopar novas experiencias e sensacións nunca antes vividas-.

Quen non adiviñou pensamentos impuros tras unhas palabras en terceira persoa? A quen non se lle fixo a boca auga oíndo falar ao amigo ou amiga desta ou doutra noite? E escoitar un “gústame cando falas de sexo por como te expresas” e virar vermella. Porque unhas fazulas rubidas tamén é sinal de quentura.

No que á muller se refire, ás veces atópome con que se ve coma un milagre que unha fale de foder sen reparos pero cunha boa retranca, porque ante todo son galega. Non sei se lembrades que saín do chineiro dialectal hai uns días nesta mesma leira virtual, xa o sabedes, son galega de gheada e seseo, e falo de sexo coas amizades e agora con descoñecidos a través deste proxecto. Normalizar pasa por establecer uns cabos entre o cotián, a lingua e neste caso, o mundo do sexo; é dicir, falar de sexo en galego non é un fito extraordinario senón a normalidade.

Normalizar tamén inclúe o ámbito público, isto é, que acontece poñamos por caso cando comezo a falar por teléfono sobre o argumento do noso querido ferrete? Unha aula de informática completa fica en silencio. Á xente dálle morbo que sexas muller e que lle contes sen pestanexar o argumento dun proxecto audiovisual XXX. Que acontece? É por ser muller? Agora podería volver ao debate que abriu a compañeira Helena onte sobre o sexismo no porno. É o porno sexista? En realidade o sexismo esténdese alén do que poidamos apreciar a simple vista. Está aí e abrolla sen nos decatarmos.