XaquinSaurin « O divino ferrete

O sexual do rural

Agora que levo xa máis dun ano instalado na montaña, lonxe diso que un veciño meu chama Babilonia, váiseme facendo cada vez máis difícil lembrar as sensacións que me asaltaban as primeiras veces que visitei este lugar que agora considero a miña casa. Refírome a cousas como os cheiros, os cantos dos paxariños, a luz, as miríadas de estrelas na noite, pero tamén a outras menos materiais como a ilusión, a soidade e a saudade. É de esperar que as sensacións estas todas vaian amortiguándose co paso do tempo e chegue o día que sexan non máis que unha lembranza nun mar de lembranzas.

Só cabe unha excepción a este progresivo esvaecer do sensual, e é o que se refire ó sexual. Parece como se o contacto máis íntimo co natural, co cósmico, co telúrico, que se dá no medio rural acentuase a capacidade de erotizar que teñen os estímulos eróticos, o cal parece unha obviedade pero non o é, ou polo menos non tanto como se pode pensar. A estas alturas do verao xa imos todos fartos de ver os cabalos correr tras das éguas, os caes tras das cadelas e os veciños tras doutros veciños ou veciñas, segundo o gusto de cada un. A simple exposición do corpo á calor do sol pode resultar unha experiencia erótica, e moito máis erótico é aínda ter diante a un veciño medio espido e medio suorento medio envolto no pó da terra mentres bota unhas patacas ou sega a herba. Sei que todo isto pode parecer primitivo e mesmo grotesco ós ollos dun urbanita convencido, pero falo ca voz da experiencia: a vivencia erótica máis poderosa que eu teño experimentado ultimamente aconteceu facendo pan. No decurso dunha fornada, entre grolo e grolo de viño, co forno xa roxado, tocoume amasar o pan entre dous rapaces dignos trasuntos de Aquiles e Patroclo. Iamos os tres rebozados en fariña, mollados en suor, envoltos en fume mentres zampabamos a masa movéndonos ó compás, tocándonos sen querer as maos pegañentas na artesa. E veña máis viño e veña máis lume e risas e fariña e pel e de todo. Pasámolo ben, sen dúbida, pero non sei se todos da mesma maneira. O pan saiu quente e sabroso.

(Unha observación: o erótico e o gastronómico van moitas veces xuntiños e da man. Enténdese que haxa tanta literatura, por poñerlle un nome, sobre as muiñadas e as fornadas, sobre todo nas voces populares)

Cavilando sobre estes asuntos, ocórrenseme diferenzas entre a vida sexual dunha persoa polígamo-célibe-activa (imos ter que redeseñar un léxico sobre estes temas) que viva na cidade e outra que viva no campo. Babilonia ofrece ocasións innumerables ou case para practicar o fornicio aséptico no que non é posible a penetración metafísico-espiritual e semella obrigada a penetración da outra, porque o que non a mete non está fodendo nin nada. Pero a montaña obriga a pasar por alto cuestións como se o mozo ou moza está cachondo para prestar máis atención a cousas como que tal nos levamos, se é traballador ou é un lacazán, ou mesmo a que distancia vive e se a estrada que leva á súa casa ten moitas curvas.

Do escroto como acordeón

Os xenitais do home teñen vocación de seren amigables e sociables. Dende o seu balcón no andar principal avistan o visitante e saúdano, contentos por saberse atractivos e singulares. A cor mouriña da súa pel e a súa posición distal axúdanos neste afán de se distinguir. Non hai home que non trate como un amigo a súa verga, e algúns até lle teñen posto nome. Non é de estrañar: nalgunhas ocasións a metade da esencia o home reside no falo, verdadeiro cetro co que exerce a potestade masculina, que tanto lle custou gañar.

Pero en todas as casas hai irmáns pequenos, e neste caso aos testículos, pobriños, tocoulles estar sempre á sombra do vinculeiro, que é o pene. Como unha máis das prácticas que se están poñendo de moda nas sociedades neuróticas para regresar ao estado de salvaxismo do que nunca deberon saír, o ballstretching -ou estiramento das bólas- pretende devolverlle ao escroto o protagonismo que inxustamente nunca lle foi concedido. O devandito ballstretching consiste na aplicación de certos adminículos que serven para lograr a elongación do escroto. Estes aparellos poden actuar por gravidade, estirando a pel por acción do peso de aneis metálicos, ou cinguindo a bolsa escrotal con pezas cilíndricas de coiro para forzar o descenso dos testículos e permitirlles ver o mundo que o pene lles tapaba.

O ballstretching baséase na extraordinaria elasticidade da pel do escroto e da capacidade natural que ten para dilatarse e encollerse buscando manter os testículos na temperatura máis axeitada. Polo que parece, a elongación forzada do escroto pode ser temporal ou definitiva, e pode acadar dimensións moi considerables. Fálase de casos extremos nos que algún trastornado logrou facer baixar os seus atributos até a altura dos xeonllos a base de sometelos a tracción durante meses.

Como o resultado estético e lúbrico dun escroto dado de si é máis ben discutible, quen practican o ballstretching adoitan ao mesmo tempo poñer en práctica outras técnicas non menos contundentes para conseguir aumentar o tamaño dos seus testículos e facer o conxunto máis harmonioso no que se refire á proporción entre lonxitude e masa. A aplicación de bombas de baleiro parece ser a técnica máis estendida. Como resultado, os vasos sanguíneos do testículo dilátanse e este faise máis gordecho. Outras persoas aplícanse inxeccións de soro salino nos testículos, que producen o mesmo efecto, pero dáme un pouco de grima falar diso.

Adolf Loos, en Ornament und Verbrechen (Ornamento e delito), defendía que nunha sociedade evolucionada non cabe o adorno. Dicía Loos:

“o papúa tatúa a pel, a chalana que emprega, os remos, en fin, todo aquilo que ten ao seu alcance. Non é un delincuente. O home moderno que se tatúa é un delincuente ou un dexenerado”.

Algo diso pode haber.

Sexo de autosuficiencia

Non coñezo ninguén que recoñeza ter practicado o autocoito. Se un día sei de alguén, heille preguntar unha chea de cousas. Por exemplo, como soubo que era capaz de facer iso. A sección de comentarios a pé de páxina admite confesións, que poden ser anónimas.

Para os profanos: o autocoito é algo que se fai na intimidade -como falar catalán- e que consiste en facer entrar o pene polo recto sen provocar estragos na bolsa escrotal e, sobre todo, no seu contido. É de supoñer que isto provoca sensacións pracenteiras pola estimulación do glande e do ano, pero ao mesmo tempo non se considera viable acadar un orgasmo, posto que é preciso someter o pene a unha posición forzada que non permite manter unha erección completa.

A primeira vez que vin unha imaxe dun autocoito lembrei algo que me dixo o meu tío cando eu era un rapazolo, mentres amañaba a cortacéspede: a ferramenta hai que coidala, se un día rompe temos unha desgraza. Entre apartar isto, abrir aquilo e meter o outro, o resultado é unha imaxe que resulta mellorable dende o punto de vista estético e deixa un certo sabor de insatisfacción.

O autocoito lembra en certo modo a autofelación, polo que ten de ganas de complicarse a vida. Tanto o un como a outra semellan representacións de prácticas que reclaman a intervención doutra persoa, ou polo menos así se presentan na miña imaxinación de provinciano postconciliar. Tan difícil é atopar con quen fornicar para que haxa necesidade de maltratar o falo ou o espiñazo recreando unha sesión de sexo à deux?

Unha vez un amigo fíxome unha pregunta: por que os cans lamben os collóns? Non souben contestar. A resposta foi a máis simple posible: porque poden.

Arredor do desamor

O desamor é aquilo que a un lle queda cando lle marcha o amor. Para o amor aínda non din cunha definición.

Non creo no amor dos románticos, iso das almas xemelgas que se unen para complementarse. Polo que eu teño vivido, un acaba namorándose de quen quere ou de quen pode, ou de quen quere e pode. Certos piares parecen solidamente firmes: a familia, a parella, a amizade, os lazos emocionais en definitiva. Con eles a salvo, un séntese quen de filosofar sobre o amor en todas as súas manifestacións. Pero cando un ve o amor fuxirlle por entre os dedos das mans ve as cousas doutro modo. Non sabe o que é o amor nin a amizade nin o desexo, non sabe nin sequera se existen, non sabe nada, nada nadiña, e séntese desamparado e séntese abandonado e séntese aínda como un cativo.

Veño de pasar a note falando cun rapaz que foi meu. Faloume dos seus plans de voda malogrados, das súas desilusións, do seu estupor ó descubrir que se repetían con outro os patróns de amor e de desamor que caracterizaron a relación que houbo entre el e mais eu. Eu pouco falei. Mentres o escoitaba pensaba no que pode chegar a significar o verbo amar, primeira conxugación, voz activa: moitas veces necesidade, conveniencia, oportunidade, dependencia e mil outras cousas das que Doris Day nunca nos dixo ren; outras moitas ilusión, ficción, espellismo, é dicir, esperanza.

En definitiva, eu sei o que non é o amor para min. Espero ter claro algún día o que é, as definicións por exclusión nunca me gustaron.

De volta do Navia

Mentres deixabamos atrás o Navia dábannos na cara os últimos raios do sol da tardiña. Os meus acompañantes e mais eu matabamos as saudades facendo fluída a conversa e evitando mirar o fondo do val. Falabamos de persoas que nos últimos tempos están cobrando significados ricos para nós e sementando ideas frescas nas nosas cabezas.

-Se me gustasen as mulleres, gustaríame María.

Nese momento decateime de que estaba saíndo do armario outra vez, como se fose un dos traballos de Sísifo. Algunha vez será a última vez? Viñan comigo unha muller de moito mundo e sorriso máxico que xa me vai coñecendo e un adolescente de ollos tranquilos e vulto avultado que nunca até o día anterior vira máis que en soños. Ollei para el de esguello e non vin na súa expresión ningún aceno de sorpresa, nin moito menos de escándalo; ningunha mostra de estar descubrindo algo de min. Cando o deixamos en Lugo tentou despedirse cunha aperta, pero petou contra o obstáculo da miña man estendida. Seguindo a viaxe comenteille á miña amiga o meu estupor. O certo é que ese rapaz non creceu nun ambiente moi común, criouse nun mundo no que a liberdade é un valor moi querido.

Dez días máis tarde volvemos ver a súa nai, unha belga de pelo crecho e dourado e ollos grises e cantareiros como eixo de carro. Quedamos até ben tarde ao pé do lume, con toda a sombra da noite na fiestra. A conversa foise debullando e apareceron pronto as emocións que asedian a cada un, entre elas a de querer e ser querido. A nosa amiga belga fíxonos unha confesión:

-Eu tiven sexo con mulleres, pero disto hai xa moito tempo.

O ton da súa voz dicía moitas cousas. Por unha banda o rápido que pasan os anos; por outra o bonito que é ser libre, ou sentirse libre, que vén sendo a mesma cousa; e por outra que é doado amar cando sabes amar. Lembreime do seu fillo adolescente e comprendín o motivo da súa indiferenza, días antes, no coche, mentres deixabamos atrás o Navia cos últimos raios do sol da tardiña.


Trailer Eloxio da distancia (O lugar en cuestión)

*******************************************************************************

AVISO PARA NAVEGANTES

*******************************************************************************

Marines maricallos

A película The Vampire Diaries produce resultados nefastos para a moral, especialmente entre os soldados, e máis aínda se son homes.

Iso é o que debeu de sacar en conclusión o oficial de navío Stephen C. Jones tras pasar a noite vendo a devandita película cun amiguiño no seu cuarto, no cuartel que a Mariña estadounidense ten en Charleston, Carolina do Sur. Moi amena non debeu de resultarlles, porque quedaron durmidos os dous, deitados na mesma cama como dous gatiños, a cabeza dun pousada no peito do outro, unha man sobre unha panza, a outra por tras da caluga, un fío de saliva caendo do beizo inferior sobre a camisola…

Isto non tería a menos importancia de non ser porque un compañeiro lle foi co conto ao oficial superior, que puxo o grito no ceo. Cousas peores pasarán nos cuarteis sen que ninguén o saiba, ou iso é o que me vén á imaxinación, sen dúbida arrastrado polos moitos anos de consumo de películas de arte e ensaio que tiñan como escenario as duchas dalgún cuartel, con abundancia de figurantes, pouquidade de vestiario e monótona banda sonora. Volvendo ao caso, o lareta foi o tamén oficial Tyler Berube -queda dito para escarnio seu e vergoña da súa estirpe-, quen di que os dous belos durmiñóns estaban en calzóns, como se iso significase o summum da concupiscencia. O coitado de Jones deféndese asegurando que estaban en pixama, como se iso asegurase a castidade e o recato. Pregúntome que tería pasado de chegaren a estar en coiros.

De resultas de tan lamentable episodio, que atenta contra os alicerces éticos do Imperio, o corpo de marines, modelo de rectitude, a superioridade está considerando a posibilidade de abrirlle a Jones un expediente disciplinario, o cal pode provocarlle infinidade de problemas ao durmiñón (curiosamente non ao que compartiu cama con el). O rapaz está indignado, porque el é un home de honor e bla bla bla, o cal quere dicir que non soporta que o confundan cun maricallo.

Os parámetros da normalidade

Os pícaros, os vellos e as persoas con deficiencias compoñen unha especie de caixón de xastre no que un ingresa en virtude das súas imperfeccións. Non é acaso a decrepitude dos vellos equiparable á inmaturidade dos cativos ou á tara dun tarado? Todas elas son fallos na obra de Deus que teñen algo inquietante, e todas poden disimularse ignorándoas.

As persoas deficientes, como os vellos e os nenos, non teñen unha sexualidade socialmente recoñecida. Na meirande parte dos casos as persoas deficientes deben contentarse cunha castidade forzada, se é preciso imposta pola vía legal. Recentemente un británico de 41 anos que ten un retardo mental “moderado” foi imposibilitado por orde xudicial para manter relacións sexuais. Os servizos sociais comezaron a seguirlle o rastro cando iniciou a convivencia con outro home nunha relación na que existía contacto sexual habitual, preferentemente sexo anal. A administración solicitou ao xuíz que interviñese para impedirlle continuar cunha vida sexual que definiron como “vigorosa”, e a intervención do xuíz desembocou na devandita prohibición.

Queda por saber se a actuación dos servizos sociais tería sido a mesma de tratarse dunha relación heterosexual. Un dos argumentos expostos foi que o home en cuestión non era capaz de relacionar a práctica do sexo vaxinal coa reprodución, algo que nunha relación entre homes non parece que teña unha importancia relevante. Un psiquiatra que interveu no caso desaconsellou a educación sexual do home porque podería exceder a súa capacidade de comprensión. Porén, o coitado demostrou coñecer perfectamente a mecánica do sexo anal, como era de esperar.

En palabras do xuíz, “o sexo é unha das funcións humanas máis elementais”, o cal dá para pensar. Se o comportamento sexual irreflexivo é motivo suficiente para impoñer o uso do cinto de castidade, eu coñezo uns cantos aos que a xustiza debería ir botándolles o ollo. Neste eido, hai alguén libre de pecado? Haino: calquera que non saia dos parámetros da normalidade, esa cousa tan pouco definida pero tan presente.

Outra Galicia? Outra Igrexa?

Existe a crenza de que o primeiro matrimonio entre persoas do mesmo sexo celebrado no noso país foi o formado por Marcela Gracia Ibeas e Elisa Sánchez Loriga, mestras con praza en Dumbría. Elisa fíxose pasar por un curmán seu, Mario, que morrera nun naufraxio anos antes, para lograr que o párroco de San Xurxo, na Coruña, celebrase o casamento en 1901. A cousa terminou en expediente disciplinario, excomuñón, escándalo público e orde de busca e captura. As mulleres víronse na necesidade de fuxir a América, de onde chegou o rumor da morte de Elisa e do posterior casamento de Marcela cun home.

Deixando aparte a dubidosa validez legal dun acto administrativo no que un dos contraentes actuaba con identidade falsa, non hai moito que saíu á luz un caso ben anterior ao de Marcela e Elisa. Trátase de dous homes chamados Pedro Díaz e Muño Vandilaz, que foron casados polo párroco de Santa María de Ordes, no actual concello de Rairiz de Veiga, en data tan temperá como a do ano 1061. A diferenza da de Marcela e Elisa, esta unión contaba con toda a aceptación social e das xerarquías. Tal acto está documentado no Tombo do mosteiro de Celanova e foi mencionado recentemente nun traballo de investigación do filólogo Carlos Callón titulado Amigos e sodomitas. A Configuración da homosexualidade na Idade Media, que vén de ser premiado co XVI Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais. Callón xa publicara unha columna falando deste documento no xornal Galicia Hoxe no ano 2008.

Hai que lembrar que entre os ritos comunmente practicados polas igrexas cristiás medievais se contaba o da adelphopoiesis, tamén chamado “fraternitas iurata” ou “ordo ad fratres faciendum”. Deste tipo foi a unión entre Pedro Díaz e Muño Vandilaz. A adelphopoiesis, como o matrimonio, ía alén dunha relación amorosa ou romántica e supuña a base dunha construción social de alianzas entre familias e de apoio material entre os contraentes. Porén, tampouco hai que esquecer que a adelphopoiesis daba cabida tamén a relacións afectivo-sexuais entre persoas do mesmo sexo, xeralmente homes, e que se celebraban co visto e prace da xerarquía eclesiástica. É interesante saber que a adelphopoiesis aínda é practicada pola Igrexa Católica Antiga.

O estraño caso de Didier Jambart

Un cidadán francés de 51 anos, Didier Jambart, funcionario do Ministerio de Defensa, casado e pai de dous fillos, presentou hai poucos días unha denuncia contra a compañía farmacéutica Glaxo. Segundo o denunciante, o medicamento Requip, fabricado por esta multinacional, volveuno gai.

A Jambart diagnosticáronlle párkinson hai agora oito anos. Cando comezou o tratamento con Requip a súa conduta sufriu alteracións que Jambart considera efectos secundarios da terapia: volveuse adicto ás apostas nas carreiras de cabalos e por internet, nas que perdeu os aforros da familia, e entroulle un apetito tremendo polo sexo homosexual que o levou incluso a ofrecerse na rede travestido. Segundo el, o tratamento con Requip levouno ao extremo de ser violado.

Jambart pasou por tres intentos de suicidio e agora esixe unha indemnización de 450.000 euros á empresa fabricante do medicamento e ao neurólogo que llo prescribiu. O certo é que no 2006, despois de que Jambart abandonase o tratamento, Glaxo incluíu no prospecto do Requip un parágrafo que advertía de que nos pacientes que sofren de párkinson podía provocar alteracións no control dos impulsos, como adicción ó xogo, hipersexualidade e incremento da lívido.

O que xa é máis discutible é que o Requip sexa capaz de mudar a orientación sexual de ninguén, por moi francés que sexa. Máis doado é crer que o pobre Jambart perdese o control sobre uns impulsos sexuais que xa existían. O curioso do caso, que xa é curioso de seu, é a atención que os medios de comunicación lle prestaron, acentuada sen dúbida pola tendencia sexual dos supostos efectos secundarios. O asunto está a ser estudado, ademais, en Gran Bretaña, Canadá e os Estados Unidos por avogados doutros enfermos de párkinson suxeitos ao mesmo tratamento e que se sorprenderon a si mesmos roubando ou prostituíndose.

Ensino de proximidade

Eu tiña un profesor cando era cativo. Chamábase don Ramón. Era un deses mestres que sabían saltar dun tema a outro, falando de historia, de matemáticas, de lingua e de xeografía nun só discurso con aparencia de conto que eu escoitaba aparvado. Moitos días atopábao camiño da escola, saudabámonos cun “bos días” e púñame a man riba do ombreiro mentres proseguiamos o camiño, preguntándome polas miñas cousas e contándome historias de cando el tiña a miña idade e enredaba na escola tanto ou máis ca min.

Esa man enriba do ombreiro era agarimosa, transmitía un aquel de proximidade que contrastaba co trato formal que nos daba a todos os seus pupilos: dende os seis anos tratábanos a todos de vostede e polo apelido. Pero eu normalmente non experimentaba contacto físico con ninguén, de modo que para min aquela man era a canle pola que don Ramón me facía chegar unha caloriña que chegaba ao meu corazón sen deterse na pel.

Moitos anos despois -eu barbeábame xa- coñecín outro mestre, un mestre dos que gozan ensinando e teñen moito que ensinar. Tiña como hábito aproximarse moito para falarme, tanto que eu percibía a súa respiración e mesmo algunhas diminutas gotas de cuspe que saían da súa hipnótica boca. Hipnótica para min érao, sobre todo porque sempre saía dela unha palabra de ánimo, outra de comprensión, outra de alento e outra de orgullo. As conversas con el eran infinitas e cálidas, e sempre tiña unha man riba da man miña, ou riba da miña perna, ou no meu ombreiro (de novo o ombreiro) ou na miña caluga.

Hai longo tempo lin que moitas mulleres acceden a deitarse co seu compañeiro só para poderen sentir a súa proximidade física, o seu abrazo, o seu cheiro, a súa suor. Hai culturas nas que o beixo non é unha práctica habitual pero teñen outro tipo de xestos relacionados coa percepción de sinais olfactivos. Eu podo entendelo: finalmente, a máis vívida lembranza que eu gardo destes dous mestres meus é o seu cheiriño a home e o peso daquelas mans riba do meu ombreiro.