Avances e logros « O divino ferrete

Twitter en galego!

Matrimonios FR

A Asemblea Nacional francesa aproba a lei do matrimonio homosexual. Trátase do décimo estado da Unión Europea que o fai, tras o español, holandés, belga, portugués, noruegués, sueco, islandés, dinamarqués e británico.

Parabéns, wikipedistas!

O 6 de setembro de 2012 a Wikipedia en galego acadou os 90.000 artigos. O artigo co que se logrou a cifra sinalada foi Xogos Paralímpicos de Londres 2012‎. Moitos e sinceros parabéns a editores, lectores e galegofalantes en xeral.

O galego oral de Google

O servidor Google fala galego, éuscaro e catalán. A empresa incluíu no seu servizo de procura por voz, Voice Search, as linguas destes tres países sen estado, e responde a calquera termo que queira buscarse. Dende Google informaron o pasao venres a través do blog oficial de que o búlgaro, portugués, finés, húngaro, islandés, noruegués, romanés, serbio, eslovaco e sueco tamén foron engadidos ao servizo, que funciona nos móbiles intelixentes con sistema operativo Android -a partir da versión 2.2.

{Fonte: Slashgear}

Copas menstruais

Calcúlase que as mulleres utilizamos uns 10.000 tampóns ao longo da nosa vida fértil. Ou o que é o mesmo: dez millares de compresas. Ante estes xigantescos datos, as mentes patriarcais que gobernan o Estado español decidiron un día, despois de moito pensar, que nin os tampóns nin as compresas eran produtos de primeira necesidade. Non, oh! Se os señores non os utilizaban é que eran produtos de luxo, caprichos de mulleres. Así que había que aplicarlles un IVE do 18 %.

Ter a regra pode saír moi caro. Non só para os nosos precarios petos, tamén para a nosa saúde e o medio ambiente. Por iso, a copa menstrual é un dos maiores inventos creados e pensados por e para as mulleres! É unha copiña de látex ou de silicona que se introduce na vaxina co obxectivo de reter a menstruación. Ao revés que as compresas e os tampóns, a copa non absorbe o sangue (nin o resto de fluxos), así que non provoca problemas de sequidade nin altera a nosa flora vaxinal. Todo son vantaxes!

A copa, ademais, ten unha vida útil de 10 anos e custa uns 25 euros. Límpase con auga, é comodísima e permítenos ver, por primeira vez na vida, a cantidade real de sangue que botamos fóra do corpo. A diferenza dos outros produtos, non leva branqueadores nin químicos pensados para perfumar o cheiro dos nosos óvulos mortos! E por se todo isto fose pouco, a posibilidade de reutilizala durante unha década converte este invento nunha xoia ecolóxica.

Quizais, a parte máis complicada do asunto é introducir e sacar a copa por vez primeira. Pero despois dun par de probas e unhas bragas de recambio, a copa pasa a formar parte da lista dos dez obxectos que levarías a unha illa deserta! Velaquí vos vai un vídeo explicativo para resolver calquera dúbida!

Animádevos a probala e convertede a vosa menstruación nunha ferramenta revolucionaria!

Das leis de Arkansas

O Tribunal Superior de Arkansas, nos Estados Unidos de América, revogou unha lei que prohibía as relacións sexuais entre profesores e alumnos, legalizándoas sempre que o alumno teña cando menos 18 anos e preste o seu consentimento. Este cambio legal produciuse despois de que un profesor da Escola superior Elkin fose condenado en primeira instancia a 30 anos de cárcere por manter relacións cunha alumna. O profesor tivo sexo dúas veces, de común acordo, cunha alumna que tiña daquela 18 anos. Con todo, a lei de Arkansas estabelece para eses casos unha idade mínima de 21 anos. Finalmente, no tribunal consideraron que a lei (que fixa que, ademais de prestar consentimento, o alumno deberá ter 21 anos) non pode ser aplicada pois profesor e alumna eran adultos no momento en que se mantiveron relacións, ademais de que houbo claro consentimento.

{Fonte: Datosychicas}

Tres mil obstáculos

Estadio Olímpico de Pequín, 15 de agosto de 2008. Por primeira vez na historia dos Xogos Olímpicos celébranse os 3.000 metros obstáculos femininos, unha proba que ata esa data fora considerada demasiado dura para as mulleres. Inconcibible, non si? Tanto coma as infinitas barreiras que cada día deben superar as mulleres polo simple feito de selo.

A finais do século XIX, practicar deporte permitíase por motivos de saúde. Dicíase que as nais que facían exercicio, tiñan menos problemas durante o parto e conseguían traer ao mundo criaturas máis saudables. En 1900, mudaron un chisco as cousas, e ese ano en París 19 mulleres participaron en dúas probas olímpicas.

Co correr dos anos, e paralelamente ao progresivo recoñecemento dos dereitos civís, políticos, sociais e culturais das mulleres, as distintas modalidades deportivas incorporaron as probas femininas nas competicións oficiais. Hoxe, as mulleres son profesionais do remo, do fútbol e do ciclismo, pero aínda moi poucas poden vivir do seu oficio. A carioca do rabo na boca medra cando as empresas patrocinadoras non apostan por elas, senón por eles, e daquela non hai cartos para publicidade, nin tampouco para aparecer nos medios. Así que elas non están, e polo tanto, non existen. E a carioca, medra que medra.

A campá que debería marcar a última volta desta carreira de obstáculos aínda non soa. Nos medios de comunicación convencionais, hoxe máis que nunca, as mulleres son retratadas nas seccións deportivas como esposas, amantes e presentadoras de cara bonita. Definidas como «sereas da piscina» e «raíñas da pista». Así que cousificadas e maltratadas, seguen obrigadas a saltar as vallas. Unha tras outra. Pero fano sen medo a afogar no foso de auga da última curva. Porque saben que na recta final acabarán por gañar o que sempre foi delas.

Fotografía de 1967 que retrata un momento histórico: Kathrine Switzer, a primeira muller da historia que participa nunha maratón, é agarrada por un dos comisarios da proba para botala fóra da carreira. O dorsal 261, inscrito como KV Switzen, tiña prohibido participar na maratón porque era unha muller. O apoio doutros corredores permitiu que a corredora rematase a proba.

Linguaxe non sexista

Poucas horas despois de publicar na nosa páxina de Facebook o comentario ’900 seareiros. Moitas grazas!’ e non, por exemplo, ’900 seareiros e seareiras. Moitas grazas!’, chegounos vía a CGENDL a seguinte nova:

A Área de Asesoramento Lingüístico do Servizo de Normalización Lingüística e a Oficina de Igualdade de Xénero da USC publican Criterios de linguaxe non sexista, unha guía práctica para identificar e evitar o sexismo na linguaxe.

Metémolo pois entre os nosos referentes e libros de consulta.

Parabéns polos seu traballo á autora, Alba Cid Fernández, e mais ao autor, Manuel Bermúdez Blanco.

80 anos de voto feminino

“Resolvede o que queirades, pero afrontando a responsabilidade de dar entrada a esa metade de xénero humano en política, para que a política sexa cousa de dous, porque só hai unha cousa que fai un sexo só: dar a luz; as demais facémolas todos en común, e non podedes vir aquí vós a lexislar, a votar impostos, a ditar deberes, a lexislar sobre a raza humana, sobre a muller e sobre o fillo, illados, sen contar connosco.” – Clara Campoamor en El voto femenino y yo.

O pasado martes día 4 de outubro fixeron oitenta anos des que se aprobase o voto feminino durante a Segunda República Española.

Progresos na tele estadounidense

Primeiro anuncio lésbico da televisión nos EUA.