Cultura libre « O divino ferrete

De mulleres e homes wikipedistas

Datos para a reflexión: segundo o artigo do New York Times titulado Define Gender Gap? Look Up Wikipedia’s Contributor List no que se explora a diferenza de sexos existente entre os editores da Wikipedia, hai 6,7 editores homes por cada muller. Este dato foi foi facilitado pola fundación Wikimedia; mais, segundo o API que rexistra os datos da Wikipedia acerca do xénero dos editores, a porporción sería aínda peor, de 12,9 a 1, polo menos nos 3.000 artigos analizados.

{Fonte: Microsiervos}

Parabéns, wikipedistas!

O 6 de setembro de 2012 a Wikipedia en galego acadou os 90.000 artigos. O artigo co que se logrou a cifra sinalada foi Xogos Paralímpicos de Londres 2012‎. Moitos e sinceros parabéns a editores, lectores e galegofalantes en xeral.

Creadores wikipédicos

“A 3 de agosto de 2012 os 20 editores máis activos en canto a creación de artigos da versión en galego de Wikipedia fixeran o 46,5% dos artigos totais (41.315 dos 88.859).”

{Fonte: Táboas de datos da edición en gl.wiki}

Galipediada na Cidade da Cultura

Aproveitamos a entrada de hoxe para dar difusión ao evento organizado pola Galipedia este sábado en Compostela.

A Wikipedia en galego vén de acadar os 75.000 artigos únicos, con máis de 2.000.000 de edicións e case 30.000 usuarios rexistrados, dos cales 300 son usuarios activos. Esta bonita restra de cifras ben vale de escusa para a organización dun galencontro, que terá lugar este sábado 17 de setembro entre as 10.30 e as 14.00 horas.

Trátase dunha xornada aberta sobre a Galipedia, e a ela queda convidado a todo o público interesado, sen importar o seu grao de coñecementos sobre a edición wiki. Aquelas persoas que así o desexaren poden achegarse á Cidade da Cultura, onde, na sala 2 da Biblioteca de Galicia, un grupo de galipedistas conformado por administradores e usuarios moi activos, impartirá un obradoiro de edición, ao que seguirá un coloquio aberto.

Non é imprescindible mais si é moi recomendable traer o ordenador portátil da casa, pois traballaremos conectados á WIFI da biblioteca.

ODF en Criticalia

Fragmento da crítica feita por Armando Requeixo.

Non hei ser eu quen trate de (des)convencer a ninguén sobre o (in)verosímil do festivo sexual de Lorena e Gloria, dama de honor e noiva que, nos días previos ao casamento desta última, deciden trebellar intensamente con todo canto apañan nos momentos e lugares máis insospeitados. Nin tampouco caerei na crítica fácil da falta de credibilidade dos diálogos ou da súa manifesta escaseza, pois, por riba de todo o anterior —sexa ou non—, préstame convidar a que se fisgue no volume, inzado de bo humor e desenfado, gaudium venéreo ao que, se consegue alegrar (no sentido que se queira), ben pouco máis pode pedírselle nestes tempos de crise, tan pouco excitantes.

{Fonte: Blog Criticalia}

UNESCO wiki

Á UNESCO e aos Estados signatarios da Convención do Patrimonio da Humanidade:

o noso apoio á proposta de recoñecer a Wikipedia como Patrimonio da Humanidade porque temos o convencemento de que Wikipedia é unha obra mestra do xenio creativo humano así como tamén un valor humano universal. Por favor, consideren a proposta de Wikipedia para devir o primeiro sitio dixital co rango de Patrimonio da Humanidade.

Que nolo explique Jimmy Wales:

The Wiki Game

Hoxe toca entrada sobre cultura libre, e moi divertida.

The Wiki Game é un xogo que consiste en ligar dúas entradas da Wikipedia mediante clics nas ligazóns internas. As entradas poden resultar dispares até o ridículo, e para acabar de complicar as cousas existe un tempo límite e outros usuarios que tratan de facer exactamente o mesmo ca nós. O máis curioso é que o camiño entre a entrada de orixe e a de destino pode resolverse as máis das veces entre cinco e oito saltos.

Por se isto non fose suficiente, existen 5 modalidades distintas de xogo: ‘O camiñante máis rápido’, ‘ O camiño máis curto’, ‘Seis graos de separación’, ’5 clics até Xesuscristo’ e ‘Sen os EUA’.

Malia ter como base a Wikipedia (en.wiki) o xogo non forma parte da Fundación Wikimedia senón que se trata dunha iniciativa particular de Alex Clemesha.

Sorte e maña.

Banksy en Park Street

O graffiteiro Banksy é cada vez máis famoso para o gran público. A súa pintada na que aparecen debuxados un marido celoso, a súa muller en roupa interior e o amante nu pendurado da fiestra, foi feita da noite para a mañá nunha clínica de saúde sexual en Park Street, Bristol. A imaxe deveu tan popular que, logo dunha enquisa en liña, o concello decidiu que permanecese. E con razón. Os Banksys orixinais véndense hoxe a razón de decenas de miles de libras, e os catálogos e libros de imaxes do artista tampouco non vendan nada mal.

As pintadas de Banksy teñen un aquel claro de rebeldía antisistema que non obstante acaban abrazándoo, sobre todo a medida que gañan en popularidade. Todo bloque de edificios soña con que unha noite Banksy lle faga unha trasnada.

Festival Bccn

En 2010, BccN 1ª Mostra de cinema Creative Commons foi a primeira de tales características no mundo.

Na edición 2011, do 18 ao 22 de maio, BCCN será un festival realizado baixo licenza Creative Commons e baixo a premisa ‘copia este festival’, con licenza Atribución NonComercial-Compartir Igual. Isto significará que o propio festival podera ser descargado, copiado, reversionado, distribuído e proxectado de maneira gratuíta en calquera recuncho do mundo.

Con isto, quérese promover a organización do mesmo evento en diferentes lugares do mundo, multiplicando o efecto divulgador do acontecemento e reducindo o traballo de montaxe do festival ás súas particularidades loxísticas.

Copias e máis copias

A estas alturas hai que estar bastante despistado para non se decatar que O divino ferrete ten todos os contidos de seu liberados cunha licenza Creative Commons. Dende a música, os logos e ilustracións ou os relatos até as entradas do blog, o propio guión, ou o filme que aínda está por chegar e que colgaremos aquí mesmo. Por este motivo, saudamos o documental ¡Copiad, malditos! que TVE emitiu hai apenas uns días e que explica meridianamente ben o cambio de modelo(s) que viven as chamadas industrias culturais. Invitáronnos a copiar e así o facemos: