Equipo « O divino ferrete

O making-of

Este é un dos vídeos do making-of. É lixeiriño, malo será que escandalice.

O que sucede é que tamén temos unha versión algo máis longa con porno do duro, e esta si que non vola recomendamos se estades a ler esta entrada no lugar de traballo, na compaña de familiares ou similares.

Preme aquí para ver a versión dura deste avance do making-of

ODF na Guerra do Sapo

Os amigos do Modus Vivendi de Compostela tiveron a amabilidade de nos convidar hai algunhas semanas a tomar unhas cervexas no seu local e a falarmos por espazo de máis dunha hora con Alfredo Padilla, o conductor d’A Guerra do Sapo, que se interesou por este proxecto de normalización da lingua co porno como vehículo.

Foi un gusto, e o a ambiente estaba moi acolledor, de verdade. Tiveron ademais a xentileza de o gravar para despois o subir á rede co formato dun podcast, é dicir, que calquera que o desexe pode escoitalo para saber en que punto estamos agora mesmo; basicamente, digamos que acabamos de gravar unha serie de entrevistas cos que serán os actores acompañadas dun casting porno a posteriori (temos ben de horas de material) no que houbo de todo: tríos, dobres parellas, un de a dous moi tradicional etc. Se aínda non o quitamos na nosa web é porque non nos deu tempo a montalo. En todo caso, sinalar que ademais dos nosos actores protagonistas, Yara Lamas e Totó García, sumáronse ao elenco outros dous mozos cuxo nome permanece polo momento no anonimato e mais unha moza compostelá, de nome Nadia Compostela.

En resumo: graciñas á xente do Modus polo seu apoio e por nos deixaren o podcast co que foi o programa inaugural d’A Guerra do Sapo, onde o equipo do Ferrete estivo representado por Helena Capera (blogueira), Marga Tojo (blogueira e entrevistadora no mencionado casting), Alejandro Tobar (guionista) e Totó García (actor).

Até aquí o parte de novidades ferreteiras.

Entrevista co director

Entrevista con Matías Nicieza, director do filme O divino ferrete, no programa É Cultura de Telelugo.

O divino ferrete íspese na USC

O primeiro striptease nunca é fácil. O corazón late forte e a vergoña invádeche o corpo. O público, único ou multitudinario, mírate expectante. E queres facelo tan ben como imaxinaches cos ollos pechados. Adoitas comezar torpe. E soamente co paso das notas es capaz de sentirte segura e aguantar a mirada. A roupa deslízase suave e finalmente móstraste enteira. E ao rematar, as risas de complicidade e os aplausos agarimosos amosan que pagou a pena.

Este foi tamén o ritmo do primeiro striptease do divino ferrete na Facultade de Xornalismo da USC, o pasado 7 de abril. Para espir integramente as entrañas do que vai ser o primeiro filme pornográfico en galego, organizouse unha charla na que participaron catro persoas do equipo ferreteiro: as blogueiras Olalla Tuñas, Ana Vispo e Helena Capera e mais o actor Totó García.

Falouse da orixe do proxecto, das súas raíces no seo de GalegoLab e do propio impulso que finalmente colleu esta iniciativa a favor da normalización do galego. Recoñeceuse o labor das primeiras persoas que colaboraron nesta aventura: o equipo de guionistas formado por Diego Ameixeiras, Xabier Cid, Begoña Paz, Alejandro Tobar e Iolanda Zúñiga, todos eles escritores de renome. E de artistas como a mezzosoprano Lucía Vázquez, o descarado Leo ou o debuxante Héctor Barros, que cederon as súas habilidades para mellorar este proxecto.

Explicouse tamén que O Divino Ferrete é unha iniciativa con licenza Creative Commons para todo, e que unha vez rematado o filme, este será colgado na rede para que todo o mundo poida velo e compartilo. Falouse dos cartos, da necesidade de financiamento que ten o proxecto aínda que ninguén, agás os actores e actrices, cobrarán polo seu traballo. Da importancia das doazóns e da colaboración coa compra de camisolas e exemplares do guión da película en Toupa.net para poder cubrir o orzamento previsto.

Tamén houbo referencias ás dificultades de atopar actores e actrices nun contexto como Galicia. Un problema que, segundo afirmou Totó, non se debe á suposta mentalidade conservadora da poboación galega senón á enorme dispersión xeográfica que dificulta a mobilidade e a posible colaboración de novos talentos do cinema X. Repasouse a historia do blog, das súas colaboracións, das entradas máis destacadas e dos comentarios máis épicos. Da variedade dos contidos que se tratan e da multiculturalidade dos seus autores. Houbo espazo, tamén, para a autocrítica. Para falar do sexismo pegañento que todo o impregna e que tan difícil é facer desaparecer nunha película na que o sexo é o espiñazo.

Fixéronse preguntas e fotografías. E houbo risas, moitas risas de primavera. O proxecto quedou en roupa interior diante dunha aula ateigada de estudantes que escoitaban e observaban con curiosidade. Finalmente, o espido integral chegou de mans da avoa de Olalla. Ela non estaba na aula, pero si as palabras da súa neta que recordaron como unha mañá de sábado, mentres ela falaba coa súa nai dalgunhas críticas que recibiu por colaborar nun proxecto pornográfico, a súa avoa interveu para sacar ferro ao asunto. E díxolle: “Nena, pero se foder fodeuse sempre”. E máis risas e aplausos antes de volver vestir o divino ferrete.

Casting O divino ferrete

*******************************************************************************

ÚLTIMO AVISO PARA NAVEGANTES X

*******************************************************************************

Este sábado 19 na Coruña: casting ODF

Este sábado 19 de marzo de 2011 terá lugar unha primeira rolda de casting de actrices e actores pornográficos, e será na cidade da Coruña.

Quen esteades interesados aínda tedes tempo para nos achegardes os vosos datos (nome e apelidos, data e lugar de nacemento e residencia, teléfono de contacto) acompañados de dúas fotografías (unha de cara e outra de corpo enteiro) ao enderezo de correo:

casting@odivinoferrete.com

Queda de prazo todo o día de hoxe. Á medianoite pecharemos o quiosco das candidaturas, e de aí procederemos a contactar convosco por vía telefónica -ou no seu defecto polo correo electrónico- para indicarvos o lugar e a hora exacta do casting.

Sorte e animádevos, que xa sodes uns cantos -e unhas poucas- e a cousa promete ser ben entretida e profesional.

Un saúdo,
O equipo do divino ferrete.

Moda de vangarda

“Precisamente porque quitan a roupa hai que pensar moi bien o que poñen”, así respondía Gonzalo Vázquez hai uns días a Marcos Sueiro en Xornal de Galicia cando lle preguntaba pola súa colaboración como deseñador e responsable de vestiario para este proxecto noso. E facío en galego, un dos seus sinais de identidade que o conectan intimamente connosco.

O nome de Gonzalo Vázquez asóciase decote con espectáculos e creación cultural. Así, por exemplo, ten deseñado o vestiario para artistas como Ugia Pedreira, Uxía Senlle ou Guadi Galego. Non obstante, se estes días Vázquez está nos medios é porque acaba de abrir ao público o seu atelier da Vía Sacra compostelá, onde comeza unha nova etapa co seu proxecto GV.

En fin, soamente desexarlle o mellor ao noso deseñador e agradecerlle que sen retribución económica ningunha aceptase facerse cargo do vestiario do divino ferrete.

Il ferrete amoroso, de balde

Tachán! Xa está listo o primeiro tema musical de produción propia, interpretado por Lucía Vázquez e gravado grazas á axuda de Roberto Mallo. E co gallo disto, Xornal de Galicia saca hoxe unha reportaxe asinada polo xornalista Alberto Ramos na que dá conta dos nosos avances no eido musical.

Noutra orde de cousas, incluímos unha ficha de Esferobite na lapela Equipo, pois son Juan Lesta e Belén Montero quen se ocuparán do trailer para O divino ferrete.

Máis sorpresas nos vindeiros días.

A mezzosoprano viguesa Lucía Vázquez fotografada por Sonia Daponte.

Xeración Ferrete

A xuntanza de Compostela foi un éxito. A reunión durou arredor de dúas horas e media e despois aínda quedamos ben deles parolando e bebendo cafés e cervexa; iso de seu xa é indicativo, e as actas, das que daremos conta nos vindeiros días, deixarán entrever o resto.

Moitas grazas á xente da Casa das Crechas, que nos cedeu a saliña de embaixo, tan agradable. E moitas grazas tamén a Sergio Lago de Toupa e a Rubén Bouso de Dinahosting pola súa valiosísima contribución.

Uns poucos datos: estivemos dezasete -8 mulleres, 9 homes- dos vinte e catro membros fixos que até o sábado integraban o equipo -hoxe xa sumamos algúns máis, que comunicaremos ao longo da semana-. Tocamos puntos moi diversos, dende un repaso global aos obxectivos da normalización até as posibilidades de financiamento, onde abrollaron propostas do máis interesante que, tamén estas, serán expostas así que esten redactadas e pulidas.

Matías Nicieza, que veu de Burela e vai ser o encargado da montaxe do filme, falou nun momento dado das especiais circunstancias que arrodean o proxecto, e largou, nunha chiscadela, unha denominación para este grupo de xente nova e desinhibida con arelas de reconsiderar os moldes para o galego. Falou de Xeración Ferrete, e eu persoalmente creo que falou ben. Veremos até onde somos capaces de chegar.

Polo de pronto, hai unha promesa: a de non nos crearmos máis dependencias das estritamente necesarias, o cal vai ser fundamental para que o produto sexa tan innovador como, en base ao falado na reunión, todos desexamos.

Seguimos.

Xuntanza

Hoxe, sábado día 23 de outubro de 2010, temos a primera reunión fóra da virtualidade do equipo d’O divino ferrete, integrado por máis de 20 persoas. A xuntanza é en Compostela, e promete. Polo de pronto, por obra e graza da lingua, o porno conseguiu facer que voguen á par xentes do máis dispar.

Poida que o luns chegue cargado de novidades.

Autoría de Iago Pillado