Gonzalo Vázquez, o noso responsable de vestiario, presenta colección, por iso traemos esta nova que onte aparecía publicada en La Voz de Galicia na súa versión dixital.
A igrexa da Universidade de Santiago acollerá este xoves, 10 de novembro, ás 21.00 horas un fashion show de Gonzalo Vázquez, a través do cal o deseñador galego inaugurará a súa primeira tenda en liña e presentará a súa primeira colección prêt-à-porter, MEAT&DREAM, con propostas para este outono-inverno.
O evento mesturará moda e arte, integrando as pezas da nova colección nun espectáculo artístico que se retransmitirá en directo a través de Youtube. A colección de alta costura ideada polo modisto galego está inspirada no universo cinematográfico de David Lynch e na poesía de Paul Celan, con pezas de corte sobrio e elegante seguindo a liña da marca GV e a súa aposta pola moda actual e urbana.
Gonzalo Vázquez conta xa cunha recoñecida traxectoria na confección a medida. Durante os últimos anos vestiu as producións máis destacadas da música e o teatro galegos, presentando as súas pezas en mostras de Galicia, Barcelona e Italia.

{Fonte: La Voz de Galicia}










