Eventos « O divino ferrete

Este sábado 19 na Coruña: casting ODF

Este sábado 19 de marzo de 2011 terá lugar unha primeira rolda de casting de actrices e actores pornográficos, e será na cidade da Coruña.

Quen esteades interesados aínda tedes tempo para nos achegardes os vosos datos (nome e apelidos, data e lugar de nacemento e residencia, teléfono de contacto) acompañados de dúas fotografías (unha de cara e outra de corpo enteiro) ao enderezo de correo:

casting@odivinoferrete.com

Queda de prazo todo o día de hoxe. Á medianoite pecharemos o quiosco das candidaturas, e de aí procederemos a contactar convosco por vía telefónica -ou no seu defecto polo correo electrónico- para indicarvos o lugar e a hora exacta do casting.

Sorte e animádevos, que xa sodes uns cantos -e unhas poucas- e a cousa promete ser ben entretida e profesional.

Un saúdo,
O equipo do divino ferrete.

De cregos e vicio

Demos conta aquí o sábado da maratón galipédica. O reto consistía en redactar e aquelar un total de 500 novos artigos en 24 horas. Ben, pois non se superou. Pouco lle faltou. Creáronse 451. É, con todo, un bo resultado, por varios motivos:

1) Tendo en conta que ao ano a enciclopedia galega medra en 12.000 artigos, e que polo tanto falamos de 1000 ao mes, daquela 451 nun só día non é nada mala cifra.

2) O galego escalou un posto na clasificación de linguas segundo o número total de artigos, atrás queda agora o nepalí e diante o hindi.

3) O desafío wikipédico tiña o seu aquel, porque nas condicións de edición estaba especificado que non se creasen artigos mínimos ou sen formato. Así, por exemplo, evitouse que se chantasen entradas desleixadas coma a do avión Adam RA-14 Loisirs e primou a creación, por así dicilo, aquelada, feitiña; valla de exemplo o artigo do físico Walter Kohn ou a obra A arte da pintura, bastante representativos do que se pedía.

Dos 451 novos artigos cos que a Galipedia conta dende o pásado día 12, hai un que dá moito xogo para este proxecto do Ferrete. Trátase do titulado Os cregos na cultura popular galega, que foi elaborado a partir de diversa bibliografía, onde figura por suposto tanto o cantigueiro coma o refraneiro, tan sabios.

O crego da miña aldea
ten as cirolas rachadas
que llas rachou a silveira
por correr tras das criadas.

O crego de Escravitude
leva a criada na burra,
na primeira carballeira
dálle unha sacudidura.

O cura de San Martiño
éche moi bo confesor,
que confesou á criada
debaixo do cobertor.

E para pechar un refrán:

“Cregos, frades, curuxas e choias, dou ó diaño esas catro xoias.”

Maratón galipédica

Hoxe, día 12 de marzo de 2011, está a ter lugar a chamada maratón galipédica, un evento do máis interesante que conmemora o oitavo aniversario de Wikipedia en galego (a versión en lingua inglesa é dous anos maior). Os editores tratan de chegar aos 500 novos artigos creados en 24 horas. E hai premio, porque aqueles usuarios rexistrados que máis artigos sexan capaces de crear -e aquelar; hai un mínimo de liñas e formato- recibirán como agasallo unhas camisolas ben charramangueiras.

Moi boa iniciativa. Parabéns, Galipedia.