Iniciativas « O divino ferrete

Irmandade Galega de Adegueiros

Aplaudimos a creación da Irmandade Galega de Adegueiros o pasado 4 de xullo en Ribadavia, que promove a normalización lingüística na etiquetaxe das botellas de viño do país e outros sectores agroalimentarios, tal que o cárnico. «No caso dos viños queremos que, ademais da etiquetaxe, a literatura da botella sexa enteiramente en galego. De momento uníronse 197 marcas e 400 empresas, o cal supón o 40 % do total. E esperemos que aumente ao 50 %, xa que se trata dun sector moi receptivo», explica José González, presidente do Foro Peinador.

Kubus, o fútbol en galego

(…) tentar encher o baleiro que presenta o periodismo relacionado co deporte rei en lingua galega. A intención final de que mensualmente preto de cen páxinas con contido futbolístico en lingua galega pasen a imprenta. A búsqueda da superación da utopía, poder ofrecer en cada número textos de autoría relevante. Que persoas de renome no ámbito do fútbol presenten as súas verbas para seren traducidas a lingua galega.

Así se presenta a revista Kubus, “primeira revista do fútbol e a súa historia en lingua galega”. Ese é o camiño, que o galego chegue a todos os ámbitos. Parabéns.

Disquecooliño, Ano I

Moi ben Disquecool por ese primeiro aniversario como medio de tendencias na lingua que nos é propia. Moi recomendada a visita a este interesante portal informativo feito con gusto e profesionalidade. Si, moitos parabéns.

Cultura castrexa e poligamia

O arqueólogo Xurxo Ayán respondeu así unha das preguntas que lle trasladou Xurxo Salgado durante a entrevista que onte saía publicada no dixital Galicia Confidencial.

Pregunta – Apuntas na túa tese que os castrexos poderían ser polígamos. En que te baseas para dicir iso?

Resposta – Na primeira parte, como dixen, tento demostrar como outra Arqueoloxía puido ser posible de non ser pola creba de 1936 que impediu a consolidación de visións alternativas (e progresistas) sobre o mundo da Idade do Ferro. O que predominou dende entón foi o tradicionalismo católico representado por Otero Pedrayo, Cuevillas, Risco ou Xaquín Lorenzo. Isto marcou até o de agora o sistema cultura galego e así se explica que, por exemplo, a homosexualidade siga sendo en parte un tabú á hora de abordar a historia cultural deste país. Salvando as distancias, do mesmo xeito, suxerir que os nosos devanceiros galaicos eran polígamos pois non sentaría moi ben. Esta é a diferenza con Portugal. Incluso durante o salazarismo, os etnógrafos e antropólogos lusos manexaban unha ampla experiencia antropolóxica (colonial, iso si) en África, coñecendo perfectamente a variabilidade de estruturas de parentesco e o predominio da familia extensa e da poligamia nas comunidades premodernas. Pero en Galicia semella que se aplicaba ao pasado o modelo de familia nuclear cristiá. A nosa experiencia etnoarqueolóxica con grupos como so añuak fannos ver que, por exempo, as casas-patio dos oppida meridionais poderían acubillar este tipo de familias extensas, con homes polígamos. De todos os xeitos, cómpre lembrar que a Arqueoloxía de Xénero, por exemplo, apenas se ten desenvolto no estudo do mundo dos castros. Algo moi necesario para rachar cos tópicos e prexuízos que proxectamos no pasado, eu o primeiro.

Mexo de ducha

Ouriñar na ducha aforra 4.000 litros de auga por persoa ao ano, segundo informa SOS Mata Atlântica, unha ONG brasileira que hai aglún tempo deu en lanzar unha campaña, Xixi no banho, que propuña o uso a bañeira e non do retrete para miccionar. O obxecto da campaña era inculcar este novo hábito para aforrar os 12 litros de auga potable que se perden cada vez que descarga unha cisterna.

{Fonte: Terra.com.br}

.gal xa!

Estes días ábrese o prazo para que as diferentes organizacións interesadas presenten as súas solicitudes de dominios nada rede perante a institución encargada de concedelos, a ICANN.

O obxectivo é que Galicia conte cun dominio de seu no que agruparmos os contidos referentes á nosa lingua e cultura. A asociación Puntogal será a encargada de materializar esa solicitude, que ten o apoio da Xunta, dos tres partidos parlamentarios, e dunha multitude de institucións e asociacións de referencia tal que Real Academia Galega, o Consello da Cultura, e as 3 univerdades galegas.

Trátase dun proxecto sen lucro, e partir do momento en que xere beneficios estes irán destinados á promoción da lingua e cultura nas novas tecnoloxías. De ser aceptada a proposta pola ICANN, os dominios .gal poderán rexistrarse en 2013.

O divino ferrete apoia a iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet

Señoras e señores

Distinguir entre “señora” e “señorita” non é nin un afago nin unha obriga, senón máis ben un residual sinal de machismo que persiste na nosa sociedade. Con esta idea como bandeira, diversas asociacións feministas de Francia lanzaron unha campaña para eliminar esa opción dos formularios e a correspondencia. Osez le féminisme e Chiennes de garde sosteñen que incluír a palabra “mademoiselle” (señorita) supón que a muller deba expor a súa situación persoal e familiar, algo que non sucede cos homes, que sempre son “señores”.

{Fonte: La Información}

Do silencio á rede

De Concepción Arenal ás miles de mulleres anónimas que hoxe continúan a loitar contra as mil caras do patriarcado. De Rosalía de Castro á Rede Feminista Galega. Das sufraxistas á Marcha Mundial das Mulleres. De Enriqueta Otero ás labregas e mariscadoras. Todas, representadas na versión dixital da “Feminismo galego: cambios sociais e dereitos das mulleres”, unha exposición que en 2009 produciu a Fundación Galiza Sempre. Unha mostra que hoxe, dende a rede, amosa unha parte fundamental, e tantas veces silenciada, da nosa historia.

Autoría da imaxe: Xornal Certo

Masturbación colectiva

A primeira práctica homosexual de moitos homes acontece na adolescencia, cando participa nunha masturbación colectiva arredor dunha revista ou unha película. Pallas exhibicionistas, o xogo da galleta, corridas en compañía. Prácticas representadas na gran pantalla e nas novelas. Unha realidade visibilizada e aceptada socialmente.

Coa masturbación feminina non acontece o mesmo. A maioría das mulleres descubrimos o noso clítoris en solitario. Este órgano (o único creado exclusivamente para o pracer!) convértese nun segredo e as almofadas e os peluches nos nosos eficientes confidentes. Algunhas mulleres tamén practican masturbacións en compañía: de nenas, sen saber que iso de tocarse coas amigas ten un nome tan longo; e de maiores, coas amantes femininas.

A masturbación é algo natural que todos e todas facemos. Pero sobre ela pesan enormes tabús. Para reivindicala, nomeala e, sobre todo, visibilizala un grupo de mulleres protagonizou en maio de 2009 a primeira masturbación feminina, colectiva e pública da que se ten constancia. Foi en Valencia, durante as xornadas Interferencias Viscerales celebradas na Universitat Politècnica. A acción, bautizada como Taller de masturbación colectiva na vía pública, foi colgada na rede e chegou a acadar 35.000 visitas, ademais dunha infinidade de comentarios. Finalmente, o vídeo foi bloqueado por “ofensivo” (segundo o criterio dalgúns voyeurs, claro).

Obxectivos da Marcha Mundial das Mulleres

En 2006, en Lima, celebrouse o VI Encontro Internacional da Marcha Mundial das Mulleres no que foron acordados os seguintes 8 obxectivos:

1.- Fortalecer e manter un vasto movemento de solidariedade entre todas as mulleres e organizacións de base para que a Marcha constitúa un xesto de afirmación das mulleres do mundo.

2.- Promover a igualdade e a xustiza entre mulleres e homes, entre mulleres e entre todos os pobos.

3.- Seguir construíndo e fortalecendo un amplio proceso de educación popular onde todas as mulleres podan analizar por sí mesmas e para elas mesmas, as causas da súa opresión, da súa discriminación e as posibles alternativas.

4.- Pór en práctica as reivindicacións e as alternativas comúns aos movementos das mulleres do mundo, a escala local, nacional, rexional e internacional, ao redor dos temas de pobreza e de violencia cara ás mulleres.

5.- Exercer presioóns políticas sobre os gobernos e as institucións políticas multilaterais (por ex a ONU), para que realicen os cambios necesarios para mellorar as condicións e a calidade de vida das mulleres do mundo, incluíndo unha política de desarme e de resolución pacífica de conflitos, a fin de todas as impunidades e da corrupción, do uso da violación como arma de guerra, das ocupacións e da presenza militar extranxeira ao igual que a imposición de bloqueos político-económicos.

6.- Rexeitar e denunciar ls institucións internacionais financeiras, económicas e militares (FMI, OTAN, OMC, BM, corporacións transnacionais, axencias de cooperación que condicionan as nosas loitas, etc.) que empobrecen e marxinan as mulleres, e incrementan a violencia cara a elas, e traballar con propostas institucionais alternativas.

7.- Levar á población en xeral, aos outros sectores da sociedade e aos movementos sociales a apoiar e realizar os cambios que sexan necesarios para mellorar a posición, as condicións e a calidade de vida das mulleres do mundo enteiro.

8.- Elaborar e instrumentar accións e proppstas feministas con miras a denunciar as corporacións, institucións económicas e financeiras e gobernos que propician a explotación e a degradación dos nosos recursos, os cambios climáticos e a perda da nosa biodiversidade. Loitar pola soberanía na xestión dos nosos recursos medioambientais que leve a un modelo de desenvolvemento que atenda as necesidades fundamentais das xeracións presentes e futuras.

Máis información relacionada en WikiGender.