Opinión « O divino ferrete

Do cretino homófobo

(…) Feijóo ser é solteiro, así que agora poderá casar con quen queira e facelo legalmente, co amparo da Constitución Española, da que tan devoto é. Se quer, mesmo, poderá casar con alguén do seu mesmo sexo, alguén ao que secretamente odie, polo mero feito de ser homosexual. É un comezo inusual para un matrimonio, ben o sei, casar con alguén a quen odias. Pero o certo é que un sempre casa con alguén a quen ama, e mira ti como adoitan acabar as cousas.

Texto extraído da entrada A homofobia sen coartadas e os muchos-amigos-gays, do blog Un País en Lata, administrado por Fran P. Lorenzo.

Imigración e industria do sexo

Se facemos caso das cifras oficiais, as porcentaxes de inmigración relacionada coa industria do sexo que habitualmente se citan son entre un 80% e un 90%, pero carecen dunha base empírica fiable. Sucedeu co famoso informe da Garda Civil de 2005, que foi tan citado no seu momento como ‘fonte de autoridade’ en medios oficiais. Unicamente facía referencia aos clubs de estrada, deixando á marxe as zonas urbanas e, por conseguinte, amplísimas formas de exercicio da prostitución de mulleres españolas que quedan ocultas, en particular as de alto standing (call-girls, mozas de compañía, peep-shows, casas de masaxe etc.) e pisos de contacto, sobre todo. Canto á proporción de mulleres inmigrantes vítimas de trata, as cifras están decote a mercé das distintas posicións ideolóxicas ao redor da prostitución. Dende o abolicionismo négase que exista a prostitución libre e, como moito, admítese que chegue a un 5%. Se as asociacións de defensa das traballadoras sexuais din que na súa inmensa maioría (80%) elixen voluntariamente a prostitución, entendo que esa é a valoración correcta. – María Luisa Maqueda Abreu, catedrática de Dereito Penal da Universidade de Granada

{Fonte: Ideal}

Está o sexo sobrevalorado?

Vivimos nunha sociedade na que o sexo é unha arma para promover o consumo. Estimúlannos con corpos suorentos, cinguidas minisaias, peitos descubertos e ollares de luxuria. Falamos (e escribimos) constantemente sobre orgasmos, pirolas, conas e lambetadas. Gústanos tocar e que nos toquen. Compramos erotismo e caemos en sórdidas tentacións. Foder, xa se fodeu máis. Daquela: estamos obsesionadas co sexo?

Durante a infancia e a adolescencia, e tamén durante a etapa adulta, cástrannos sexualmente. O proceso de socialización lévanos a desconectar do noso corpo e a nosa sexualidade para reproducir o que está aceptado en cada grupo. Aquí, no chamado mundo occidental, construímos un imaxinario erótico baseado na literatura, o cinema, a publicidade e as revistas, ferramentas poderosísimas ao servizo do patriarcado. Así é como acabamos por apropiarnos dun arquivo mental imposto que asumimos como xenuíno.

O que está aceptado e declarado como normativo nunha sociedade patriarcal, puritana, colonizada polo catolicismo e, sobre todo, hipócrita coma a nosa, é a heterosexualidade monogámica e romántica. A todas as mulleres nos gustan os homes ata que se demostre o contrario, todas queremos ter sexo con amor e, por suposto, cun só home non compartido. Eles, en cambio, só deben ter ollos para as mulleres fermosas, posuír unha pirola grande e estar dispostos a ter sexo a todas horas.

Esta realidade única, aburrida e frustrante, vaise deconstruíndo nas nosas cabezas co correr dos anos, pero liberarse de todas estas pautas de conduta é unha tarefa heroica. Vivimos nunha sociedade que nos obriga a etiquetarnos como heteros, homos ou bisexuais, que nos reprime constantemente, que nos di como temos que comportarnos e que mesmo nos impulsa a desconfiar de quen vive libremente. Chégannos a desexualizar tanto que aínda hai moita xente que non sabe que o clítoris non é o un timbre senón o único órgano do ser humano destinado exclusivamente ao pracer; que a monogamia non é algo natural senón unha imposición moral; ou que as mulleres podemos corrernos como fervenzas desbocadas.

A imposición dunha sexualidade estándar lévanos a sobrevalorar todo o que está vinculado co sexo: dende os ferretes nocturnos de borracheira ata as escenas pornográficas dalgunhas películas. Pero o sexo é moito máis que unha penetración salvaxe ou un cunnilingus perfecto. É unha ferramenta de comunicación e liberación inmensa, un “lubricante social para establecer e manter as relacións”, asegura o sabio psicólogo Christopher Ryan.
Daquela, recoñecermos castradas e castrados é o primeiro paso cara a liberación sexual. Asumilo, a peaxe indispensable para pasar á segunda fase: explorar novos e húmidos horizontes. Moita sorte!

Os peidos (vaxinais) existen

As ventosidades son peidos, que manía con esconder o evidente. Prodúcense no ventre, pasan polo intestino e sacan a cabeza polo cu. Botalos fóra, nesta suposta sociedade moderna, resulta moi incómodo. Sobre todo cando queren saír mentres estás na cama, espida e cun amante fantástico ao teu carón. Non hai escapatoria posible: se ule mal ou se escoita un “puff”, fuches ti.

Pero, verdade que todo o mundo caga peidos? Daquela, imos reivindicalo como algo tan natural como pestanexar, respirar ou suar. Iso si. Para falar de peidos sairemos das nosas colonizadas mentes patriarcais e falaremos do que nunca se fai: dos peidos que nin saen polo cu nin teñen nada que ver cos efectos colaterais dunha boa fabada. Si, amigas e amigos, hoxe dedicaremos esta entrada aos marxinados peidos vaxinais!

Porque os peidos que saen das vaxinas son ventosidades moito máis escondidas que os peidos comúns. Moitas descubrímolos tardísimo. E se o facemos en solitario, adoitamos reaccionar coma os cans: mirando cara a abaixo sen entender de onde saíu o ruído.

Como o seu nome indica, este tipo de peidos prodúcense na vaxina cando diminúe o ton muscular das súas paredes. Durante o coito ou facendo exercicio, por exemplo, entra aire. Así que cando sae, e aínda máis se hai líquidos e fluxos de por medio, o estrondo pode chegar a ser tan potente como incontrolable! “Non é un peido”, apresurámonos a dicir as muller para escusarnos. Pero iso é mentira! Claro que é un peido. E vaxinal! Así que reivindicalo e nomealo servirá para dar a coñecer a súa sonora existencia.

As mulleres escravas do PP

Como se da Sección Feminina da Falanxe se tratase, o sábado pasado un coro de mulleres militantes do PP cantou nun mitin dedicado á familia unha versión denigrante do bolero de Armando Manzanero “Somos novios”. A letra dicía así:

“Somos nais, mantemos a nosa casa limpa e pura. Como todos, traballamos sen desdén, non hai dúbida. Choferesas, enfermeiras, cociñeiras e modistas, pedagogas, cantantes e até artistas, contacontos, albañís e economistas. Somos nais. Algunha cana asoma e choramos cando un fillo xa maior nos abandona. Engánanos o recibir algunha flor e unha aperta, pero máis nos gusta un bolso de Vuitton, sen facer máis comentarios. Somos nais, somos nais, somos nais”.

Noxento, vomitivo e lamentable. Todos os malditos roles de xénero metidos en catro liñas versionadas. As mulleres reducidas a nais, esposas, escravas, choromiqueiras, interesadas, consumidoras, débiles, coidadoras e, aínda por riba, estúpidas!

Non é novo que o Partido Popular amose sen vergoña a súa vontade de manter o patriarcado. E nada ten de estraño que un partido liderado por fascistas queira as mulleres agochadas. Cren que somos incubadoras que debemos parir e coidar da manda. Queren pecharnos de novo nas casas como nos anos 50, cando despois da II Guerra Mundial xa non había traballo para nós porque os homes volvían das trincheiras. Hoxe á guerra chámanlle crise. E ao recorte de dereitos, amor pola familia.

Negro é o futuro que nos espera, se negro non é xa o presente. Pero non debemos esquecer que as mulleres loitadoras se caracterizaron sempre pola súa valentía e optimismo. Así que seguiremos esixindo xustiza sen medo ao fracaso. E continuaremos sinalando co dedo os nosos odiados inimigos.

Envexa de clítoris

Segundo o misóxino Sigmund Freud todas as mulleres padecemos envexa de pene, un trauma que nos posúe de nenas cando descubrimos os xenitais masculinos e recoñecemos o noso corpo incompleto, castrado.

O que parece un chiste malo é unha teoría que mutilou a sexualidade de moitas mulleres ao longo do século XX. O falocéntrico Freud e a súa tropa interpretaban as mulleres como seres opostos aos homes. Consideraban que os orgasmos provocados pola estimulación do clítoris eran infantís (por non precisar o pene). E chegaron a ser tan ignorantes que obviaron non só que non envexamos as pirolas, senón que o noso clítoris é o único órgano do corpo humano dedicado, exclusivamente, a producir pracer.

O clítoris conta con máis de 8.000 terminacións nerviosas, a maior concentración que existe nun único órgano. Supera a hipersensibilidade das puntas dos dedos, dos labios e da lingua. O clítoris é puro nervio: un tesouro máxico!

Moitas somos as mulleres que algunha vez soñamos cunha pirola propia (colgando entre as pernas) ou que adoitamos falar sobre a forma e o tamaño dos xenitais dos nosos amantes (as que temos compañeiros masculinos, claro está). Pero a curiosidade non é envexa. Interésannos as pirolas, gústannos. Pero non somos celosas.

Entre outras cousas, porque cando de nenas descubrimos o noso clítoris, un mundo novo e fantástico se abre diante de nós. Aprendemos a tocalo, agarimalo, beliscalo. Gozamos cunha lingua, uns dentes, un alento. Viaxamos mentres o capuchón se abre e o botón crece e se expande. Sentimos o centro do universo debaixo do embigo.

Tan poderoso é o noso clítoris que nalgunhas sociedade a mutilación deste órgano se utiliza como mecanismo de control do corpo. Anulando o pracer, anúlase a persoa. E controlando a identidade das mulleres, mantense a hexemonía dos que mandan.

Se Sigmund Freud nacese muller, quizais titulase algunha das súas obras ‘Sabia natureza’. E o que nomeou loucura, chamaríao multiorgasmo. Pero naceu home e converteuse nun neurótico que falaba das mulleres sen coñecelas nin respectalas. E morreu sen imaxinar que, en todo caso, o sensato é padecer envexa de clítoris.

Pola visibilidade da regra

Para visibilizármonos como mulleres que sangramos, que temos unha regra que non ule a nubes. Para deixarmos de esconder os síntomas e as manchas da regra. Para destruírmos prexuizos e evitar medos absurdos. Para reivindicarmos o noso corpo e os nosos fluídos. Para esixirmos o final da ignorancia menstrual, aquí vai a tradución ao galego do ‘Manifesto pola visibilización da regra’:

“Aos que nos adoutrinastes no pensamento de usar e tirar. A todos aqueles que esperabades que rexeitásemos indefinidamente o noso propio corpo.

Este é o zume das miñas entrañas do que non fuxo, unha mancha sen límites, un rezumar que no podedes parar. O meu corpo espállase, o meu pensamento tamén. Con estas bragas manchadas de sangue como bandeira contra a doutrina do Poder, contra as estruturas establecidas, fágovos saber que:

- No meu corpo decido eu e así, cada mes, desfágome do endometrio reafirmándome na miña decisión de controlar a capacidade de reprodución do meu corpo. Na miña carne mando eu.

- Conseguístelo nalgún momento pero xa non teño vergoña de mancharme e, incluso, decido voluntariamente facelo exhibíndoo de forma pública.

- Mánchome e non me dá noxo. Mánchome e non me dou noxo. Non rexeito o meu corpo, esta é a miña natureza.

- Tampouco estou enferma cando teño a regra, non estou mala. Exactamente o contrario, recíclome con cada período.

- Non é unha maldición nin un castigo divino. É actividade hormonal.

- Estamos fartas dos prexuízos menstruais, da invisibilidade.

- Visibilizar a regra para visibilizar o corpo como espazo político.

Xa cansamos de pedir compresas entre murmuros e miradas cómplices. Con este manifesto poño fin á tiranía na que me educastes. Non hai máis permisividade pola mima parte. A miña regra é miña.

Mar Cejas
Valencia, marzo 2009”

Refráns para Elisa

Hai uns días recibín un fantástico regalo: Os mil e un refráns galegos da muller, un libro de Xosé Moreiras Santiso, editado en 1973. O agasallo leva unha dedicatoria antiga: “Para Elisa, no seu casoiro 29. Nadal 85”. E non deixo de imaxinar como sería Elisa e como se sentiu despois de recorrer (e revivir) uns refráns que maltratan a brava muller galega.

O refraneiro é sexista e misóxino. Todos, tamén o galego. Precisamente por seren o reflexo dunha sociedade machista e a transcrición das verbas dos homes (os únicos que durante moito tempo estiveron autorizados a falar), os refráns son literatura popular ao servizo do patriarcado.

Donas ás que controlar, “muller casada e honrada, a perna crebada para que non saia da casa”; das que desconfiar, «da muller e do mar non hai que fiar”. Mulleres envexosas, «boas son as miñas veciñas, mais fáltanme catro galiñas!»; malvadas, «as mulleres e o viño sacan o
home do bo camiño».

Mulleres ao servizo dos homes, «a burra e a muller, a paos hainas que tanguer»; coitadiñas, «a muller boa é a que non soa»; decentes, «a muller honrada, ao anoitecer na cama»; e, por suposto, ben feitiñas: «sen bulsa chea, nin rubia nin morena».

Moitas Elisas escoitaron frases coma estas ao longo das súas vidas. Pero seguro que máis dunha respondeu, sen medo a equivocarse, que «a muller fai o home». Dende que nace ata que pace. Durante toda a longa vida.

O Impedimento versus Capitán Castelán

Chegoume hai uns días a través da plataforma ProLingua a nova da publicación dun texto sen mala intención pero con moito patetismo, se un o le cun mínimo de espírito crítico:

Los que piensen que en Galicia sólo se cuecen pulpos van a llevarse una sorpresa. No es ningún secreto que grandes narradores han salido de aquella comunidad. Tampoco que los autores más recientes, aquellos que escriben en gallego, se estaban quedando sin poder acceder a todo el público que les gustaría. Para que el idioma no sea más un impedimento nace una nueva editorial, Pulp Books, que edita en castellano las obras gallegas que más están dando que hablar. Dime algo sucio, de Diego Ameixeiras; Querida catástrofe, de Teresa Moure; Vidas Post-it, de Iolanda Zúñiga, y Fábula, de Xavier Alcalá, son los primeros títulos publicados.

Ben. Non é unha introdución moi aló tirar de polbos e cazos ao máis puro estilo do pseudofolclorismo, pero pasa (só porque a nota de corte destes últimos anos está baixo mínimos). Tampouco é ningunha frase para enmarcar “los autores más recientes, aquellos que escriben en gallego, se estaban quedando sin poder acceder a todo el público que les gustaría“, por unha banda polo que ten de engano canto de que, ao dicir do redactor, son os autores recentes os que escriben en galego, do que se tirae que quen non son recentes escriben en castelán, non é?, e pola outra por ese específico “se estaban quedando sin poder acceder a todo el público que les gustaría“, cousa que lle pasa ao escritor en calquera lingua, tamén aos da inglesa, porque unha tradución sempre amplia o abano de posibles lectores. Sería concebible unha frase así para unha obra en castelán traducida a outra lingua? Non. “El escritor en castellano se estaba quedando sin poder acceder a todo el mundo que le gustaría“… e de aí unha nova versión en chinés mandarín! Non teman, señores protectores da ‘lengua común’ (esta denominación para o castelán si que é un despropósito), non se ha dar o caso.

E por último, a desfeita das desfeitas. Unha frase digna das columnas de opinión de Roberto Blanco Valdés para La Voz de Galicia:

“Para que el idioma no sea más un impedimento nace una nueva editorial, Pulp Books.”

Impedimento < > Lingua galega.

Que conste que a iniciativa Pulp Books é loable, e eu persoalmente mesmo fixen por difundila non hai moito, na medida das miñas posibilidades, claro. A parvada, afortunadamente, limítase á redacción (estou convencido que sen ningunha mala intención, mais cunha considerable carga de prexuízos), que para a revista Paisajes desde el Tren, que RENFE reparte nas viaxes de longo percorrido, fixo un señor consciente de que moitos grandes narradores saíron daquela ‘comunidade’ (Galicia). E imaxino que Larra, Calderón ou Benavente son para el catalogables como escritores da ‘Comunidad de Madrid’.

Amantes e tipoloxía

Hai amantes secretos e amantes políglotas. Amantes infinitos, de colores distintos. Amantes que se queren sen dicilo, que aman sen sabelo. Mulleres e homes namorados, parellas que casan sen quererse. Hai amantes de adolescencia. Tamén da terceira idade. Amantes maduras, coas que fas plans de vida. De sexo marabilloso, coas que esqueces as horas. Amantes-amigos, de fin de semana. Están os prescindibles e os futuros ex-mozos. Os amantes indomables, viciosos e tolos. As amantis relixiosas, que todo o comen e sempre repiten. Que ocupan corazóns sen permiso. Que nunca lembran o teu nome. Amantes 2.0, de dedos máxicos. Amantes insaciables, de linguas fantásticas. Acompañantes cansos de tanto amor e pouco sexo. Amantes con guitarra que sempre perden a vara máxica. Amores de barrio, ou da outra punta do mundo. Amigos dos libros que regalan orgasmos hipnóticos. Tamén existen os que roncan e as que agariman os corpos con delicadeza. Os que non queren marchar e as que nunca aparecen. Amantes xogadores do tetris na parte traseira dos coches. Amantes de sábanas brancas, con medo ás etiquetas. Corpos que preparan zumos de laranxa, que viaxan pola vida en solitario. Amantes que marchan coa lúa, que corren para non ser cazados. Amantes lindos. Bonitas amantes. De todos as formas, texturas e olores. Amantes de todas. Imperfectos amantes!