Literatura « O divino ferrete

Sexual Herria

Unha portada de impresión.

E esta é a presentación editorial:

A xornalista inadaptada, feminista herexe, diamante en bruto e vedette de arrabalde, Itziar Ziga, tras nove anos de sexilio en Barcelona, regresou a Euskal Herria, preguntándose se os vascos pasan do sempiterno sirimiri á choiva dourada; se ademais de subvertir empezan a pervertir; se de ver paisaxes verdes e verdes na paisaxe pasan a ser vellas e mozos verdes… Volveu á terra que a viu nacer disposta a compartir a súa visión da loita, do feminismo, do compromiso, do pracer, disposta, a reputificar a súa patria: Sexual Herria.

O Impedimento versus Capitán Castelán

Chegoume hai uns días a través da plataforma ProLingua a nova da publicación dun texto sen mala intención pero con moito patetismo, se un o le cun mínimo de espírito crítico:

Los que piensen que en Galicia sólo se cuecen pulpos van a llevarse una sorpresa. No es ningún secreto que grandes narradores han salido de aquella comunidad. Tampoco que los autores más recientes, aquellos que escriben en gallego, se estaban quedando sin poder acceder a todo el público que les gustaría. Para que el idioma no sea más un impedimento nace una nueva editorial, Pulp Books, que edita en castellano las obras gallegas que más están dando que hablar. Dime algo sucio, de Diego Ameixeiras; Querida catástrofe, de Teresa Moure; Vidas Post-it, de Iolanda Zúñiga, y Fábula, de Xavier Alcalá, son los primeros títulos publicados.

Ben. Non é unha introdución moi aló tirar de polbos e cazos ao máis puro estilo do pseudofolclorismo, pero pasa (só porque a nota de corte destes últimos anos está baixo mínimos). Tampouco é ningunha frase para enmarcar “los autores más recientes, aquellos que escriben en gallego, se estaban quedando sin poder acceder a todo el público que les gustaría“, por unha banda polo que ten de engano canto de que, ao dicir do redactor, son os autores recentes os que escriben en galego, do que se tirae que quen non son recentes escriben en castelán, non é?, e pola outra por ese específico “se estaban quedando sin poder acceder a todo el público que les gustaría“, cousa que lle pasa ao escritor en calquera lingua, tamén aos da inglesa, porque unha tradución sempre amplia o abano de posibles lectores. Sería concebible unha frase así para unha obra en castelán traducida a outra lingua? Non. “El escritor en castellano se estaba quedando sin poder acceder a todo el mundo que le gustaría“… e de aí unha nova versión en chinés mandarín! Non teman, señores protectores da ‘lengua común’ (esta denominación para o castelán si que é un despropósito), non se ha dar o caso.

E por último, a desfeita das desfeitas. Unha frase digna das columnas de opinión de Roberto Blanco Valdés para La Voz de Galicia:

“Para que el idioma no sea más un impedimento nace una nueva editorial, Pulp Books.”

Impedimento < > Lingua galega.

Que conste que a iniciativa Pulp Books é loable, e eu persoalmente mesmo fixen por difundila non hai moito, na medida das miñas posibilidades, claro. A parvada, afortunadamente, limítase á redacción (estou convencido que sen ningunha mala intención, mais cunha considerable carga de prexuízos), que para a revista Paisajes desde el Tren, que RENFE reparte nas viaxes de longo percorrido, fixo un señor consciente de que moitos grandes narradores saíron daquela ‘comunidade’ (Galicia). E imaxino que Larra, Calderón ou Benavente son para el catalogables como escritores da ‘Comunidad de Madrid’.

ODF en Criticalia

Fragmento da crítica feita por Armando Requeixo.

Non hei ser eu quen trate de (des)convencer a ninguén sobre o (in)verosímil do festivo sexual de Lorena e Gloria, dama de honor e noiva que, nos días previos ao casamento desta última, deciden trebellar intensamente con todo canto apañan nos momentos e lugares máis insospeitados. Nin tampouco caerei na crítica fácil da falta de credibilidade dos diálogos ou da súa manifesta escaseza, pois, por riba de todo o anterior —sexa ou non—, préstame convidar a que se fisgue no volume, inzado de bo humor e desenfado, gaudium venéreo ao que, se consegue alegrar (no sentido que se queira), ben pouco máis pode pedírselle nestes tempos de crise, tan pouco excitantes.

{Fonte: Blog Criticalia}

1984 XXX

O Departamento de Rexistros, despois de todo, non era máis ca unha simple rama do Ministerio da Verdade, cuxo principal cometido non era a reconstrución do pasado senón proporcionar xornais, filmes, libros de texto, programas de telepantalla, pezas dramáticas, novelas -con toda clase de información, instrución ou entretemento; dende unha estatua a un slogan, dun poema lírico a un tratado de bioloxía e dende o caderno de párvulos até o dicionario de novalingua- aos cidadáns de Oceanía. E o Ministerio non só tiña que atender as múltiples necesidades do Partido, tamén se encargaba de repetir toda a operación a un nivel inferior, máis acaído para o beneficio do proletariado. Había toda unha cadea de seccións autónomas que se ocupaba da literatura, a música, o teatro e, en xeral, de todos os entretementos para o proletariado. Alí producían xornais que contiñan unicamente información deportiva, sucesos e astroloxía, novelas de folletín sensacionalistas, filmes cargados de sexo e cancións sentimentais compostas por medios exclusivamente mecánicos nunha especie de calidoscopio chamado versificador. Había incluso unha sección coñecida co nome de Pornosec (en novalingua), encargada de producir pornografía do máis baixo nivel que era enviada en paquetes selados que ningún membro do Partido, agás aqueles que traballaban na sección, podía abrir.

Da novela 1984 de George Orwell

E agora pensemos na estratexia de mercadotecnia de Telecinco e outras xoias da coroa televisiva. Ao fío, convén lembrar tamén estoutra entrada sobre a relevancia de sexo e farandula na prensa escrita.

Da escritora antologada

(…) Cando algunhas mulleres aparecen ocasionalmente incluídas nunha escolma literaria “normal” -enténdanme, aquelas promovidas sen pretensións de ofrecer unha óptica de xénero-, estas autoras seleccionadas tenden a perder o posto en canto morren. As mulleres, tamén aquí, figuramos por cota, como se fósemos intercambiábeis por sermos idénticas, “tanto val unha coma outra”, todas tan femininas, tan representativas do mesmo, tan capaces de seren devoltas ao silencio unha vez cumprida a misión de figurantes…

Teresa Moure. As mulleres e a literatura. De onte a hoxe (2010).

Conxunción

Valla o mesmo proemio feito para a entrada Teoría Literaria X que publicamos neste espazo en novembro de 2010:

As túas balas foi un dos blogs en galego máis atrevidos e interesantes. Todos os seus contidos están liberados en dominio público, e grazas a iso podemos recoller aquí as historias encadradas na categoría ferretes.

Velaí vai logo esta nova entrega de ‘balística’:

Se os brasileiros son con diferenza os nachos que peor foden do mundo e este país onde vivo é o lugar onde peor se fode, meter un ferrete cun brasileiro nunha escola de discapacitados de auchterarder presentábase coma un reto. E aló fun. O casopo onde vivía era unha especie de faiado dun só cuarto que se erguía sobre a escola, e as paredes tíñaas empapeladas con cadros pintados por el, DVDs, e xogos de play: en auchterarder os días libres son peores cós días de traballo. Foi unha mágoa, con todo, que entre eses DVDs non houbese unha guía pra aprender a pinar. Guilherme non bicaba, nin tocaba apenas, nin acariñaba, nin por suposto zugaba. Correspondía co modelo A de brasileiro: espiuse, deitouse boca arriba e esperou que eu fixese algo. Eu empecei con vocación e vontade, pero pouco e pouco fóronseme esquecendo os folgos, vendo que aquela masa de paulista tirando a fortachón tendía á inmobilidade absoluta. Cando me dixo un “estás moi tranquilo” comprendín que todo chegara á súa fin. E nesa noite, por primeira vez en 33 anos, deixei o ferrete a medias e marchei.

erótico, porno e/ou obsceno

Aló polo mes de outubro de 2010 puxemos unha interesante entrada titulada Definicións de pornografía, onde amais de facermos un repaso polo concepto ao correr da historia, criticamos a definición que lle outorga o dicionario Ir Indo, esta:

“Representación obscena de calquera tipo coa finalidade de excitar sexualmente.”

Ben, pois hoxe toca profundizar. Leamos isto:

“A pornografía é a descrición pura e simple dos praceres carnais; o erotismo é a mesma descrición revalorizada en función dunha idea do amor ou da vida social. Todo aquilo que é erótico é tamén necesariamente pornográfico. É moito máis importante distinguir entre o erótico e o obsceno. Neste caso considérase que erotismo é todo aquilo que volve a carne desexábel, que a mostra no seu esplendor ou florecemento inspira unha impresión de saúde, de beleza, de xogo pracenteiro; mentres que a obscenidade devalúa a carne, que así se asocia coa porcallada, as imperfeccións, os chistes escatolóxicos, as palabras sucias.”

Alexandrian, Historia de la literatura erótica. Barcelona: Planeta. páx. 398

*******************************************************************************

AVISO PARA NAVEGANTES

*******************************************************************************

Relato X de Francisco Castro

Trotski foi a achega de Xabier P. DoCampo ao noso proxecto; Heterocromía, a de Paco Martín; A viaxe, a de Chelo Suárez; e o relato que traemos hoxe, Apuntamentos no caderno de traballo de Francisco de Goya y Lucientes, é a de Francisco Castro. Moitas grazas tamén a Cristina Brea Lodeiro, quen nos fixo un gravado para a ocasión e que vai como ilustración do texto.

Boa lectura.

Tribadistas

Outra vez Eros, o que afrouxa
os membros, apárvame, doce
e amargo, irresistíbel becho.

(Safo)

Esta, a primeira descrición das penas que o amor comporta, debémoslla a unha muller. Máis exactamente a unha muller que amaba outras mulleres. E é que para os gregos, o arco de Eros non só se tensaba inexorabelmente contra os elixidos, senón que o facía sen ningunha distinción de sexos. O mesmo que cativara a Helena e Paris, os arcanos eróticos ligan a Safo -cuxo lugar de nacemento, a Illa de Lesbos, substantiva a orientación homosexual feminina-, a Gongila, Agalide, as discípulas máis fermosas que, no círculo do que a poeta era «mestra» aprendían danza, canto e música, a cultura que os gregos reservaban ás mulleres antes de que as regras da polis, a nova organización cidadá, as excluíse de toda participación na vida espiritual e intelectual.

Se unha das primeiras manifestacións literarias do amor homosexual se refire ao vínculo entre dúas donas, tras Safo, en Grecia, o amor lésbico deixa de ser cantado. Non podía ser doutro xeito, dado que ao fraguar as pautas da polis, as mulleres foran relegadas ao papel de reprodutoras, excluídas de toda forma de educación e, en consecuencia, de palabra. Nos séculos da cidade, a homosexualidade feminina desaparece como costume socialmente destacado. Porque, a diferenza da regrada pederastia entre os homes, a manifestación máis relevante da homosexualidade grega, o amor entre mulleres non lle interesa á cidade porque non constitúe un instrumento de formación.

Pero, sen dubidar da importancia do poema de Safo, hai quen sinala un outro texto. Investigadores sumerios traduciron tres poemas dunha muller chamada Enheduanna, quen expresaba a súa admiración e irritación cara a Inanna, Gran Nai, deusa da fertilidade e tecedora do destino. Tal como acontece con Safo, ou no caso da literatura galega renacentista, é de novo unha muller a inauguradora. Os poemas datan do ano 4000 a.C., están escritos sobre lápidas de arxila.

Ti exaltas os elementos
Reúnes en ti os poderes
Aprisiónalos no teu peito
[...]
Ouleas coma o deus da treboada
Cal semente languideces no chan
Es río cheo que se precipita baixo a montaña
Es Inanna
Suprema no ceo e na terra

Algúns estudosos queren ver neste o primeiro canto do amor lésbico. A lectura fica aberta.

No famoso estudo sobre a vida de Benedetta Carlini, a monxa lesbiana que naceu en 1590 en Italia, realizado por Brown, atopamos varios indicios de por que se silenciaba o lesbianismo. Descualificar o lesbianismo como asunto serio: «Moitas leis civís contra relacións entre o mesmo sexo, incluíndo a lei inglesa de 1533 que castigaba a sodomía coa morte, non facían mención específica ás mulleres. En cambio, eran moi explícitas cos actos cometidos polos homes e as penalidades que se lles debían impor. Dado o coñecemento que os europeos tiveron sobre a existencia da sexualidade lesbiana, a súa neglixencia con respecto a este tema en dereito, teoloxía e literatura indica que non quixeron darlle crédito. Para el [Brantome], como para moitos outros homes do seu tempo, a atracción mutua das mulleres non era asunto serio».

As mulleres son inferiores aos homes: «Outra razón para ignorar a sexualidade lesbiana era a crenza de que as mulleres, consideradas por natureza inferiores aos homes, simplemente trataban de emulalos. Estas ideas estaban apoiadas polas observacións e escritos dos médicos. Algúns repararan en que, en certos casos, as mulleres non só imitaban aos homes senón que se convertían realmente en homes. Estes cambios de sexo efectuados pola natureza sempre funcionaban nunha única dirección, de femia a home. Non se recordaban exemplos de transformacións inversas. Non parecía posible que a perfección dexenerase en imperfección».

Pero non será até o século XVI cando as reformas católicas e protestantes se preocupasen cada vez máis por lexislar unha conduta moral, para reprimir a herexía, unha ofensa asociada tradicionalmente coa homosexualidade. As mulleres considéranse entón proclives á carne e á luxuria: Os consellos de Sinastri aos confesores acerca de como obter información de alguén sospeitoso de crimes lésbicos remiten ao antigo temor de que as mulleres, dada a súa gran tendencia lúbrica e a súa limitada capacidade de raciocinio, puidesen desatar a súa fantasía se oían tales cuestións. Máis aínda que a sodomía masculina, a sodomía entre mulleres era «o pecado que non se podía mencionar».

No século XV, o manual da confesión atribuído a Jean Gerson denominábao un pecado contra natura no cal «as mulleres teñen as unhas as outras por detestábeis e horríbeis métodos que non deben nomearse nin escribirse». Un século despois, Gregorio López refírese a el como «o pecado silencioso», peccatum mutum. Por esta razón Germain Colladon, o famoso xurista do século XVI, aconselláballes ás autoridades xenebrinas, quen non tiñan experiencias anteriores de crimes lésbicos, que a sentenza de morte fose lida en público, como se adoitaba facer en casos de homosexualidade masculina, pero que a descrición afeita dos crimes cometidos debía evitarse. «Un terríbel crime contra natura –escribiu– é moi detestábel e polo horror que produce non pode ser nomeado». O problema non era que Colladon aborrecese de xeito especial esta caste de ofensa, senón o temor a que as mulleres, debido ás súas naturezas máis débiles, estivesen máis dispostas a recibir a suxestión.

En consecuencia, mentres que «aos homes considerados culpables de sodomía se lles debía ler os seus crimes en alto para disuadir a outros, en cambio era mellor non mencionar as relacións entre mulleres.

Ao lesbianismo denominóuselle tribadismo en moitos círculos. Un lingüista da Universidade de Alacant, Félix Rodríguez, catedrático de Lingüística Inglesa pola UA e doutor en Lingüística Románica pola Universidade de Alberta, reuniu máis de 1500 termos e expresións relacionadas cos gais, lesbianas e transexuais no que se converterá no dicionario máis exhaustivo de España sobre esta temática. O Diccionario gay-lésbico: vocabulario general y argot de la homosexualidad (Gredós) inclúe palabras como trucha, oso, tortillera ou sarasa. Tamén tribadista, un dos primeiros.

O termo tribadismo deriva do grego tribo, fretar, e fai referencia á práctica sexual da fricción xenital entre dúas mulleres. Recólleo en galego o Gran Dicionario Xerais da Lingua, non así o gran Cumio.

Safo, ou unha das súas discípulas, escribía:

E… cun perfume
precioso e propio dunha raíña
fretabas o corpo

Porque Safo non era só mestra do intelecto: dela as nenas aprendían as armas da beleza, da sedución e da fascinación. Aprendían a graza (charis) que facías dela mulleres desexábeis. Desde este punto de vista, a definición do círculo de Safo como «colexio de nenas de papá» é correcta. Mais é sen dúbida insuficiente, porque nos ‘círculos’ as rapazas de Lesbos (e doutras cidades, posto que canda Safo foron Atis de Mileto ou Eunica de Salamina) vivían unha experiencia que, aos ollos da sociedade actual merece calquera cualificativo menos ese. E amábanas cun amor apaixonado, pois a poeta de Lesbos dedicáballes así os versos ás amigas predilectas, cargados de ardor:

Prégoche,
Gongila, amósate coa túa túnica
leitosa: ao teu redor
voa o Desexo,
en torno a ti tan bela. Ese vestido
túrbame ao velo; e eu alégrome.

É máis, para latinistas como Eva Cantarella esta relación homosexual non ten o valor iniciático e formativo de paso do estado de doncela a muller casada que acontecía nos homes. Carece de valor pedagóxico institucional. En parte, radica nese punto o temor e o estupor cara ao desexo cantado sen os ambaxes dunha moral establecida. Xa o dicía Lampedusa: «Todo cambia para que todo siga igual».

Relato X de Chelo Suárez

Inauguramos os Relatos con Trotski, unha achega de Xabier P. DoCampo, seguiulle Heterocromía, de Paco Martín, e hoxe traemos A viaxe, de Chelo Suárez, tamén escritora de renome, con seus premiños baixo do brazo. A destacar -para o caso- o Narrativas Quentes de 2008.

Moi boa lectura.