A entrada de hoxe asínaa Alicia Pérez, quen se une así ao equipo de blogueiros e escribirá periodicamente para O divino ferrete.
Ela respira mentres toma folgos. Relámbese no sofá, cun sabor amargo nos beizos, aínda espida. Acende o televisor. Matías Prats. «Esta mañá rexistrouse un novo caso de violencia machista. Van xa 69 mulleres asasinadas a mans das súas parellas no que vai de ano. Unha cifra máis que alarmante […]». Ainara cambia a canle. Crise económica. Remodelación de goberno. O seu perfume inunda a habitación, a súa cabeza viaxa cara a noite pasada.
Chiscando o ollo, ela convidouno a subir e el, xa no portal, premeu o botón do ascensor. As portas pecháronse. A lingua del abalanzouse, buscando a de Ainara; as súas mans, inquedas, desabotoaban aquela blusa apertada, sacándolle os peitos cara a fóra. Ainara morría de ledicia mentres el lle lambía as mamilas. Pero sobre todo, Ainara lembra como el a empurrou apaixonadamente cara ao sofá e como lle arrincou o tanga a saborosas mordidas. Ainara sorrí. Cal sería o seu nome? O pracer do orgasmo chegou a todo o edificio. Tanto ten… A verdade é que non sabelo fai que resulte máis interesante… O televisor continuaba aceso. «Sánchez Dragó recoñece deitarse con dúas rapazas de trece anos no seu último libro», pero Ainara xa non estaba a escoitar.
O sexo ocupa todos os ámbitos da nosa vida. Está nos telexornais, nos filmes, nos programas do corazón, nos valados publicitarios, na rúa, nas aulas, á hora do xantar. O sexo está na boca de todos e na boca de ninguén. Fálase de sexo, é innegable. Pero con tabús, con prexuízos e con medo, moitas veces, ao «que dirán». É a muller quen máis ten que loitar contra estes absurdos. Por que un home que se deita cunha muller cada fin de semana pode presumir de ser un machote, e a muller que fai o mesmo ten que calar para non ser tachada de «fulana»? En pleno século XXI isto é inaceptable. Seguimos a vivir nunha sociedade machista que arrastra unha grande influencia da relixión católica, na que o sexo está visto como algo ‘sucio’, e non como o que verdadeiramente é; o sexo é san, natural e un dos máis grandes praceres da vida. Por que negalo?
A culpa é da relixión da hipocrisía, dese fodido culto á debilidade, que persegue a ocultación do pracer neste mundo. A culpa é da dobre moral imperante na nosa sociedade. «Non goces co teu corpo», «non admitas que os instintos guíen os teus actos», «es un home, non un animal». Iso é o que di o credo ateísta do eticamente respectable. A Igrexa di: «Non manteñas relacións sexuais se non é coa túa muller. E ti, muller, non perdas a virxindade con calquera, non te deites cun home que soamente coñeces dunha noite porque serás unha fulana.»
E a min que? Que me importa unha suposta vida alén da miña existencia cando teño o pracer aquí, ao meu alcance? Que me importa o que diga un home subido a un púlpito, xa for dun altar relixioso ou dun altar pagán do primeiro político de marras?
Ainara leva ás mans ao pescozo. Non se lembraba daquela cruz de madeira. E agora que? Agora é tempo de matar as hipocrisías. Ainara olla para o chan. O rosario xa non lle colga do pescozo. Os pés de Ainara bulen instintivamente. Os anacos repártense polo chan.












