* “Un único orgasmo é vinte e dúas veces máis relaxante ca o tranquilizante promedio. Este factor, unido ao feito de que cando hai excitación sexual a vaxina dilata por volta de 5 centímetros, fai que teña moito sentido o fantasiar, masturbarse ou mesmo facer o amor durante o traballo de parto.” – Ann Douglas e John R. Sussman, na Unofficial Guide to Having a Baby.
*O Air sex é un tipo de espectaculo orixinario do Xapón no que homes e mulleres vestidos simulan os sons e posturas propias da actividade sexual, canda un ou varios compañeiros invisibles e decote con esaxeración ou burla, unha música de fondo e algo de atrezzo.
A proba ou regra de Bechdel é unha sorte de termómetro do sexismo cinematográfico popularizado pola tira de banda deseñada Dykes to Watch Out For, da autora norteamericana Alison Bechdel, que circulou entre 1983 e 2008 (a tira, non a autora). Concretamente apareceu na tira titulada “The Rule” en 1985. Nesta, o test Bechdel -tamén recibe este nome- é enunciado por un dos personaxes, unha muller, que afirma non ver filmes que non cumpran cos seguintes 3 requisitos:
* Ten que contar con cando menos dous personaxes femininos.
* Nalgún momento estes dous personaxes teñen que manter unha conversa.
* O tema da conversa pode ser calquera; poden falar do que lles pete, agás sobre homes.
Non parece moi complicado, pero éo. Unha cantidade importante de filmes non supera a proba de Bechdel. Hai quen fala do 50% de suspensos.
E O divino ferrete?, aproba ou para setembro? Todo está no guión.
Falar é unha filia. Á xente encántalle que lle falen de sexo e ler sobre as experiencias reais ou ficticias doutros homes ou mulleres máis ou menos descoñecidos, un afán voyeurista pero sen ollos que vexan máis alá do maxín de cadaquén.
Atopeime con que é posible crear verbalmente unha aura erótica, mesmo sen premeditación nin aleivosía, sen máis que catro agarimos nas letras pódense producir humidades mentais.
Non só cómpre deterse nas propiedades do sexo ben falado ou ben dito, senón na capacidade innata de que nos suba a temperatura nada máis escoitar voces tórridas ben conxugadas. Temos unha mente prodixiosa e porca, o que vén sendo unha máquina fantasiosa que gusta de escoitar praceres alleos e de crear novas andainas sexuais e febrís -por aquilo de atopar novas experiencias e sensacións nunca antes vividas-.
Quen non adiviñou pensamentos impuros tras unhas palabras en terceira persoa? A quen non se lle fixo a boca auga oíndo falar ao amigo ou amiga desta ou doutra noite? E escoitar un “gústame cando falas de sexo por como te expresas” e virar vermella. Porque unhas fazulas rubidas tamén é sinal de quentura.
No que á muller se refire, ás veces atópome con que se ve coma un milagre que unha fale de foder sen reparos pero cunha boa retranca, porque ante todo son galega. Non sei se lembrades que saín do chineiro dialectal hai uns días nesta mesma leira virtual, xa o sabedes, son galega de gheada e seseo, e falo de sexo coas amizades e agora con descoñecidos a través deste proxecto. Normalizar pasa por establecer uns cabos entre o cotián, a lingua e neste caso, o mundo do sexo; é dicir, falar de sexo en galego non é un fito extraordinario senón a normalidade.
Normalizar tamén inclúe o ámbito público, isto é, que acontece poñamos por caso cando comezo a falar por teléfono sobre o argumento do noso querido ferrete? Unha aula de informática completa fica en silencio. Á xente dálle morbo que sexas muller e que lle contes sen pestanexar o argumento dun proxecto audiovisual XXX. Que acontece? É por ser muller? Agora podería volver ao debate que abriu a compañeira Helena onte sobre o sexismo no porno. É o porno sexista? En realidade o sexismo esténdese alén do que poidamos apreciar a simple vista. Está aí e abrolla sen nos decatarmos.
Existe o porno non sexista? Somos capaces de redactar un guión erótico sen inspirarnos nas rutinas machistas que temos asumidas inconscientemente? Pode a pornografía derrotar o patriarcado?
Un lector do Faro de Vigo comentou hai uns días unha nova sobre O divino ferrete para dicir que, entroutras moitas cousas, o guión do proxecto é machista. Non atinou. O guión é sexista. Machistas son algunhas das actitudes e accións da protagonista Lorena e o resto de personaxes.
Pero imos por partes. Facer unha película porno non sexista é unha tarefa moi complicada se partimos da base que todos e todas somos sexistas. Fomos educadas para selo en cada un dos ámbitos da nosa vida, incluído o da sexualidade. E aínda que nos esforcemos en deconstruírnos e desfacernos dos tics aprendidos, somos especialistas en reproducir roles baseados nas desigualdades de xénero. Tamén ‘na cama’.
Iso si, unha cousa hai que tela clara: o proxecto do divino ferrete fuxe conscientemente dalgúns dos estereotipos que caracterizan o cinema porno. Para comezar, daqueles que din que as mulleres só poden formar parte do equipo de actrices: nada de guionistas, nin músicas, nin blogueiras de cabeza pensante. E por suposto, arrédase tamén daqueles que mostran a muller como un mero obxecto sexual escravizado polos homes.
A protagonista, Lorena Pernas Cienfuegos, é unha muller resolta, que coñece o seu corpo e fai con el o que lle peta. Goza co sexo e escolle con quen e como quere practicalo. Decide. Manda e deixa mandar. Lorena existe na vida real cunha infinidade de nomes. E esas Lorenas, autónomas e independentes, tamén actúan baixo os efectos do machismo. Como entender, senón, que tres dos catro ferretes heterosexuais que a protagonista practica ao longo da película comezan cunha felación e rematan cunha exaculación masculina botada por fóra? Lamber penes e correrse enriba do corpo das amantes non é sinónimo de machismo, pero o falocentrismo imperante e recorrente é unha das máis claras representacións do sexismo: é o androcentrismo levado ao porno.
Por outro lado: porque o acto sexual, en todas as súas facetas, ten que rematar sempre coa máxima expresión do pracer masculino? Gozar co pracer alleo é marabilloso pero o éxtase do outro non debe significar o final do noso camiño multiorgásmico.
A linguaxe audiovisual, as limitacións económicas e loxísticas e o obxectivo principal de normalizar a lingua galega teñen moito que ver na elección das escenas sexuais e os diálogos da película. Tamén a normalización dos estereotipos e os roles de xénero, tantas veces invisibles aos nosos ollos. Guionistas, directores, responsables de imaxe e ilustración, lectoras e espectadores aprenderemos moito con este traballo conxunto. Seguramente non seremos capaces de botar por terra o patriarcado, pero sumaremos coñecemento e seguiremos ríndonos de nós e dos comentarios ignorantes feitos nalgún que outro “xornal normal”.
Un cidadán francés de 51 anos, Didier Jambart, funcionario do Ministerio de Defensa, casado e pai de dous fillos, presentou hai poucos días unha denuncia contra a compañía farmacéutica Glaxo. Segundo o denunciante, o medicamento Requip, fabricado por esta multinacional, volveuno gai.
A Jambart diagnosticáronlle párkinson hai agora oito anos. Cando comezou o tratamento con Requip a súa conduta sufriu alteracións que Jambart considera efectos secundarios da terapia: volveuse adicto ás apostas nas carreiras de cabalos e por internet, nas que perdeu os aforros da familia, e entroulle un apetito tremendo polo sexo homosexual que o levou incluso a ofrecerse na rede travestido. Segundo el, o tratamento con Requip levouno ao extremo de ser violado.
Jambart pasou por tres intentos de suicidio e agora esixe unha indemnización de 450.000 euros á empresa fabricante do medicamento e ao neurólogo que llo prescribiu. O certo é que no 2006, despois de que Jambart abandonase o tratamento, Glaxo incluíu no prospecto do Requip un parágrafo que advertía de que nos pacientes que sofren de párkinson podía provocar alteracións no control dos impulsos, como adicción ó xogo, hipersexualidade e incremento da lívido.
O que xa é máis discutible é que o Requip sexa capaz de mudar a orientación sexual de ninguén, por moi francés que sexa. Máis doado é crer que o pobre Jambart perdese o control sobre uns impulsos sexuais que xa existían. O curioso do caso, que xa é curioso de seu, é a atención que os medios de comunicación lle prestaron, acentuada sen dúbida pola tendencia sexual dos supostos efectos secundarios. O asunto está a ser estudado, ademais, en Gran Bretaña, Canadá e os Estados Unidos por avogados doutros enfermos de párkinson suxeitos ao mesmo tratamento e que se sorprenderon a si mesmos roubando ou prostituíndose.
Coñécese como erótica todo aquilo que ten que ver coas paixóns humanas e que, coma todo o terreal, está suxeito ás filias e fobias dos homes e mulleres que a experimentan e a gozan. Por iso, falar de erotismo é, en certa medida entrar en polémica.
Un caso dos que sempre traen disputa entre galegofalantes e entre os que non o son tanto, é o trazo dialectal da gheada. Este maniféstase na lingua galega oral en boa parte do territorio e consiste na pronuncia do fonema /g/ como /h/ cun son similar ao do h aspirado inglés de palabras como house.
Teño que declarar que para gloria ou desgraza miña son gheadafalante, e como ben dixo María Lado nunha ocasión, sentinme algunha vez ollada coma se viñese dacabalo, dereitiña da Idade Media, para ben e para mal. Somos, con gheada e con seseo, seres exóticos dentro do hábitat galego, quizais en perigo de extinción pola influencia da lingua estándar. O noso é un falar de namorar e opino que se as sereas non foran uns seren mitolóxicos, cando menos, sesearían.
É erótica a gheada? Pois a resposta é afirmativa, malia que nos traten de xeito despectivo relegándonos ao eido cómico dende os medios de comunicación galegos. Eu mesma engadiría que é un trazo único, morboso e en boa medida un impulsor identitario.
Porén, esta non é a posición de moita da xente do país. Recentemente, unha das participantes dun programa de telerrealidade, de orixe galega, fixo as seguintes afirmacións sobre o noso idioma nunha conversa cunha compañeira:
* “hay muchas chicas que si un chico les gusta pero habla en gallego…”
*“El gallego bruto, el feo es el gallego que utiliza la gheada y el seseo (…) ese gallego está todavía más metido a la gente más ignorante.”
Nin gheada nin galego gardan para ela atractivo ningún. E o da cultura tampouco non o debe de levar moi ben, porque afirma que a zona da gheada e do seseo é Lugo, os pubs de Lugo nomeadamente, cando evidentemente non é así. Pobriña. Que pena. Falando de paixóns humanas e de que todo depende do ollo que mire, non dou comprendido a que pode responder o insulto gratuíto á xente que, coma min, di ghústame sen complexos, nin, en última instancia, ao erotismo dos que mimamos a lingua oral ou escrita, nas tabernas, nas leiras e nas facultades.
“Precisamente porque quitan a roupa hai que pensar moi bien o que poñen”, así respondía Gonzalo Vázquez hai uns días a Marcos Sueiro en Xornal de Galicia cando lle preguntaba pola súa colaboración como deseñador e responsable de vestiario para este proxecto noso. E facío en galego, un dos seus sinais de identidade que o conectan intimamente connosco.
O nome de Gonzalo Vázquez asóciase decote con espectáculos e creación cultural. Así, por exemplo, ten deseñado o vestiario para artistas como Ugia Pedreira, Uxía Senlle ou Guadi Galego. Non obstante, se estes días Vázquez está nos medios é porque acaba de abrir ao público o seu atelier da Vía Sacra compostelá, onde comeza unha nova etapa co seu proxecto GV.
En fin, soamente desexarlle o mellor ao noso deseñador e agradecerlle que sen retribución económica ningunha aceptase facerse cargo do vestiario do divino ferrete.
Estes días faranse trinta anos da estrea de Body heat (1981), o filme co que debutou na dirección Lawrence Kasdan, ata daquela coñecido por ser o guionista de The empire strikes back (Irvin Kershner, 1980). A narración volve sobre un dos argumentos coñecidos do cine negro: a muller fatal que, grazas ao seu atractivo, é quen de provocar a caída estrepitosa dun home atrapado polo seu desexo sexual. Produtos do seu tempo, ata daquela estabamos afeitos a que os referentes do xénero deixaran o sexo en mans de elipses ou insinuacións máis ou menos sutís, pero Kasdan edificou un thriller de alta carga erótica, amosándonos aquilo que os clásicos se vían na obriga de agochar con fundidos, atmosferas e dobres sentidos.
En Body heat, Ned Racine (William Hurt), avogado de Florida, coñece a Matty Walker (Kathleen Turner), casada cun home de negocios (Richard Crenna), e tras varios encontros sexuais deciden asasinalo para quedar coa súa herdanza. Máis alá dunha trama onde todo encaixa á perfección, tomando como referente, entre outras, a mítica Double Indemnity (Billy Wilder, 1944), as secuencias eróticas do filme deixaron fonda pegada nos espectadores dos primeiros 80. Ese mesmo ano veríase o remake de The Postman Always Rings Twice (Bob Rafelson, 1981), á que seguirían outros thrillers eróticos como Fatal Attraction (Adrian Lyne, 1987) ou Basic Instinct (Paul Verhoeven, 1992), pero daquela a ninguén lle foi doado escapar á fascinación que provocan esas camisas de William Hurt molladas pola suor, ou non renderse ante o xeito tan suxestivo en que Kathleen Turner amosa o seu fondo de lencería.
Na memoria de todos quedará sempre esa secuencia na que se produce o primeiro encontro sexual entre os protagonistas: cando William Hurt perde totalmente a cabeza e rompe unha fiestra para botarse nos brazos dunha Kathleen Turner cuxo personaxe, con todo merecemento, figura entre as máis inesquecibles mulleres fatais da historia do cine. Agora que recrúa o inverno, non estará de máis revisala aínda que o caloroso verán de Florida nos colla un pouco lonxe. E, por suposto, brindando pola memoria do falecido John Barry, que lle puxo música a esta magnífica historia de suor, desexo e altas presións.
Carles Francino e mais os seus compañeiros do programa Hoy por hoy da Cadena SER, co señor Feijóo mediante, dedicaron un tempo do programa a falaren sobre O divino ferrete, e a seguir fixeron un breve repaso polas primeiras iniciativas pornográficas feitas nas linguas minorizadas, malia que oficiais, da península. Por outra banda, fomos entrevistados no programa Esto me suena de Radio Nacional de España.
A seguir quedan ambos os dous ficheiros de audio (en castelán).
O divino ferrete, un proxecto nado no seo de GalegoLab, quere ser o primeiro filme pornográfico feito en lingua galega en todas e cada unha das súas etapas.
Será distribuído en rede e de balde, terá unha licenza Creative Commons Recoñecemento-CompartirIgual 3.0 Xenérica e contará con dúas versións, unha de porno duro e outra de porno suave.