Entramos e todo e o aire estaba impregnado dun intenso arrecendo de especias. Ordenamos a comida e pedimos “que sexa suave”. O camareiro mirounos de novo e sorrindo dixo: “un pouquiño picante?” Alguén aclarou que o que para un indio era pouco picante, chegaría a nos queimar as gorxas.
Decateime de que temos tendencia a pensar na comida picante coma un afrodisíaco. Con todo, coido que en moitos dos casos o suposto efecto dun manxar na libido é froito do poder suxestivo do subconsciente e non tanto da súa natureza.
De tempo atrás, vinculamos o bo xantar co tempo de pracer e a comida é, por si soa, unha fácil maneira de quitar o estrés e aumentar a libido. Ao mesmo tempo, canto máis complicada sexa a ‘apócema’ e máis ‘exóticos’ os ingredientes, máis se suxestiona a persoa e o potencial da comida como afrodisíaco medra. É por esta razón que lle adxudicamos á deliciosa comida india (e tamén picante) propiedades sexuais das que carece sen que nós pensaramos nela como tal.
Con todo, os poderes afrodisíacos que se lle atribúen aos alimentos tocan especias e adobos comúns coma o allo, a pementa ou a guindilla. Estas últimas fan referencia ao picante e ambas as dúas teñen unha acción irritante que pode estimular os xenitais. No caso do allo, a súa maior calidade é que mantén o organismo nun estado saudábel e que se é un alimento habitual na dieta diaria, aumenta a enerxía vital e iso pode traducirse nun maior rendemento sexual. Aínda que a súa fama pode deberse tamén ao efecto de quentamento que produce no corpo humano.
Durante a cea saboreabamos o biryani (arroz) con verduras e gambas e co polo ao curry acompañado de naan (pan de trigo) de allo e queixo, cando alguén propuxo comer coas mans o curry con arroz e salsa de iogur, todo cun sutil toque picante. Descubrín que comer coas mans tiña o seu aquel. A cea acabou cun batido fresco de mango, que din que tamén é un afrodisíaco.












