Logo de traermos a este espazo os filmes documentais My Penis and I e My Penis and Everyone’s Else de Lawrence Barraclough, é agora o momento de lle fincar o dente á vaxina, co documental The Perfect Vagina que as británicas Heather Leach e Lisa Rogers realizaron para Channel 4.
The perfect vagina de Heather Leach en Vimeo.
Hai varios momentos (no minuto 12 e pico o primeiro) que a película queda cun fondo negro. Isto parece deberse a que son 4 partes unidas. Para arranxalo, chega con avanzar o vídeo manualmente na barra de duración.
Copias e máis copias
A estas alturas hai que estar bastante despistado para non se decatar que O divino ferrete ten todos os contidos de seu liberados cunha licenza Creative Commons. Dende a música, os logos e ilustracións ou os relatos até as entradas do blog, o propio guión, ou o filme que aínda está por chegar e que colgaremos aquí mesmo. Por este motivo, saudamos o documental ¡Copiad, malditos! que TVE emitiu hai apenas uns días e que explica meridianamente ben o cambio de modelo(s) que viven as chamadas industrias culturais. Invitáronnos a copiar e así o facemos:
Desta vez o destino escollido para pasar as miñas vacacións foi a cidade Condal. Barcelona e as súas rúas foron a miña compaña durante estes últimos días. Que ben ven cambiar de aires! Era a terceira vez que a visitaba, só que desta vez, a diferenza das outras dúas, tiven a sorte de hospedarme nun magnífico albergue situado en Badalona, sinxelo, accesible e moi familiar, cheíño de aventureiros estranxeiros como a min me gusta. Esquecera o que era entrar nunha cociña e que esta arrecenda marabillosamente ben, aínda que os cheiros foran descoñecidos e se mesturasen entre eles, como as persoas.
Pero do que hoxe quería falar, ou máis ben reflexionar en voz alta, non era da mestura de fragrancias na cociña dos albergues senón do importante que é sentirse identificados. Habitualmente o que máis me chama a atención cando viaxo a algún sitio son os habitantes dese lugar, os seus costumes, os seus cemiterios, os mercados tradicionais, a comida, a lingua e, sobre todo, como adoitan comportarse en público (sobre todo no relacionado coas distanzas que manteñen co resto de persoas). Certo é que Cataluña tampouco é tan diferente neste último aspecto con relación a nós.
Como cada persoa toma posesión da súa propia cultura e así o manifesta, sen agocharse, sen fuxir dela e, sobre todo sen avergoñarse, é o que sempre remata fascinándome de Barcelona. Tanto ten se vou unha, dúas ou tres veces. Isto endexamais falla. Saír á rúa, entrar na panadería, ir á farmacia ou ao mercado de La Boqueria e que a unha a atendan primeiramente en catalán fai que sinta unha extraordinaria admiración cara ao pobo catalán.
Se cadra unha semana non é unha estadía tremendamente longa, pero penso que si abonda para decatarse desta virtude que singulariza Cataluña. Nós, enténdase este nós como o Pobo galego, dende a outra parte da Península reaccionamos de xeito diferente. Acaso eu, ao igual que moitos de vós, non teño o dereito de entrar na farmacia mercar xarope e que me atendan na miña lingua? Ou ir á panadería e que me atendan e respondan en galego? Por que non? É moito pedir? Porque narices teño que escoitar como me atenden en castelán e logo me solten un “neniña, no te tengo eso” ou un “toma el cambio y graciñas”, ou o famoso “bueno, mujer, no te preocupes, eso es una carallada”.
Non pretendo impor, simplemente intento amosar unha realidade máis que visible; a min gustaríame que me atendesen na miña lingua, porque é miña, porque é nosa, porque é de todos, porque probablemente sexa unha das poucas cousas que nos poida identificar a todos os galegos.
Daquela por que teño que consentir que non me atendan en galego e aínda por riba que unicamente o empreguen dun xeito connotativo? Por que?
Imos en progresión cronolóxica. Primeiro foi o Stand by Your Man (1968) de Tammy Wynette, un merecido éxito do country que non obstante, como é habitual no xénero, reborda machismo polos catro costados; despois veu o contrapunto liberador co Girls Just Want To Have Fun (1983) de Cyndi Lauper; e hoxe toca Just a Girl (1995) de No Doubt, escrita e interpretada por Gwen Stefani.
Trátase dun tema pop orixinado a partir do fastío que para a vocalista supuña ter que aturar os estereotipos que se lle adxudican á muller.
Don’t you think I know
Exactly where I stand?
This world is forcing me
To hold your hand.
Lía hai uns días na prensa que un home dunha vila catalá lle pagara a unha menor 2000 euros en billetes falsos a cambio de favores sexuais. O home, de 36 anos, facíase pasar por axente de modelos e o asunto descubriuse cando a rapaza, de 17 anos, tentou pagar nunha tenda cun dos billetes falsos.
Malia que a idade de consentimento sexual en España está fixada nos 13 anos no Código Penal, se se recorre ao engano para obter o consentimento dunha menor, o autor pode ir á cadea, aínda que supere os 13. Con todo, cando hai un intercambio material de por medio, o feito consideraríase prostitución infantil, o que sería castigado con penas de cárcere de até catro anos.
Estas medidas prescriben co paso do tempo e moitas delas non se acaban de cumprir. De feito hai moitos casos coñecidos que o demostran. Cando Roman Polanski foi detido ao recoller un premio en Suíza pola violación da nena Samantha Geimer nos anos 70, o mundo do cine clamou que pasara demasiado tempo des que se producira o abuso sexual, para condenalo. A actriz norteamericana Whoopi Goldberg declarou, tras coñecerse a detención do director, que a de Polanski non fora unha ‘violación, violación’ desencadeando primeiras páxinas de blogs e medios de todo o mundo. Espido Freire recollía na súa columna de opinión do 11 de outubro do 2009 este comentario da actriz e engadía que afortunadamente o concepto de violación se ampliara máis alá de “aquel que vixía as nenas nos descampados e as retén pola forza”. Tampouco entendía por que razón o trato dado a Polanski era diferente ao doutro violador malia que ‘acordara’ –previo pago- un perdón coa vítima porque “era alguén non afeito a que lle dixeran que non”, en palabras da moza Geimer.
Non vexo a diferenza entre o crime que o home catalán cometeu co famoso caso de pederastia de Sánchez Dragó. O escritor declarara no seu libro ‘Dios los cría…’ que se deitara en Tokio con dúas rapazas de 13 anos, facendo fincapé en que o delito xa prescribira e que “en verdade, violarano elas”. Por outra banda, as prácticas sexuais de Dragó están de actualidade logo de que Pilar Rahola publicase a semana pasada na súa columna en La Vanguardia unha crítica moi mordaz ao escritor. Nela, a xornalista catalá mofábase da negativa de Dragó a asistir á firma de libros do Sant Jordi en Barcelona e finalizaba con esta frase:
“Y si hace falta, le montamos una comité de bienvenida con niñas de 13 años, unas de esas lolitas “que visten como zorritas” y que tanto le gustan. Todo sea para que Dragó no nos abandone.”
E outro mapa, o da porcentaxe de adultos infectados coa SIDA a nivel mundial. Sen comentarios.
* O mapa é de 2008.
O paquete de coprodutor é o noso produto estrela. Levamos vendidos 26. Aproveitamos a conxuntura para vos lembrar que os beneficios da venda de produtos oficiais se dedicarán integramente ao desenvolvemento do proxecto, no que ninguén cobra un peso agás os actores, e estes ben pouquiño. Ademais, coa compra de calquera dos paquetes de apoio o voso nome (a menos que non o queirades) aparecerá na listaxe de coprodutores, nos créditos da fita.
Moito vos agradecemos o apoio a quen xa tedes o voso paquete na casa, e moito volo habemos agradecer a quen o vaiades adquirir proximamente (por que non hoxe?).
Tedes isto e máis no noso espazo en Toupa.net.
* E perdoade a autopromoción; entendede que temos que seguir acumulando un mínimo de cartos cos que financiar O divino ferrete.
I come home
In the morning light
My mother says
When you gonna live your life right?
Oh, momma dear
We’re not the fortunate ones
And girls
They wanna have fun
Oh, girls
Just wanna have fun
“Mami, toca pasalo ben”, reclamaba a estadounidense Cyndi Lauper, curioso altofalante dos oitenta. O tema ‘Girls Just Want To Have Fun‘ foi o primeiro grande éxito internacional de Lauper como solista e un indiscutible clásico da época, até certo punto usado como reivindicación feminista. Así, por exemplo, Gillian G. Gaar, autor do ensaio She’s a Rebel: The History of Women in Rock & Roll (2002) [con prefacio de Yoko Ono, por certo] cualifica tanto o sinxelo como o propio videoclip de “antena de solidariedade e divertida celebración da camaradaría feminina”. Séxao ou non, paga a pena recordalo, que é ben esmorgueiro.









