Xuño « 2011 « O divino ferrete

Mapa do consentimento sexual

Este mapa delimita o mínimo de idade legal para poder manter unha relación sexual en Europa.

* A idade do consentimento sexual é a idade por baixo da cal o consentimento prestado para ter relacións sexuais non resulta válido a efectos legais, o que comporta a presunción de violencia ou abuso por parte do que for maior de idade en tales circunstancias, sen importar a existencia ou non de calquera violencia ou abuso real, asimilándose ou sancionándose como delito de violación. Na práctica, o consentimento efectivo pode darse nunha idade diferente da idade de consentimento.

Máis mapas de interese na categoría {Mapas}.

The Wiki Game

Hoxe toca entrada sobre cultura libre, e moi divertida.

The Wiki Game é un xogo que consiste en ligar dúas entradas da Wikipedia mediante clics nas ligazóns internas. As entradas poden resultar dispares até o ridículo, e para acabar de complicar as cousas existe un tempo límite e outros usuarios que tratan de facer exactamente o mesmo ca nós. O máis curioso é que o camiño entre a entrada de orixe e a de destino pode resolverse as máis das veces entre cinco e oito saltos.

Por se isto non fose suficiente, existen 5 modalidades distintas de xogo: ‘O camiñante máis rápido’, ‘ O camiño máis curto’, ‘Seis graos de separación’, ’5 clics até Xesuscristo’ e ‘Sen os EUA’.

Malia ter como base a Wikipedia (en.wiki) o xogo non forma parte da Fundación Wikimedia senón que se trata dunha iniciativa particular de Alex Clemesha.

Sorte e maña.

Pepa a Loba

{Extracto minimamente modificado da Galipedia}

Pepa a Loba é unha figura mítica de Galicia e unha figura lendaria de bandoleira galega dende finais do século XIX, que segundo a lenda acadou gran sona asaltando camiños e roubando a caciques e cregos. É a muller arquetipo do bandoleirismo xeneroso moi espallado en Europa, como por exemplo Robin Hood en Inglaterra.

Os contos que falan da existencia dunha bandida chamada Pepa a Loba, quen dirixiría a súa propia gavela de ladróns, son moitos e están espallados por toda Galicia. Todos eles fan referencia ao século XIX.

Ademais dos contos, existe unha referencia escrita que parece probar a existencia real de Pepa a Loba e é unha mención que a escritora e penalista Concepción Arenal fai dela logo dunha visita ao cárcere da Coruña.

O escritor Carlos Reigosa, autor dunha novela sobre a vida de Pepa a Loba, entende que, segundo as súas fontes, a famosa bandida debeu nacer no norte da provincia de Pontevedra contra a década de 1830, que actuou nas terras do centro do país, desde Monterroso ata a costa occidental, e que nos anos sesenta mudou o seu ámbito de operación cara ás terras do norte de Lugo. Segundo Reigosa, ademais, habería testemuñas populares que apuntarían á existencia dunha casa da súa propiedade na Terra Chá e que antes de estar presa na Coruña pasara polo cárcere de Mondoñedo.

Outra posibilidade que se baralla é que houbese máis dunha Pepa Loba. Desta maneira, unha primeira bandida levaría este alcume, e outras mulleres que se dedicaron ao bandoleirismo adoptarían ou ben serían coñecidas pola mesma denominación. Iso podería explicar a cantidade de referencias á existencia de Pepa a Loba que se dan por toda Galicia.


Máis información en:

*Álbum de mulleres

* Galipedia

Autor: Vítor Vaqueiro

Cartón sanitario europeo

A Unión Europea informa:

O cartón sanitario europeo facilita que as persoas procedentes dos 27 Estados membros da Unión Europea, incluídos Islandia, Liechtenstein, Noruega e Suíza, poidan acceder aos servizos de atención sanitaria durante as súas visitas temporais no estranxeiro.

Desta forma, se vostede marcha de vacacións, fai unha viaxe de negocios, toma un breve descanso ou vai estudar ao estranxeiro, asegúrese de conseguir este cartón. Permitiralle aforrar tempo, problemas e diñeiro no caso de enfermar ou sufrir unha lesión durante a súa estadía no estranxeiro.

… e publicita:

Graffitis de Lean Frizzera

Hai por volta dun mes falamos aquí do graffiteiro Banksy, e hoxe volvemos sobre a arte na rúa para eloxiar o traballo do artista arxentino Lean Frizzera, que ten pezas coma esta:

O crego fogoso

Samuel Martín Martín. Así se chama o novo párroco das localidades toledanas de Noez e Totanés, que saltou hai un ano á luz pública por subtraer diñeiro da parroquia para sufragar os seus gastos. As irregularidades económicas detectadas provocaron o seu cesamento por parte do arcebispo de Toledo, Braulio Rodríguez.

O seu delito foi gastar 17.000 euros en liñas eróticas e prostituírse en internet, pousando espido en sitios webs e cobrando 50 euros por 15 minutos de sexo ou 120 euros por unha hora. Anunciábase como un home fogoso, dotado, forte e disposto a todo tipo de fantasías sexuais, agás o masoquismo.

Mais que non todo quedou no escándalo do roubo dos 17.000 euros. Samuel tratou de sufragar parte da débeda vendendo por 9.000 euros a través da Internet un cadro do século XVII pertencente á parroquia de Noez, unha cifra moi por baixo do seu valor real. O texto do anuncio fala por si só: “Cadro de tamaño normal, pintura en lenzo do século XVII, de autor descoñecido mais pertencente á escola dalgún pintor importante daquela época. Cores tenues con moderados claroscuros. Prezo negociable”.

Tamén era profesor de relixión de secundaria e catequista. Unha vez descuberto o escándalo, chegou a ofrecer o seu salario de 1.800 euros mensuais (visto que a venda do cadro non prosperara) como pequeno avance da súa débeda.

A pesar de que moitos dos seus veciños non soubesen nada das súas actividades sexuais, os alumnos de Samuel tiñan as súas fotos nos teléfonos móbiles e pasábanas os uns aos outros.

Os veciños do lugar considerábano unha persoa integrada. Un deles, Manuel, afirma que “Diante de min nunca dixo nada dunha muller e a miña señora cóntame que nin unha mirada”, conclúe. Aínda que unha das mulleres de Noez, chamada María, parece desculpalo: “Á fin e ao cabo, era humano”, matiza.

O párroco destituído confesou publicamente, ante os fregueses na misa de doce do domingo 7 de febreiro de 2010, que “sacara diñeiro” das irmandades. Dentro das solucións propostas polo arcebispado de Toledo para resolver este escándalo, nun comunicado emitido ás persoas e entidades afectadas, sinalaba confiar “na axuda da oración e da misericordia divina”. Desde logo, unha solución moi efectiva.

LGBT: resolucións e legalidade

* O pasado venres 17 de xuño o Consello de Dereitos Humanos das Nacións Unidas aprobou unha resolución de apoio á igualdade de dereitos, independentemente da orientación sexual de cada individuo. Esta resolución, introducida por Suráfrica, é a primeira deste tipo (LGBT) na ONU. Foi aprobada con 23 votos a favor, 19 en contra e 3 abstencións, ademais de cunha severa crítica á propia Suráfrica por parte doutros estados africanos.

* En Nova York, está en pleno debate o cuarto intento para legalizar o matrimonio entre persoas do mesmo sexo. O seguinte vídeo explícao:

A muller completa

«Toda muller ten algo que non lle gusta do seu aspecto [...] Calquera que sexa a cantidade de peluxe que teña, sempre será excesiva. Se o seu corpo é bastante delgado, os seus senos serán esmirrados. Se ten un peito abundante, seguro que o cu é demasiado gordo. Descubrín moi cedo que unha muller fermosa non se considera en absoluto bela». Germaine Greer mostra así, n’A muller completa, unha realidade crúa e dolorosa: que a identidade das mulleres se apoia na premisa da beleza, un feito que as converte en persoas vulnerables á constante aprobación allea.

Como recoñece Greer, o índice de beleza acadado nunca é suficiente. Na televisión, nas revistas, nos valados publicitarios repítese a todas horas a mesma mensaxe: temos a vara máxica da túa fermosura, cómpraa! Cremas para non avellentar, maquillaxes para tapar imperfeccións, xabóns para eliminar os puntos negros, ceras para acabar co pelo, tinturas para disimular as canas. O lucrativo negocio da estética creceu coma a escuma dende os anos 70 e poucos son os que estarían dispostos a renunciar á súa parte do pastel. Aínda que iso significase o final de tanta frustración e angustia.

Ser fermosa, aquí e agora, significa adaptarse a uns canons construídos baixo uns parámetros sexistas que controlan e oprimen os corpos e as mentes das mulleres mediante formas, tallas e medidas denigrantes. Querer acadar a soñada meta comporta fame, anorexia, bulimia ou intervencións cirúrxicas. E, por suposto, a morte. Tamén en vida.

Por sorte Greer, como tantas outras persoas, aposta polo extremo oposto, o da chamada muller completa. Unha dona que non existe para facer realidade as fantasías sexuais masculinas, nin espera que un home a dote de identidade e status social. Unha muller que non está obrigada a ser, nin sentirse fermosa aos ollos das demais e a quen a idade vai dotando de autoridade. Que convive coas engurras con naturalidade. Que se coida para ela e non para “o outro”.

Pornoactivismo

Fuck For Forest, literalmente Foder para o monte, é unha asociación ecoloxista de orixe norueguesa que loita contra a destrución das selvas pluviais mundiais. O seu modo de recadar fondos? Foder e producir material porno. O lugar e a hora son arbitrarios.

Os seus creadores,  Leona Johansson e Tommy Hol Ellingsen, ámbolos dous con nacionalidade norueguesa, argumentan que “salvar o planeta é sexy e por que non excitarse por unha boa causa?” A organización defínese como un colectivo ecoloxista e erótico sen fin de lucro e tivo axudas do goberno noruegués durante os primeiros seis meses dende a súa creación.

O que nos preguntamos é de que maneira o sexo pode axudar a salvagardar o planeta. Ellingsen, en declaracións á BBC, afirma que o obxectivo das súas prácticas é “liberar as nosas mentes, estar máis en contacto coa natureza, con nós mesmos e co planeta”.

O caso é que dende o seu nacemento, o grupo colleitou uns beneficios de 345.000 dólares a través de contribucións dos internautas que pagan para ver os contidos da súa páxina web con vídeos e fotos de sexo explícito ao aire libre. Ademais, todo aquel que queira colaborar coa causa ‘Fuck For Forest’ pode facelo subindo fotos ou vídeos propios mantendo relacións sexuais. Os cartos recadados van para comunidades en Ecuador, Brasil, Costa Rica ou Eslovaquia, segundo apuntan na súa páxina web.

Dende que comezaron a principios do ano 2000 teñen 1300 activistas en todo o mundo. Déronse a coñecer, sobre todo, dende que no 2004 os fundadores Johansson e Ellingsen fornicaron en vivo no escenario durante o Quart Festival en Noruega no concerto do grupo The Cumshots.

Malia que varias asociacións ecoloxistas se negaron a recibir fondos da FFF, o colectivo agudiza a súa imaxinación para acadar impacto mediático e conseguir máis fondos. A súa última performance tivo lugar na Catedral de Oslo, onde dous dos activistas do grupo tentaron manter relacións sexuais sen éxito. Despois dunhas horas detidos e, tal e como aseguran na súa páxina, “unha masturbación na cela”, volveron para a casa.

Sexo en Euskadi

No programa Objetivo Euskadi de ETB emitiron un interesante documental sobre o sexo daquel país. Moi completo: dende as saunas gai, os clubs de intercambio, os tupper-sex ou os locais de masaxes orientais até conceptos como a fidelidade ou unha visión histórica do sexo coa mira posta no xacemento de Atapuerda e nas venus petreas.