Maio « 2012 « O divino ferrete

Sexploitation

Sexploitation ou sex-exploitation refírese a unha clase de filmes producidos de maneira independente, cun orzamento baixo e que polo xeral foron realizados durante a década de 1960. Nestas producións abondan as exhibicións nudistas gratuítas e as situacións sexuais non explíticas. Trátase dun subxénero dos filmes cinematográficos pertencentes á exploitation. Os directores Russ Meyer ou Joe D’Amato son figuras destacadas dentro do xénero.

{Fonte: Galipedia}

Kubus, o fútbol en galego

(…) tentar encher o baleiro que presenta o periodismo relacionado co deporte rei en lingua galega. A intención final de que mensualmente preto de cen páxinas con contido futbolístico en lingua galega pasen a imprenta. A búsqueda da superación da utopía, poder ofrecer en cada número textos de autoría relevante. Que persoas de renome no ámbito do fútbol presenten as súas verbas para seren traducidas a lingua galega.

Así se presenta a revista Kubus, “primeira revista do fútbol e a súa historia en lingua galega”. Ese é o camiño, que o galego chegue a todos os ámbitos. Parabéns.

Ateísmo durante o coito

{Fonte: 9gag}

Homosexualidade no rural

Vivir no armario segue a ser opción elixida por moitos e moitas homosexuais tanto nas capitais da costa coma no interior galego, mais este fenómeno rexistra moita máis intensidade nos núcleos rurais e nas vilas medias. No tempo no que a homosexualidade se normaliza na elites culturais, políticas e mediáticas, o pasar desapercibido e non sinalado por ter unha determinada opción sexual segue a preocupar a moitos homes e mulleres que non queren ser recoñecidos ou incluídos en certos grupos sociais.

Fragmento da reportaxe Ser gai no rural galego: o camiño pendente, de Praza Pública.

Mellid, La Coruña, Puerto del Sonido.

Este Puerto del Sonido, dirixido por Rubén Domínguez, é o video que conseguiu o premio do xurado do Festival de Cans. O grupo chámase Mullet.

Sexo e gravidade cero

Grazas á publicación do libro The Final Misión: Mir, The Human Adventure, de Pierre Kohler, no que se revela como os astronautas estadounidenses e os seus colegas rusos practicaron sexo no espazo para determinar cales eran as posturas sexuais máis adecuadas para unha contorna de gravidade cero, sabemos os resultados daquel experimento que a NASA cualificou de rutineiro: son unicamente catro as posturas sexuais que poden executarse “sen asistencia mecánica”. As outras seis seleccionadas necesitaron dun cinto elástico especial e un túnel inflable similar a un saco de durmir para que os integrantes da parella (a emulación era unicamente entre parellas) puidesen permanecer unidos. Como curiosidade, sóubose que a clásica postura do misioneiro, unha das mais practicadas pola xente do común, non é posible en gravidade cero.

En todo caso, todo este asunto, arquivado como Documento 12-571-3570, ten moito de hoax e pouco de verismo; hoxe tocaba entrada sensacionalista!

{Fonte: Neoteo}

Movemento Ateo e Libertino

Unha actriz porno francesa, Céline Bara, lanzou a súa candidatura a deputada do parlamento de Francia coa súa propia agrupación política chamada Movemento Ateo e Libertino. Bara defínese como atea, comunista, libertaria e pornócrata, e busca un asento pola súa localidade natal, Ariége. A actriz é unha dos 6.500 candidatos que aspiran a ocupar os 577 escanos de deputados da nova Asemblea Nacional francesa, que será elixida entre o 10 e 17 de xuño próximos.

{Fonte: La Razón}

Copas menstruais

Calcúlase que as mulleres utilizamos uns 10.000 tampóns ao longo da nosa vida fértil. Ou o que é o mesmo: dez millares de compresas. Ante estes xigantescos datos, as mentes patriarcais que gobernan o Estado español decidiron un día, despois de moito pensar, que nin os tampóns nin as compresas eran produtos de primeira necesidade. Non, oh! Se os señores non os utilizaban é que eran produtos de luxo, caprichos de mulleres. Así que había que aplicarlles un IVE do 18 %.

Ter a regra pode saír moi caro. Non só para os nosos precarios petos, tamén para a nosa saúde e o medio ambiente. Por iso, a copa menstrual é un dos maiores inventos creados e pensados por e para as mulleres! É unha copiña de látex ou de silicona que se introduce na vaxina co obxectivo de reter a menstruación. Ao revés que as compresas e os tampóns, a copa non absorbe o sangue (nin o resto de fluxos), así que non provoca problemas de sequidade nin altera a nosa flora vaxinal. Todo son vantaxes!

A copa, ademais, ten unha vida útil de 10 anos e custa uns 25 euros. Límpase con auga, é comodísima e permítenos ver, por primeira vez na vida, a cantidade real de sangue que botamos fóra do corpo. A diferenza dos outros produtos, non leva branqueadores nin químicos pensados para perfumar o cheiro dos nosos óvulos mortos! E por se todo isto fose pouco, a posibilidade de reutilizala durante unha década converte este invento nunha xoia ecolóxica.

Quizais, a parte máis complicada do asunto é introducir e sacar a copa por vez primeira. Pero despois dun par de probas e unhas bragas de recambio, a copa pasa a formar parte da lista dos dez obxectos que levarías a unha illa deserta! Velaquí vos vai un vídeo explicativo para resolver calquera dúbida!

Animádevos a probala e convertede a vosa menstruación nunha ferramenta revolucionaria!

12 horas a base de viagra

Sergei Tuganov, un cidadán ruso de 28 anos, perdeu a vida tras unha maratón de sexo de 12 horas con dúas mulleres que o retaron a cambio de 4.000 euros. O mozo aceptou e gañou a aposta, pero, por desgraza, nunca puido cobrar o premio. Finalmente, o seu corazón fallou e os médicos que acudiron de urxencia nada puideron facer pola súa vida. Mecánico de profesión, Tuganov quería demostrar a súa capacidade viril e para iso fixo provisión dunha gran cantidade de Viagra, co fin de manter unha erección durante o maior tempo posible. Unha ambición fatal.

{Fonte: El Diario Montañés, vía El Jueves}

Fai teu o galego!

Reproducimos o artigo de Carlos Callón premiado co VIII Permio a artigos xornalísticos normalizadores do concello de Carballo.

Falar en galego en Galiza habería de ser tan doado como botarse a hablar en castellano en Segovia ou to speak english en Manchester. Porén, é sabido que as cousas non son tan sinxelas e que para falar o idioma de Galiza na propia terra hai unha serie de dificultades a maiores.
A pesar dos obstáculos, hai un método infalíbel que che permitirá ser capaz de falar un bo galego, con corrección, fluidez e comodidade. Velaquí a regra de ouro para o conseguires, mesmo moito antes do que imaxinas: “Fálao!”

A falar apréndese falando. É o máis sinxelo e, tamén, o máis complicado. Se non te soltas, de nada serve que tentes aprender no papel. Mesmo hai xente que ten cursos de galego e que nunca o utiliza. É como ter o carné de conducir e non sacar o carro do garaxe.

Xa sei que non é o mesmo dar este paso de vez segundo cales sexan as túas circunstancias. Será máis doado, claro, se no teu contorno escoitas bastante o galego que se non é así. No entanto, tampouco te confundas. Moitas veces non escoitas moito falar en galego porque ti non o usas. Dito en positivo: Desde que fales en galego, comezarás a escoitalo moito máis ao teu redor.

Selecciona o momento, próximo no tempo, en que te soltes a usalo. É como cando te vas lanzar á auga. Se te paras a meditar moito, o salto máis sinxeliño parecerache complicadísimo. Bótate!

Se non tes hábito de falar en galego, talvez ao principio te sintas como cando escoitas a túa voz gravada e parece que non fose a túa. Quizais te preguntes se vas perder matices, claridade ou fluidez. Ten pacienciña: é todo cuestión de hábito e, en moito menos tempo do que agora che parece, non lle verás ningunha incomodidade, senón ao contrario. Tampouco teñas medo aos erros. Coa práctica has cometer menos e ademais… Temos dereito a equivocarnos! Nunca esquezamos que eses nosos erros lle dan nova vida ao galego.

Sentires seguridade coa lingua dependerá da túa capacidade para creares oportunidades para a falares. Podes facer unha listaxe das persoas con quen supós que che será máis doado. O habitual é sentirmos menos vergoña para pasar a falar un novo idioma con persoas que non coñeciamos de antes. Ou talvez para ti non sexa un tema de persoas senón de ámbitos? Pénsao e toma a decisión de a ires introducindo desde xa alí onde o vexas máis fácil. Nesa liña, podes iniciar en galego as novas relacións. Aproveita os chamados espazos de transición: do instituto á universidade; un novo traballo; algunha viaxe…

Do que non cabe dúbida é de que falando en galego terás outra experiencia diferente de Galiza e do mundo. Porque un idioma non é só un vehículo de comunicación, senón tamén un xeito de entendermos, de nos relacionarmos co medio, de recibirmos tradición e historia etc.

O futuro do galego está nas mans de quen aínda non o fala. O galego é de quen o quixer. Tamén pode ser teu, tivéselo ou non como primeiro idioma. Faino teu!