abusos « O divino ferrete

Controis militares de virxindade

Nas recentes manifestacións de protesta en Exipto, as mulleres manifestantes foron golpeadas, recibiron descargas eléctricas, e foron espidas para a continuación ser sometidas a controis de virxindade. Un dos xenerais responsables afirmou que estes controis foron realizados para evitar que as manifestates denunciasen o teren sido violadas polas autoridades exipcias:

“Non queriamos que dixesen que as acosaramos sexualmente, de modo que o que buscabamos era probar que non eran virxes. E ningunha delas o era”.

Militarismo, machismo, paternalismo… Aí queda outra de abusos intolerables.

Lolitas

Lía hai uns días na prensa que un home dunha vila catalá lle pagara a unha menor 2000 euros en billetes falsos a cambio de favores sexuais. O home, de 36 anos, facíase pasar por axente de modelos e o asunto descubriuse cando a rapaza, de 17 anos, tentou pagar nunha tenda cun dos billetes falsos.

Malia que a idade de consentimento sexual en España está fixada nos 13 anos no Código Penal, se se recorre ao engano para obter o consentimento dunha menor, o autor pode ir á cadea, aínda que supere os 13. Con todo, cando hai un intercambio material de por medio, o feito consideraríase prostitución infantil, o que sería castigado con penas de cárcere de até catro anos.

Estas medidas prescriben co paso do tempo e moitas delas non se acaban de cumprir. De feito hai moitos casos coñecidos que o demostran. Cando Roman Polanski foi detido ao recoller un premio en Suíza pola violación da nena Samantha Geimer nos anos 70, o mundo do cine clamou que pasara demasiado tempo des que se producira o abuso sexual, para condenalo. A actriz norteamericana Whoopi Goldberg declarou, tras coñecerse a detención do director, que a de Polanski non fora unha ‘violación, violación’ desencadeando primeiras páxinas de blogs e medios de todo o mundo. Espido Freire recollía na súa columna de opinión do 11 de outubro do 2009 este comentario da actriz e engadía que afortunadamente o concepto de violación se ampliara máis alá de “aquel que vixía as nenas nos descampados e as retén pola forza”. Tampouco entendía por que razón o trato dado a Polanski era diferente ao doutro violador malia que ‘acordara’ –previo pago- un perdón coa vítima porque “era alguén non afeito a que lle dixeran que non”, en palabras da moza Geimer.

Non vexo a diferenza entre o crime que o home catalán cometeu co famoso caso de pederastia de Sánchez Dragó. O escritor declarara no seu libro ‘Dios los cría…’ que se deitara en Tokio con dúas rapazas de 13 anos, facendo fincapé en que o delito xa prescribira e que “en verdade, violarano elas”. Por outra banda, as prácticas sexuais de Dragó están de actualidade logo de que Pilar Rahola publicase a semana pasada na súa columna en La Vanguardia unha crítica moi mordaz ao escritor. Nela, a xornalista catalá mofábase da negativa de Dragó a asistir á firma de libros do Sant Jordi en Barcelona e finalizaba con esta frase:

“Y si hace falta, le montamos una comité de bienvenida con niñas de 13 años, unas de esas lolitas “que visten como zorritas” y que tanto le gustan.  Todo sea para que Dragó no nos abandone.”

Ultra e vicioso

My beautiful laundrette é unha película de Stephen Frears que creou certa polémica. Encontros homosexuais nunha lavandaría, a modo de epílogo dunha relación amorosa entre dous antigos compañeiros de colexio que se reencontran.

Máis aló do celuloide, a realidade supera a ficción en forma de fraude: Javier Rodrigo de Santos e a súa fermosa lavandaría, chamada en realidade Casa Alfredo, coñecido local de alterne na capital balear, urdiron o seu embuste con cargo ao erario público por valor de máis de 50.000 euros. El non era Omar, sobriño do propietario da lavandaría no filme, malia que estar estaba apadriñado, e ben, por Ana Pastor, ex-ministra de sanidade, e cargaba as súas “coadas” na conta da Administración local, a da Palma de Jaume Matas, ese exemplo a seguir. O seu efebo favorito non era Johny senón un brasileiro a quen chegou a ver tres veces ao día, pero aínda que só fose pola frecuencia pode deducirse certo bucolismo e ensimesmamiento, como o da película de Frears, nunha casa que non era Casa Alfredo pero si que tiña lavadoras de verdade.

Se cadra foi iso, lavadoras, o que Javier Rodrigo de Santos, ultracatólico declarado, botou en falta para limpar o rastro da tarxeta de crédito do consistorio que utilizou para ducias de coitos. O ex-concelleiro de urbanismo de Palma imputou na Administración, entre xaneiro de 2006 e xuño de 2007, gastos que pasaban os 45.000 euros. A súa coartada era perfecta: facturas camufladas en gastos de lavandaría e exercicio do seu labor supervisor urbanístico de madrugada “para non ser recoñecido”. Outros conceptos de hipotéticos gastos eran consulting de relacións públicas e asesoramento de imaxe. En realidade, máis ben tratábase de relacións púbianas e salóns de masaxe.

É o caso de Rodrigo de Santos un caso insólito, tanto pola actitude do seu avogado como pola natureza dos feitos. Algunha das perlas do letrado durante o xuízo, celebrado en 2009, foron mencionar que en menos de 24 horas o seu patrocinado reintegrou os máis de 50. 000 euros malversados e “iso é moi complicado”, aseverando neste sentido que “desde Roldán, quen devolveu o diñeiro?”

Ante argumentos tan irrefutables, parecía lóxico que a fiscalía rebaixase a duración do programa e puidese saír da lavadora en tres anos e medio. Con todo, outros cargos imputados como o de abuso de menores, obrigan cando menos a varios centrifugados. A roupa sucia, segundo a sentenza ditada, tardará 13 anos e seis meses en ser lavada.

No tambor había pezas totalmente dispares: cocaína, tres irmáns menores de idade amigos dos seus fillos, reunións neocatecumenales, voyeurismo, tocamentos de xenitais e felacións a fillos de amigos mentres durmían na súa casa, penetración anal ao acusado, reintegro da débeda, frenesí, desempeño metódico do seu traballo…

Ao final a roupa mesturouse e a vida de Rodrigo de Santos quedou coas cores feitas un cristo.