amor « O divino ferrete

Amor entre mistos

Amor entre mistos con Mahler de fondo, todo un coup de foudre!

Quérote

Un estudo norteamericano conclúe que os homes din antes “quérote” que as mulleres. Contrariamente aos esteretipos e clixés, os homes non só tardan menos en pronunciar a palabriña en cuestión senón que ademais son quen más se aledan de escoitala antes de practicar o sexo coa parella.

Hai informes e estudos para todo. Este está tirado do Journal of Personality and Social Psychology.

{Fonte: MNN}

Arredor do desamor

O desamor é aquilo que a un lle queda cando lle marcha o amor. Para o amor aínda non din cunha definición.

Non creo no amor dos románticos, iso das almas xemelgas que se unen para complementarse. Polo que eu teño vivido, un acaba namorándose de quen quere ou de quen pode, ou de quen quere e pode. Certos piares parecen solidamente firmes: a familia, a parella, a amizade, os lazos emocionais en definitiva. Con eles a salvo, un séntese quen de filosofar sobre o amor en todas as súas manifestacións. Pero cando un ve o amor fuxirlle por entre os dedos das mans ve as cousas doutro modo. Non sabe o que é o amor nin a amizade nin o desexo, non sabe nin sequera se existen, non sabe nada, nada nadiña, e séntese desamparado e séntese abandonado e séntese aínda como un cativo.

Veño de pasar a note falando cun rapaz que foi meu. Faloume dos seus plans de voda malogrados, das súas desilusións, do seu estupor ó descubrir que se repetían con outro os patróns de amor e de desamor que caracterizaron a relación que houbo entre el e mais eu. Eu pouco falei. Mentres o escoitaba pensaba no que pode chegar a significar o verbo amar, primeira conxugación, voz activa: moitas veces necesidade, conveniencia, oportunidade, dependencia e mil outras cousas das que Doris Day nunca nos dixo ren; outras moitas ilusión, ficción, espellismo, é dicir, esperanza.

En definitiva, eu sei o que non é o amor para min. Espero ter claro algún día o que é, as definicións por exclusión nunca me gustaron.

Namorarse de varias persoas

(A miña curta experiencia demóstrame que é posible)

Gustaríame falar un chisco sobre o poder de quedar prendido de alguén durante un par de horas, de namorarse dunha persoa durante unha mañá, tarde e/ou noite. É viable e natural amar/arelar/devecer por máis dunha persoa coa mesma intensidade? Coido que si.

Está demostrado que os seres humanos somos polígamos por natureza; dito de outro xeito monógamos reprimidos. A nosa natureza, como seres que somos, lévanos a ter varias relacións simultáneas de tipo afectivo. Unha persoa ten moito amor dentro como para querer e poder enfocalo única e exclusivamente cara a un mesmo ser: é antinatural querer dirixir todos eses sentimentos e paixóns cara a unha soa persoa. Que hai de malo en querer dar amor? (Enténdase por amor afecto, atencións, intercambios dialécticos, sexo, porque non, etc). Isto depende moito de como cada persoa entende o concepto amor e poliamor (ter máis dunha relación íntima e duradeira dun xeito simultáneo con outras persoas, con pleno “consentimento”).

Non sei se a todos os amantes do mundo lles acontece esta ‘explosión de amor’, pero teño coñecido a máis dun que cando esta choiva bate na súa porta reprende todos eses sentimentos. De xeito antinatural non deixa que saian e empéñanse por concentrar todo iso, aínda máis, nun só ser, para así convencerse de que o poliamor é algo incorrecto, malo, inxusto.

Que hai de malo en amar a dúas persoas? ¿En ser capaz de namorarse por unhas horas dunha mente, dun amigo ou simplemente dun descoñecido? En querer compartir con ese novo amante novas experiencias?

Por que non nos aceptamos o risco de namorar por partida dobre ou tripla cando é algo natural?

***

NOTA: Tomo a liberdade de aclarar, por se aínda existise algunha dúbida ao respecto, que estas verbas –ao igual que os artigos anteriores- son opinións e reflexións persoais sobre os temas dos que elixo falar; opinións/ideas fundamentadas e baseadas nas miñas experiencias. Que sentido tería de que falase de algo descoñecido para min? Ningún.

Endexamais se pretendeu que estas pequenas pezas soltas se convertesen en dogmas, e moito menos en discursos ditatoriais. Decateime, a través dalgúns comentarios, de que algunhas persoas (intúo que homes pero disto non podo estar ao 100% segura) non lles agrada ler o que poño, ou se senten ‘feridos’ e mesmo indignados. Ben sexa o primeiro, segundo ou terceiro caso, todas as persoas que así o desexen están máis que «convidadas» a deixar as súas opinións na parte de comentarios. Iso si, por favor, non xulguen nin fundamenten prexuízos e moito menos insulten. Non é preciso faltar ao respecto.

Cada parella é un mundo e cadaquén practica sexo como lle peta. Eu non me vou meter entre dous amantes que están practicando sexo oral, simplemente tomo a liberdade, como blogueira que son, de explicar como se poden acentuar os praceres levando a práctica dun determinado xeito, pero non son regras, consellos todo o máis.

Sexo fino ou con gheada

É idea de uso común pensar que unha cousa é o sexo e outra é o amor. E con estes vimbios facemos os nosos cestos: queremos ás nosas nais cando somos nenos, amamos os nosos mozos cando somos mozos e choramos polos nosos vellos cando morren. E o can, eu quérolle ben ao meu can.

Vese aquí que non sempre que hai amor hai sexo: a meirande parte das relacións afectivas non van acompañadas de contacto sexual. Pero este feito non axuda a deslindar o que é sexo do que non o é. Hai anos este dilema chegou até o Supremo dos Estados Unidos, cuxos maxistrados decidiron que “sexo é toda relación que culmina en orgasmo” (habería que dilucidar se o presidente Clinton mentira no caso Lewinsky).

Bill Clinton

Máis confuso aínda é falar de amor. Amar a alguén é ser xoguete dos ventos, quen o probou sábeo. Pero por fortuna están de capa caída o romanticismo, as listas de vodas e as películas de Doris Day (de novo), e comeza a proliferar a sospeita de que o amor é un efecto. Efecto si, pero de que? Sócrates vía en Eros unha falta de cousas belas, e por tanto de cousas boas: quen busca o amor busca unha beleza da que el mesmo carece. Poida que algo disto haxa. Cando reparo nos ollos do meu amado, verdes como a auga do mar, marabíllame a súa transparencia melosa, pero tamén vexo neles a serenidade que había na mirada da miña avoa (mirada terrible, dicían todos); cando apalpo o ventre do meu amante, plano, firme e lampiño, percibo a súa enerxía, pero tamén lembro o meniño que eu fun; cando vexo o cu do meu amigo penso en enchelo, pero tamén me acorda a sensación de ser cautivo de alguén; cando bico a pel de pexego das súas meixelas, abráiame a súa suavidade, pero vénme tamén á memoria a caricia do sol nos meus veráns de rapazolo. E así.

Rosa Chacel, sempre vella, di:

Creo que o amor é desexo de unión. O amor humano e o divino non son máis ca iso. O desexo elixe o seu obxecto e vai cara a el. A vida do amor é ese camiño.

Disto e do anterior tiro eu en limpo a natureza metafórica do amor, pero non só, tamén deduzo que falar de amor é falar de sexo en fino, e que falar de sexo é falar de amor con gheada.