Ana Vispo « O divino ferrete

Pouco discretos

Non sei se é a primavera, se esta calor espantosa, se as tormentas de agosto adiantadas a maio, pero o veciño de arriba ultimamente leva unha vida sexual un tanto pública.

Un pola mañá é fabuloso, espertar e comezar a xornada así non ten queixa, outro a media mañá –entre descanso e descanso– non te prezo, e así poderiamos continuar até o “último” ferrete da noite. Cadaquén que foda tanto como lle pete, poida e praza.

Agora ben, a cousa muda algo cando son as dúas da mañá e estás intentando durmir e o teu veciño e maila súa amiga están dálle que dálle, que acontece? Pois que toda a veciñanza escoita os alaridos da parella de amantes, que cando ela chega ao orgasmo todos nos decatamos e que por fin (créanme, tiña moito sono e a esas horas… unha soa na cama) cando el se corre… Último alarido ao unísono e logo silencio, paz.

Esta curiosa parella consegue crear unha banda sonora, para cada noite, pero a ver se todos temos sorte e baixan un chisquiño o volume. Non moito, simplemente o xusto para que cadaquén poida continuar coa súa vida incluso ás tantas da madrugada.

O sexo é sexo en calquera parte do mundo. Hai uns días lin nun xornal dixital que unha parella estadounidense fora demandada por facer ruído de máis ao manteren relacións sexuais.

Algúns veciños do edificio onde vivía a animada parella decidiu plantarlles unha demanda dado que supostamente os xemidos que ambos os dous tiñan eran desmesurados e escandalosos. Unha das veciñas afirma que o sexo destes dous amantes é “bastante antinatural” e “excesivo” e que “soa coma se aos dous lles doese moito”. As críticas foron tantas que mesmo o carteiro local chegou a protestar.

Meu deus, unha de dúas, ou a parella estaba todo o día nela ou moi especiais eran os veciños, non si? As autoridades instalaron uns dispositivos para controlar o ruído do dormitorio, posto que, segundo a lei, podería estar a producir contaminación acústica.

Tralo enfrontamento entre a veciñanza e a parella, a moza decidiu demandar no tribunal de Newcastle, pois consideraba que se estaban a vulnerar os seus dereitos pero a súa solicitude foi denegada. A parella explicou que non podía controlar tanta paixón, pero si podía reducir as “sesión de sexo” unicamente para as mañás e pór unha almofada enriba das bocas para non molestar a ninguén.

Insólito pero certo, para consolo de moitos, incluso para min, menos mal que aquí estamos lonxe disto, polo menos no barrio de Vista Alegre.

Moito que aprender

Desta vez o destino escollido para pasar as miñas vacacións foi a cidade Condal. Barcelona e as súas rúas foron a miña compaña durante estes últimos días. Que ben ven cambiar de aires! Era a terceira vez que a visitaba, só que desta vez, a diferenza das outras dúas, tiven a sorte de hospedarme nun magnífico albergue situado en Badalona, sinxelo, accesible e moi familiar, cheíño de aventureiros estranxeiros como a min me gusta. Esquecera o que era entrar nunha cociña e que esta arrecenda marabillosamente ben, aínda que os cheiros foran descoñecidos e se mesturasen entre eles, como as persoas.

Pero do que hoxe quería falar, ou máis ben reflexionar en voz alta, non era da mestura de fragrancias na cociña dos albergues senón do importante que é sentirse identificados. Habitualmente o que máis me chama a atención cando viaxo a algún sitio son os habitantes dese lugar, os seus costumes, os seus cemiterios, os mercados tradicionais, a comida, a lingua e, sobre todo, como adoitan comportarse en público (sobre todo no relacionado coas distanzas que manteñen co resto de persoas). Certo é que Cataluña tampouco é tan diferente neste último aspecto con relación a nós.

Como cada persoa toma posesión da súa propia cultura e así o manifesta, sen agocharse, sen fuxir dela e, sobre todo sen avergoñarse, é o que sempre remata fascinándome de Barcelona. Tanto ten se vou unha, dúas ou tres veces. Isto endexamais falla. Saír á rúa, entrar na panadería, ir á farmacia ou ao mercado de La Boqueria e que a unha a atendan primeiramente en catalán fai que sinta unha extraordinaria admiración cara ao pobo catalán.

Se cadra unha semana non é unha estadía tremendamente longa, pero penso que si abonda para decatarse desta virtude que singulariza Cataluña. Nós, enténdase este nós como o Pobo galego, dende a outra parte da Península reaccionamos de xeito diferente. Acaso eu, ao igual que moitos de vós, non teño o dereito de entrar na farmacia mercar xarope e que me atendan na miña lingua? Ou ir á panadería e que me atendan e respondan en galego? Por que non? É moito pedir? Porque narices teño que escoitar como me atenden en castelán e logo me solten un “neniña, no te tengo eso” ou un “toma el cambio y graciñas”, ou o famoso “bueno, mujer, no te preocupes, eso es una carallada”.

Non pretendo impor, simplemente intento amosar unha realidade máis que visible; a min gustaríame que me atendesen na miña lingua, porque é miña, porque é nosa, porque é de todos, porque probablemente sexa unha das poucas cousas que nos poida identificar a todos os galegos.

Daquela por que teño que consentir que non me atendan en galego e aínda por riba que unicamente o empreguen dun xeito connotativo? Por que?

Nitrato de amilo

Hai uns días, pescudando sobre a excéntrica e curiosa vida da fotógrafa de Nova York Diane Arbus, reparei nunha das substancias das que se declarou consumidora anos antes do seu suicidio. Ademais da coñecida marihuana, Diane adoitaba inhalar nitrato de amilo durante as súas relación sexuais con amantes descoñecidos.

Agora ben, que é o nitrato de amilo? Pois é unha substancia que se puxo de moda especialmente contra finais dos sesenta/principios dos setenta, sobre todo entre a comunidade gai nos Estados Unidos. Hoxe en día encóntrase dispoñible en cápsulas ou de forma líquida; en ambos os dous casos inhálase e débese tomar cando o orgasmo está próximo. O efecto que este vapor produce é a relaxación do músculo liso, é dicir, toda aquela musculatura que non pode ser controlada de xeito voluntario é que notará principalmente os efectos desa inhalación. Exemplo disto serían a vexiga, o intestino etc.

Os homes homosexuais empregaron con frecuencia esta substancia dado que melloraba as relacións sexuais anais. A súa forma de consumo foi basicamente a través da inhalación. O momento ‘idóneo’ para consumila sempre foi nos intres previos ao orgasmo, de xeito que cunha ‘esnifada’ se logra intensificar e aumentar a duración do orgasmo. A duración do seus efectos oscila entre un e tres minutos.

Nas súas orixes, o nitrato de amilo foi empregado para tratar enfermidades cardíacas. Nos últimos tempos a práctica mudou e este produto rematou por esnifarse directamente da botella co fin de aumentar o pracer sexual, con isto quero dicir que o seu consumo non aumentou para fins terapéuticos. Tamén cómpre dicir que estes vapores son un potente vasodilatador que, ao entrar en contacto co sistema nervioso central, relaxa o músculo liso. Este tecido rodea os vasos sanguíneos do corpo, de maneira que cando se dilata, o corazón acelera para bombear máis sangue. Isto provoca, entre outras reaccións, un aumento do sentido do tacto e unha intensificación e prolongación do orgasmo.

Até o de agora non hai estudos que demostren a cantidade mínima precisa para notar os efectos, pero si se afirma que cunha “boa” inhalación chega para notar os seus efectos pracenteiros.

Involución sexual

Non son unha persoa que adoite frecuentar as discotecas, principalmente porque non me agradan as multitudes de xente en espazos pechados e menos nese tipo de contexto. Aínda así, ás veces frecuento alguna que outra e nalgunhas atópome con esta situación. Por que os homes teñen que pagar entrada e eu podo entrar de balde?

Máis dunha vez lle fixen esta pregunta á persoa que está na taquilla. Case sempre mulleres. Poucas veces me souberon responder algo con xeito que non fose un sorriso de orella a orella. Hai féminas ás que realmente lles molestan este tipo de diferenzas. Incluso coñezo algunhas, poucas por desgraza, que se negan a entrar nestes sitios cando acontece esta clara desigualdade. Pero hai outras moitas que se senten alagadas ou algo polo estilo.

Acaso non se decatan de que cando este tipo de situacións se producen é porque se nos considera ás mulleres, unha vez máis, como un produto? A situación realmente é incríble; certo que non é nada novo pero é algo que vai máis aló da miña incredulidade. Cada día centos de persoas loitan por conseguir igualdade e logo unha sae de noite e bate con este tipo de situacións.

No mundo da noite vese como unha vez máis as féminas somos un reclamo sexual para atraer homes. Emprégasenos como se fosemos carne fresca e semella que para a meirande parte da sociedade non é un problema. Logo, moitas que frecuentan estes locais saen a rúa, intentando dar o pego na loita pola igualdade de xéneros. Por favor…

É certo que pagar ou non unha entrada dun bar ou beber copas de balde unicamente por ter dous peitos é un “mal menor” se temos en conta a cantidade de atrocidades que cada día se cometen, pero se non empezamos por mudar este tipo de situacións, como vamos conseguir que de verdade se nos tome en serio como persoas.

10 minutos de aclarado extra + centrifugado

Febreiro rematou e a verdade é que de boas. Semella que cada día a xente vai tendo máis interese neste proxecto e vai preguntando. Preguntas descaradas e respostas frescas como leitugas, como a min me gosta. Sen andar na procura de verbas enrevesadas. Que manía ten a xente de disfrazar e chamar as cousas polo que realmente non son! Directos, cada acto polo seu nome.

Así rematou o meu último domingo de febreiro: acompañada de amigos, amante e recén coñecido puxémonos a falar do divino e do humano e, como era de supor, rematamos falando de foder. Si, de foder, do sexo, do sexo con amor e sen el, do morbo, da paixón, de cuartetos improvisados e puntos eróxenos descoñecidos até entón.

As horas foron pasando e entre comida, cervexa e tabaco rematamos convertendo a arte de foder en lugares insólitos na protagonista da noite. Ben sei que hai centos de lugares onde botar un ferrete. O cinema e mais a literatura agasállannos con pezas extraordinarias sobre esa arte; mais a min góstame que mo conten de primeira man, por iso de ter os protagonistas diante, de saber de primeira man –sen ningún tipo de filtración- o pracenteira ou mediocre que foi.

E así foi, dende a Ponte do Milenio en Ourense, pasando pola pendente dunha alameda e rematando enriba dunha lavadora fomos contando pequenas grandes aventuras persoais. E a verdade é que, hei de confesar que esta última foi a que máis me chamou a atención e deseguido espertou a miña libido.

Confeso: o aclarado extra e mais o centrifugado son –até este preciso instante- dous descoñecidos para as miñas nádegas. De cinema ou non, esta escena hei de vivila e repetila tantas veces como mas pida o corpo.

Agardo que todos teñades como testemuñas de subidas de temperaturas, falos e humidades, lugares insólitos e agochados.

Buracos gloriosos

A miña curiosidade non cesa, e hai uns días, lendo na rede unha especie de manual de saúde sexual anorrectal dei cun curioso termo, descoñecido até entón para min. Entre creampie e anilingus topei con glory hole. Comecei a ler e tomei as miñas propias notas. Agora decido compartir convosco o que entendín por esa ‘nova’ (para min) e curiosa práctica. Se algún experto do glory hole le esta entrada aceptaría correccións e información.

O “buraco glorioso” ou “glory hole” é un oco feito nunha parede, aproximadamente á altura da pelve, utilizado principalmente para manter relación sexuais cunha persoa que se atopa ao outro lado da parede. Pode ser entre coñecidos pero adoita darse entre descoñecidos.

En ocasións estes buracos están protexidos cunha fita ou esponxa moi fina para que os bordes non causen molestias no pene. Os buracos gloriosos podemos atopalos en clubs sexuais, salas XXX e cada vez máis en cabinas de sexshops… Ollo, non confundir estes ‘grandes’ buracos cos pequenos orificios de moitos baños públicos que ás veces son empregados por voyeuristas.

Orixinariamente, os glory holes estaban orientados á comunidade gai e o principal atractivo era a posibilidade de ter sexo casual con alguén que non se coñecía. Isto evolucionou e hoxe en día é posible entrar en cabinas en parella para ser observados tendo sexo, entrar para observar a outros, recibir unha felación ou facer unha penetración á persoa que este do outro lado, segundo conveña.

Até onde puiden indagar, seica adoita haber unha especie de linguaxe entre os participantes para aseguraren que se está disposto a levar a cabo esta práctica e así evitaren confusións. Un orificio nun muro á altura da pelve, unha persoa a cada lado e un ritual: meter un ou máis dedos polo buraco. Este inocente sinal serve para confirmar a participación.

Delicadamente

Levaba 25 minutos sentada, esperando que chegase o tren con destino Londres e dende había 15 minutos observaba, a pouco máis de cinco metros, unha curiosa parella de amantes. Ás veces, decátome de que entre os primates evolucionados e o resto de animais non existen tantas diferenzas como se di; ou polo menos no que se refire ao emparellamento non vexo tantas. Había uns minutos que estes amantes conseguiran captar toda a miña atención. Sentíame coma nun zoo observando unha parella de monos que xogan. Semellaban atoparse no seu hábitat. En ningún momento vin que se violentasen pola situación nin moitísimo menos que estivesen preocupados. O certo é que tampouco existe razón para tal.

Ela sentada de lado, medio dándolle as costas; el ao seu carón. Non me pareceu que estivesen enfadados. A súa postura era premeditada, ela estaba de lado e o seu amante non deixaba de acariciala cunha man. Con suavidade, como se tocase o obxecto máis fráxil da terra, deslizaba delicadamente a súa man dende a caluga até o cabo do lombo. De cando en vez, ela sorría e fechaba os ollos.

Os seres humanos temos unha serie de zonas no noso corpo que gozan dunha sensibilidade especial e que ao estimulalas conseguen activarnos sexualmente. O lombo é unha parte extremadamente sensible na que unha simple caricia pode desencadear un intenso pracer. Nesta zona do corpo atópase unha alta concentración de terminacións nerviosas, este é un dos principais motivos polos cales se desencadean sensacións tan diferentes tras unha caricia.

Fechei os ollos e sentada intentei lembrar o intenso pracer que semanas anteriores producirán as mans dun amante. Fun quen de sentir eses delicados dedos primeiro deslizarse pola miña caluga e logo baixar pola columna vertebral…

Un aviso polo megáfono fixo que todos volvésemos á realidade. Os amantes interromperon o seu ritual de caricias, eu espertei da miña particular burbulla, e todos fixemos a cola para entrar no tren. Por sorte, as mulleres temos máis zonas eróxenas que a vaxina, as nádegas e os peitos.

Namorarse de varias persoas

(A miña curta experiencia demóstrame que é posible)

Gustaríame falar un chisco sobre o poder de quedar prendido de alguén durante un par de horas, de namorarse dunha persoa durante unha mañá, tarde e/ou noite. É viable e natural amar/arelar/devecer por máis dunha persoa coa mesma intensidade? Coido que si.

Está demostrado que os seres humanos somos polígamos por natureza; dito de outro xeito monógamos reprimidos. A nosa natureza, como seres que somos, lévanos a ter varias relacións simultáneas de tipo afectivo. Unha persoa ten moito amor dentro como para querer e poder enfocalo única e exclusivamente cara a un mesmo ser: é antinatural querer dirixir todos eses sentimentos e paixóns cara a unha soa persoa. Que hai de malo en querer dar amor? (Enténdase por amor afecto, atencións, intercambios dialécticos, sexo, porque non, etc). Isto depende moito de como cada persoa entende o concepto amor e poliamor (ter máis dunha relación íntima e duradeira dun xeito simultáneo con outras persoas, con pleno “consentimento”).

Non sei se a todos os amantes do mundo lles acontece esta ‘explosión de amor’, pero teño coñecido a máis dun que cando esta choiva bate na súa porta reprende todos eses sentimentos. De xeito antinatural non deixa que saian e empéñanse por concentrar todo iso, aínda máis, nun só ser, para así convencerse de que o poliamor é algo incorrecto, malo, inxusto.

Que hai de malo en amar a dúas persoas? ¿En ser capaz de namorarse por unhas horas dunha mente, dun amigo ou simplemente dun descoñecido? En querer compartir con ese novo amante novas experiencias?

Por que non nos aceptamos o risco de namorar por partida dobre ou tripla cando é algo natural?

***

NOTA: Tomo a liberdade de aclarar, por se aínda existise algunha dúbida ao respecto, que estas verbas –ao igual que os artigos anteriores- son opinións e reflexións persoais sobre os temas dos que elixo falar; opinións/ideas fundamentadas e baseadas nas miñas experiencias. Que sentido tería de que falase de algo descoñecido para min? Ningún.

Endexamais se pretendeu que estas pequenas pezas soltas se convertesen en dogmas, e moito menos en discursos ditatoriais. Decateime, a través dalgúns comentarios, de que algunhas persoas (intúo que homes pero disto non podo estar ao 100% segura) non lles agrada ler o que poño, ou se senten ‘feridos’ e mesmo indignados. Ben sexa o primeiro, segundo ou terceiro caso, todas as persoas que así o desexen están máis que «convidadas» a deixar as súas opinións na parte de comentarios. Iso si, por favor, non xulguen nin fundamenten prexuízos e moito menos insulten. Non é preciso faltar ao respecto.

Cada parella é un mundo e cadaquén practica sexo como lle peta. Eu non me vou meter entre dous amantes que están practicando sexo oral, simplemente tomo a liberdade, como blogueira que son, de explicar como se poden acentuar os praceres levando a práctica dun determinado xeito, pero non son regras, consellos todo o máis.

Do cunnilingus

O Gran Dicionario Xerais da Lingua define o cunnilingus como unha práctica sexual que consiste na estimulación bucal dos órganos xenitais femininos. O certo é que, ademais de ser unha definición simple, dista moito do complexo que pode chegar a ser levala a cabo «correctamente». Ese «’estimular’ bucalmente os órganos xenitais femininos» é chupar, morder, fretar etcétera.

A práctica do cunnilingus esixe importantes contorsións da cabeza e do corpo. Velaí van algúns detalles a ter en conta para evitarmos posibles problemas:

1.Á hora de levar a cabo esta práctica sexual, é conveniente ter sempre a man almofadas para colocalas por baixo do corpo da muller e que así esta este máis cómoda.

2.O movemento básico, descrito de forma sinxela, é algo semellante ao xesto que facemos os seres humanos para dicir non, é dicir, mover a cabeza dun lado para o outro; iso si, sempre mantendo a lingua estendida en contacto co sexo feminino e mantendo tamén o mesmo ritmo.

3.No caso de que a lingua do amante canse, feito que pode acontecer, sempre pode colocala contra o seu beizo superior. Así, poderá descansar, pero sen interromper a sensación de suavidade e de calor que produce na acompañante.

4.A lingua e as mans poden traballar simultaneamente. Mentres que o home dá pracer coa boca, pode tamén empregar os seus dedos, por exemplo pasar o polgar pola zona do ano ou do perineo.

5.Se o executante é un home, que veña barbeado, fundamental á hora de levar a cabo sexo oral con garantías de éxito. É preciso estar barbeado, coa pel suave coma a dun bebé para non provocar ningún tipo de molestia na parella. Sobre todo arredor da boca e por baixo do beizo inferior (perilla).

A gran maioría das mulleres aprecian a estimulación bucal para chegar ao orgasmo. A lingua é un instrumento máxico. Se un consegue aprender a manexala, o pracer nas relacións sexuais aumetará.

Caricias e lubrificantes

Ao primeiro, cómpre dicir que a maior parte de mulleres gustan de que os seus parteneres lles toquen o seu sexo. Ao igual que aos homes lles gusta ser acariciados, tocados e beliscados, as féminas volvémonos tolas de desexo cando os dedos e mans do noso compañeiro chegan aos diversos recunchos do noso corpo.

As máis das mulleres adoramos as caricias, paso que en ocasións é preciso para provocar a lubrificación necesaria para logo chegar á penetración e orgasmo. Para moitas, a man ou a boca do amante pode chegar a ser un contacto máis íntimo que a propia penetración. A estas alturas está claro que cada muller, e cada home, é un mundo. Algunhas prefiren que a parella comece por un movemento moi suave; outras non queren que o home se achegue ao clítoris até que se atope verdadeiramente excitada. Pero tamén as hai que prefiren o contacto directo e rápido sobre a zona eróxena ou mesmo quen lle agrada máis unha aloumiño reiterado, lene e moi específico. Como é de esperar, as sensacións serán diferentes en función do tipo de contacto que se leve a cabo, todo é cuestión de saber as preferencias da parella.

Tanto para homes como para nós, as mulleres, a anatomía feminina non deixa de ser un misterio. Ambos corpos presentan unha diferenza importante de tamaño: o sexo masculino está situado por diante e resulta totalmente visible; en cambio, determinadas partes esenciais do sexo feminino son visibles unicamente cando a muller ‘abre as pernas’. Con todo e iso, isto só é válido para as zonas externas, xa que tamén están as zonas eróxenas internas.

As mucosas das partes xenitais contan cos tecidos máis sensibles da anatomía feminina. Aínda que a muller estea totalmente húmida e lubrificada cando o home comece a acariciala, esta zona seca con frecuencia ao estar en contacto cun preservativo ou mesmamente co aire. Como consecuencia disto, unha muller pode perfectamente estar excitada e non estar húmida. Se a actividade sexual continúa, a muller comezará a sentir unha sensación desagradable nesa zona, posto que o movemento do amante producirá molestias debido á sequidade. Cómpre aclarar que existen mulleres que, aínda excitadas, no lubrifican. Esta realidade biolóxica converte os lubrificantes en algo aínda máis fantástico do que xa son de seu. E como quedou explicado enriba, os lubrificantes, ao igual que a anatomía feminina, varía. Algúns consellos á hora de utilizalos:

Durante as caricias manuais, aplíquese o lubrificante deixándoo caer a través dos dedos, coas mans colocada en ‘tridente’, boca abaixo. Esta técnica é moi eficaz por dúas razóns:

1. Pasando entre os dedos, o lubrificante colle calor

2. O cambio de sensacións, entre os dedos quentes e a palma da man lisa e máis esvaradía, pode resultar extraordinario.

De lubrificar os dedos con cuspe tendo inxerido alcol, ter en conta que este é un deshidratante natural para o organismo, e poida que tras ter bebido, un/ha non teña tanta saliva como de costume. Daquela, a boca seca no peor momento.