17122010
OlallaTunnas | Categoría:
Xeral |
A mirada ten un grande poder de recordo. En moitas ocasións cando recordamos intres da nosa infancia véñennos á cabeza, coma se dun storyboard se tratase, instantes e emocións. É por isto que ten un papel clave para a aprendizaxe primeira.
Navegando pola rede dei coa crónica dunha alarmada xornalista da BBC, Anna Cavell, que relataba como deu, nunha balda dunha libraría en Kampala cun libro de contos nada convencional. O título do exemplar era How Kwezi got into Trouble ou Como Kwezi se meteu en leas e a súa portada mostra unha nena chorando sobre unha mesa dunha escola.
Coa nosa ollada xamais pensariamos nun gran drama nun libro para pre-adolescentes, porén Kwezi acababa de perder a súa nai por SIDA e un amigo do seu pai violáraa no seu enterro, así o describe o texto que acompaña a imaxe. A personaxe ten 12 anos, e foi creada por Loice Busingye, autor que integra unha colección de libros para nenos feita por escritores de Uganda co fin de educar os máis novos para previr contaxios de SIDA e frear o avance da pandemia.
As imaxes están compostas nunha linguaxe universal que non require de alfabetización. Que mellor maneira de educar na prevención que amosar as consecuencias e as causas? A colección inclúe imaxes de sexo explícito que tocan temas duros coma un trío de dous rapaces de 12 anos cunha seropositiva, que causará a morte dos nenos.
Para previr hai que mostrar e Uganda é un exemplo na diminución do número casos de SIDA. En 1999 a cota era dun 16% da poboación, hoxe sitúase nun 6%.
