Son moitas as mulleres que ao longo da historia decidiron masculinizar o seu aspecto para acadar unha meta que, até ese momento, só estaba reservada aos homes. Un gran número delas permaneceu no anonimato, perdidas na memoria. Outras, en cambio, pasaron a formar parte da nosa historia.
A galega Concepción Arenal foi a primeira muller en asistir á universidade. Para conseguilo, fíxoo dentro duns pantalóns e debaixo dun sombreiro, a mesma roupa que máis adiante utilizou, canda o seu marido, para poder participar nos faladoiros que a mediados do século XIX acontecían nos cafés de Madrid. Tamén escribiu baixo o nome do seu fillo pequeno, un engano que lle permitiu ser a primeira muller premiada por unha Real Academia.
Outra galega, Elisa Sánchez, fíxose pasar por Mario para poder casar con Marcela Gracia, a súa amante e compañeira. Convertéronse no primeiro matrimonio feminino da península, aínda que para poder chegar a selo unha delas tivo que mudar de pel. O engano foi descuberto por La Voz de Galicia e as dúas mulleres víronse obrigadas a fuxir do país para non ser condenadas.
Tamén Xoán VIII, un papa do século IX, foi unha muller que escondeu o seu corpo debaixo do hábito. Algunhas versións aseguran que Xoana, ese era o seu nome real, quedou embarazada e chegou a dar a luz, un feito polo que foi condenada a morrer na cárcere. Un castigo que seguramente non lle foi imposto por ter mantido relacións sexuais, senón por ser unha muller ocupando o espazo dun home.
Outra gran muller foi Caterina Albert, unha escritora catalá que baixo o pseudónimo de Víctor Català escribiu grandes obras como Solitud ou Drames rurals. Este último título provocou certa polémica por ser un tipo de literatura moi crúa. Evidentemente, a polémica veuse agudizada cando se descubriu que o autor era unha dona.
Historicamente as mulleres temos sido relegadas da vida pública. Os nosos roles de reprodutoras e coidadoras da prole obrigábannos a manternos afastadas da vida pública, un ámbito reservado ao sexo masculino. A rebeldía permitiu a algunhas mulleres poder chegar a ser e deixar de estar, simplemente. Pasaron de ser mandadas a tomar decisión por elas mesmas. E aínda que pareza que estas vidas foron reais hai millóns de anos luz, hoxe en día vestir con traxe ou actuar como “debe” facelo un home segue a ser efectivo para conseguir determinados obxectivos. Aínda precisamos de máis rebeldes!



