16112010
XaquinSaurin | Categoría:
Xeral |
Lembro que nunha ocasión, cando eu era un cativo, meus pais me deixaron uns días na casa dos meus avós, na Compostela postfranquista e preconstitucional. Eu botaba a faltar a miña nai e, para mitigar a súa ausencia, abrazaba un coxín de pana vermella que ela tivera sobre o seu colo pouco antes de marcharen. Lembrábame a ela.
Evoquei este momento hai un par de días, cando atopei na rede información sobre un fabricante británico de bonecas inchables hiperrealistas. O sistema de fabricación que este home segue permítelle darlles ás bonecas unha ampla gama de expresións e aspectos. Practicamente pode recrear naquel obradoiro calquera muller, feita dun suave látex de textura cálida, lene, sensual, sensitiva. Lembrei aquel escultor grego cuxo nome, inoportunamente, non me quere vir á memoria (Mirón, acaso?), que tras rematar a súa estatua máis perfecta quedou ollando para ela e díxolle: fala. Supoño que a estatua seguiría muda, pero iso non o recollen as crónicas.
O lector moderno, tolerante e informado saberá xa o que é un glory hole, e se non o sabe que prema na ligazón que para iso está. Magnífico invento (glory) que permite, a través dunha parede (hole), gozar do traballo dunha boca, dun cu, dunha verga ou de calquera cousa accesible a través dun buraco, sen ter que comprar o resto do animal. Pareceume sempre moi mal que che cobren a cabeza do peixe cando non a vas comer. Algo equiparable, pero de corpo enteiro, é o chamado dogging ou cruising, entre homes e mulleres o primeiro, entre homes e homes o segundo. Trátase de atopar unha fermosa estatua, arrimarse a ela e, se di algo, dicirlle: cala.
Eu divídome en dúas partes de valor e natureza desiguais: a miña pel e o que está dentro dela. Para acceder ao de dentro hai que darse o traballiño de coñecerme, e para iso comprenderme. Non todo o mundo está disposto e non todos saben, haiche moito neurótico. Pero beneficiarse da miña parte de fóra é máis doado e provoca menos incertezas. É o que o poeta chamou «o goce dos sentidos»: para que rañar a superficie se todo o que busco o teño xa á vista?
Pódese tocar, fretar, calcar, acariñar, premer, azoutar, lamber, rabuñar, chuchar, agarrar, morder a pel de calquera humano. Quen hai dentro desa pel é cuestión de gustos.