feminismo « O divino ferrete

Masonaría e feminismo

Rosa Elvira Presmanes García, antropóloga da Universidade de Barcelona e autora de La masonería femenina en España (Dos siglos de historia por la igualdad) afirma que “as masoas, na súa loita en prol da igualdade, iniciaron o feminismo”. Ben, sexa como for, o certo é que Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán, Colombine, Clara Campoamor, Hildegart Rodríguez… e centos doutras mulleres foron destacadas masoas, persoas que loitaron pola igualdade, con ideais na súa maioría progresistas, e que abriron o camiño a moitas outras, a maioría reunidas hoxe na Gran Logia Feminina de España.

{Fonte: Público}

Ovarios sen rosarios

Con cinco conas reais e como Feministes Indignades animanos a celebrar o Día Internacional das Mulleres este 8 de marzo. Con cinco conas de cinco mulleres distintas que mostran diante da cámara como sacar o rosario dos ovarios e ocupar o espazo descolonizado con obxectos de pracer. Un vídeo fantástico, por visibilizador e de chamada á loita. Unhas imaxes que foron censuradas distintas veces na rede e coas que O divino ferrete vos desexa un feliz 8 de marzo e unha libre sexualidade.

Saber puntuar e loitar

Está en inglés, pero non ten maior dificultade e a anécdota en si é moi boa.

E esta segunda imaxe vai en castelán, pero como os galegofalantes somos bilingües (non así os galegos castelanfalantes), non temos ningún problema.

“Non existe galegofalante que non saiba, polo menos, outra lingua, e os máis capaces aínda lle dan a unha terceira ou cuarta. O único colectivo “mono” en termos lingüísticos é o castelán-militante. Precisamente é ese colectivo o que sempre se anda a proclamar bilingüe. Oh, paradoxo!” – Extracto do artigo Don de linguas de Henrique Alvarellos.

Do silencio á rede

De Concepción Arenal ás miles de mulleres anónimas que hoxe continúan a loitar contra as mil caras do patriarcado. De Rosalía de Castro á Rede Feminista Galega. Das sufraxistas á Marcha Mundial das Mulleres. De Enriqueta Otero ás labregas e mariscadoras. Todas, representadas na versión dixital da “Feminismo galego: cambios sociais e dereitos das mulleres”, unha exposición que en 2009 produciu a Fundación Galiza Sempre. Unha mostra que hoxe, dende a rede, amosa unha parte fundamental, e tantas veces silenciada, da nosa historia.

Autoría da imaxe: Xornal Certo

Sen as mulleres non hai revolución

O Festival da Poesía do Condado celebra esta fin de semana a súa edición número vinte e cinco, e faino co lema “Sen as mulleres non hai revolución”. Organizado pola Sociedade Cultural e Deportiva local e dedicado ás loitas feministas, xunta “cultura, reivindicación e festa” durante varios días no recinto amurallado de Salvaterra de Miño.

{Fonte: Nova en Baía Edicións}

Masturbación colectiva

A primeira práctica homosexual de moitos homes acontece na adolescencia, cando participa nunha masturbación colectiva arredor dunha revista ou unha película. Pallas exhibicionistas, o xogo da galleta, corridas en compañía. Prácticas representadas na gran pantalla e nas novelas. Unha realidade visibilizada e aceptada socialmente.

Coa masturbación feminina non acontece o mesmo. A maioría das mulleres descubrimos o noso clítoris en solitario. Este órgano (o único creado exclusivamente para o pracer!) convértese nun segredo e as almofadas e os peluches nos nosos eficientes confidentes. Algunhas mulleres tamén practican masturbacións en compañía: de nenas, sen saber que iso de tocarse coas amigas ten un nome tan longo; e de maiores, coas amantes femininas.

A masturbación é algo natural que todos e todas facemos. Pero sobre ela pesan enormes tabús. Para reivindicala, nomeala e, sobre todo, visibilizala un grupo de mulleres protagonizou en maio de 2009 a primeira masturbación feminina, colectiva e pública da que se ten constancia. Foi en Valencia, durante as xornadas Interferencias Viscerales celebradas na Universitat Politècnica. A acción, bautizada como Taller de masturbación colectiva na vía pública, foi colgada na rede e chegou a acadar 35.000 visitas, ademais dunha infinidade de comentarios. Finalmente, o vídeo foi bloqueado por “ofensivo” (segundo o criterio dalgúns voyeurs, claro).

Obxectivos da Marcha Mundial das Mulleres

En 2006, en Lima, celebrouse o VI Encontro Internacional da Marcha Mundial das Mulleres no que foron acordados os seguintes 8 obxectivos:

1.- Fortalecer e manter un vasto movemento de solidariedade entre todas as mulleres e organizacións de base para que a Marcha constitúa un xesto de afirmación das mulleres do mundo.

2.- Promover a igualdade e a xustiza entre mulleres e homes, entre mulleres e entre todos os pobos.

3.- Seguir construíndo e fortalecendo un amplio proceso de educación popular onde todas as mulleres podan analizar por sí mesmas e para elas mesmas, as causas da súa opresión, da súa discriminación e as posibles alternativas.

4.- Pór en práctica as reivindicacións e as alternativas comúns aos movementos das mulleres do mundo, a escala local, nacional, rexional e internacional, ao redor dos temas de pobreza e de violencia cara ás mulleres.

5.- Exercer presioóns políticas sobre os gobernos e as institucións políticas multilaterais (por ex a ONU), para que realicen os cambios necesarios para mellorar as condicións e a calidade de vida das mulleres do mundo, incluíndo unha política de desarme e de resolución pacífica de conflitos, a fin de todas as impunidades e da corrupción, do uso da violación como arma de guerra, das ocupacións e da presenza militar extranxeira ao igual que a imposición de bloqueos político-económicos.

6.- Rexeitar e denunciar ls institucións internacionais financeiras, económicas e militares (FMI, OTAN, OMC, BM, corporacións transnacionais, axencias de cooperación que condicionan as nosas loitas, etc.) que empobrecen e marxinan as mulleres, e incrementan a violencia cara a elas, e traballar con propostas institucionais alternativas.

7.- Levar á población en xeral, aos outros sectores da sociedade e aos movementos sociales a apoiar e realizar os cambios que sexan necesarios para mellorar a posición, as condicións e a calidade de vida das mulleres do mundo enteiro.

8.- Elaborar e instrumentar accións e proppstas feministas con miras a denunciar as corporacións, institucións económicas e financeiras e gobernos que propician a explotación e a degradación dos nosos recursos, os cambios climáticos e a perda da nosa biodiversidade. Loitar pola soberanía na xestión dos nosos recursos medioambientais que leve a un modelo de desenvolvemento que atenda as necesidades fundamentais das xeracións presentes e futuras.

Máis información relacionada en WikiGender.

Perlas do surrealismo (I)

Aznar é quen máis ten feito por poñer a muller na primeira liña

Luisa Fernanda Rudi, nun debate no campus de FAES

Que midan o meu ano a ver se dilatou

Declaracións do señor García Torres, crego do bispado de Getafe

Transfeminismo

Feminismos hai tantos como realidades existen. Feminismo marxista, anarcofeminismo, feminismo lésbico, ecofeminismo, feminismo da diferenza, ciberfeminismo ou transfeminismo. Este último, o transfeminismo, é unha corrente que rexeita o modelo binario sexo-xénero, é dicir, a presunción pola que soamente existen homes e mulleres. Para entender de que se trata, velaí podedes ler o Manifesto para a insurrección transfeminista:

Facemos un chamamento á insurrección transfeminista:

Vimos do feminismo radical, somos as bolleras, as putas, xs trans, as inmigrantes, as negras, as heterodisidentes. Somos a rabia da revolución feminista e queremos ensinar os dentes; saír dos despachos do xénero e das políticas correctas, e que o noso desexo nos guíe sendo politicamente incorrectas, molestando, repensando e resignificando as nosas mutacións.

Xa non nos vale con ser soamente mulleres. O suxeito político do feminismo “mulleres” quedou pequeno, é excluínte por si mesmo, deixa fóra as bolleras, as xs trans, as putas, as do velo, as que gañan pouco e non van á universidade, as que berran, as sen papeis, as maricas…

Dinamitemos o binomio xénero e sexo como práctica política. Segamos o camiño que comezamos, “non se nace muller, chégase a selo”, continuemos desenmascarando as estruturas de poder, a división e a xerarquización. Se non aprendemos que a diferenza home/muller é unha produción cultural, do mesmo xeito que o é a estrutura xerárquica que nos oprime, reforzaremos a estrutura que nos tiraniza: as fronteiras home/muller. Todas as persoas producimos xénero, produzamos liberdade. Argumentamos con infinitos xéneros.

Chamamos á reivindicación dende o desexo, á loita pola soberanía dos nosos corpos ante calquera réxime totalitario. Os nosos corpos son nosos! Al igual que tamén o son os seus múltiples límites, mutacións, cores e transaccións. Non precisamos de protección sobre as decisións que tomamos no noso corpo, transmutamos de xénero, somos o que nos peta, travestis, bollos, superfem, buch, putas, trans, levamos velo e falamos wolof. Somos rede: manado furiosa.

Chamamos á insurrección, á ocupación das rúas, aos blogs, á desobediencia, a non pedir permiso, a xerar alianzas e estruturas propias: non nos defendamos, fagamos que nos teman! Somos unha realidade, operamos en diferentes cidades e contextos, estamos conectadxs, temos obxectivos comúns e xa non nos calan. O feminismo será transfronterizo, transformador, transxénero ou non será; o feminismo será tranfeminista ou non será.

A muller completa

«Toda muller ten algo que non lle gusta do seu aspecto [...] Calquera que sexa a cantidade de peluxe que teña, sempre será excesiva. Se o seu corpo é bastante delgado, os seus senos serán esmirrados. Se ten un peito abundante, seguro que o cu é demasiado gordo. Descubrín moi cedo que unha muller fermosa non se considera en absoluto bela». Germaine Greer mostra así, n’A muller completa, unha realidade crúa e dolorosa: que a identidade das mulleres se apoia na premisa da beleza, un feito que as converte en persoas vulnerables á constante aprobación allea.

Como recoñece Greer, o índice de beleza acadado nunca é suficiente. Na televisión, nas revistas, nos valados publicitarios repítese a todas horas a mesma mensaxe: temos a vara máxica da túa fermosura, cómpraa! Cremas para non avellentar, maquillaxes para tapar imperfeccións, xabóns para eliminar os puntos negros, ceras para acabar co pelo, tinturas para disimular as canas. O lucrativo negocio da estética creceu coma a escuma dende os anos 70 e poucos son os que estarían dispostos a renunciar á súa parte do pastel. Aínda que iso significase o final de tanta frustración e angustia.

Ser fermosa, aquí e agora, significa adaptarse a uns canons construídos baixo uns parámetros sexistas que controlan e oprimen os corpos e as mentes das mulleres mediante formas, tallas e medidas denigrantes. Querer acadar a soñada meta comporta fame, anorexia, bulimia ou intervencións cirúrxicas. E, por suposto, a morte. Tamén en vida.

Por sorte Greer, como tantas outras persoas, aposta polo extremo oposto, o da chamada muller completa. Unha dona que non existe para facer realidade as fantasías sexuais masculinas, nin espera que un home a dote de identidade e status social. Unha muller que non está obrigada a ser, nin sentirse fermosa aos ollos das demais e a quen a idade vai dotando de autoridade. Que convive coas engurras con naturalidade. Que se coida para ela e non para “o outro”.