Fuck For Forest « O divino ferrete

Pornoactivismo

Fuck For Forest, literalmente Foder para o monte, é unha asociación ecoloxista de orixe norueguesa que loita contra a destrución das selvas pluviais mundiais. O seu modo de recadar fondos? Foder e producir material porno. O lugar e a hora son arbitrarios.

Os seus creadores,  Leona Johansson e Tommy Hol Ellingsen, ámbolos dous con nacionalidade norueguesa, argumentan que “salvar o planeta é sexy e por que non excitarse por unha boa causa?” A organización defínese como un colectivo ecoloxista e erótico sen fin de lucro e tivo axudas do goberno noruegués durante os primeiros seis meses dende a súa creación.

O que nos preguntamos é de que maneira o sexo pode axudar a salvagardar o planeta. Ellingsen, en declaracións á BBC, afirma que o obxectivo das súas prácticas é “liberar as nosas mentes, estar máis en contacto coa natureza, con nós mesmos e co planeta”.

O caso é que dende o seu nacemento, o grupo colleitou uns beneficios de 345.000 dólares a través de contribucións dos internautas que pagan para ver os contidos da súa páxina web con vídeos e fotos de sexo explícito ao aire libre. Ademais, todo aquel que queira colaborar coa causa ‘Fuck For Forest’ pode facelo subindo fotos ou vídeos propios mantendo relacións sexuais. Os cartos recadados van para comunidades en Ecuador, Brasil, Costa Rica ou Eslovaquia, segundo apuntan na súa páxina web.

Dende que comezaron a principios do ano 2000 teñen 1300 activistas en todo o mundo. Déronse a coñecer, sobre todo, dende que no 2004 os fundadores Johansson e Ellingsen fornicaron en vivo no escenario durante o Quart Festival en Noruega no concerto do grupo The Cumshots.

Malia que varias asociacións ecoloxistas se negaron a recibir fondos da FFF, o colectivo agudiza a súa imaxinación para acadar impacto mediático e conseguir máis fondos. A súa última performance tivo lugar na Catedral de Oslo, onde dous dos activistas do grupo tentaron manter relacións sexuais sen éxito. Despois dunhas horas detidos e, tal e como aseguran na súa páxina, “unha masturbación na cela”, volveron para a casa.