fútbol « O divino ferrete

O caso Fashanu

Justin Fashanu, nado en febreiro de 1961, foi un xogador inglés de fútbol que xogou para unha serie de clubs entre 1978 e 1997. A súa transferencia ao Nottingham Forest converteuno no primeiro xogador negro que custou un millón de libras. En 1990 Fashanu foi tratado con hostilidade tras converterse no primeiro futbolista de certa fama que se identificou publicamente como homosexual. En 1998 foi interrogado pola policía dos Estados Unidos de América cando un mozo de 17 anos o acusou de agresión sexual. A policía abandonou o caso por falta de probas, mais Fashanu suicidouse o 2 de maio dese mesmo ano, aforcado nun garaxe, en protesta porque segundo el «xa fora considerado culpable».

Apuntamentos (XXXIII)

“A homofobia é racismo. No fútbol e no deporte en xeral aínda existe un tabú sobre a homosexualidade, cando a xente debería vivir libre de acordo aos seus propios desexos e sentimentos”, escribiu no proemio do libro Il campione innamorato. Giochi proibiti dello sport Cesare Prandelli, seleccionador co combinado italiano que está a disputar este días a Eurocopa de fútbol de Polonia e Ucraína. Pero algúns intelectuais da pelota está visto que non saben senón vogar á contra, o último Antonio Cassano quen afirmou (con desculpas a posteriori):

Se digo o que penso, ármase. Que se hai maricóns no vestiario? É problema deles, a min non me afecta. Pero eu espero que non os haxa…, se non, xa sabes, veñen os ataques de todas partes.

Kubus, o fútbol en galego

(…) tentar encher o baleiro que presenta o periodismo relacionado co deporte rei en lingua galega. A intención final de que mensualmente preto de cen páxinas con contido futbolístico en lingua galega pasen a imprenta. A búsqueda da superación da utopía, poder ofrecer en cada número textos de autoría relevante. Que persoas de renome no ámbito do fútbol presenten as súas verbas para seren traducidas a lingua galega.

Así se presenta a revista Kubus, “primeira revista do fútbol e a súa historia en lingua galega”. Ese é o camiño, que o galego chegue a todos os ámbitos. Parabéns.

A besta do Athletic

O xogador do Athletic de Bilbao Óscar de Marcos xogou unha hora (os 15 últimos minutos da primeira metade máis a segunda completa) co escroto desgarrado no encontro de fútbol disputado este pasado domingo co seu equipo diante do Real Zaragoza. As feridas abertas no escroto e no recto obrigaron a ter que ingresalo tan pronto como finalizou o partido para aplicarlle 25 puntos de sutura, nada menos.

{Fonte: Diario As}

Comme il faut

A Torre de Hércules é o único lugar da cidade no que aínda se albiscan algunhas estrelas nas noites claras que tanto pouquean neste país. Alí, batido polos ventos e cegado polos focos, nun campo de herba artificial, estiven vendo xogar un partido hai algunhas noites.

Os xogadores eran todos homes, como ten que ser, como deus manda (os franceses teñen ese comme il faut máis cosmopolita). A miña visión de raios X mostrábame dez vergas abaneando comicamente de forma sincrónica baixo os calzóns dos xogadores, ao trote, e tamén dez cus, uns máis comestibles ca outros, redondiños coma queixos, molladiños e salgados coma algas da mar.

O fútbol é unha oda ao comme il faut. Cando era cativo, o único deporte que se podía practicar sen caer no esnobismo era o fútbol. De feito o fútbol era o modo normal de relacionarse, o pasatempo normal, a paixón normal, a habilidade normal, o gusto normal, a aspiración normal. E que cadaquén entenda ao seu modo iso da normalidade, porque nunca se definiu por escrito. O que está claro é que inclúe unha certa forma de comportamento, un certo modo de ser, unha certa maneira de sentir, un certo xeito, un certo aire, un certo aquel.

Cando 30.000 fulanos deciden meterse dentro dun estadio a berrar o que están a facer é defender e perpetuar activa e fervorosamente o comme il faut, o patrón do que está aceptado e do que non, as persoas que serven e as que non. Algunha vez lin que en todo grupo social os excluídos teñen que existir só para que os demais sintan o privilexio de seren incluídos no grupo.

O homo sapiens é tan imperfecto…