Para moita xente o sexo conta con dous tempos: os preliminares e o coito. Exactamente igual que nos deportes, primeiro vén o quecemento até que estamos preparados para logo pasar á acción. Ademais penso que cómpre aclarar que para manter relacións sexuais verdadeiramente extraordinarias e inesquecibles, hai que ter uns preliminares verdadeiramente extraordinarios e inesquecibles. Para as mulleres, isto implica dúas fases fundamentais: a primeira, a que actúa sobre o cerebro; e a segunda, a que o fai sobre o corpo. Se estes dous aspectos son tan importantes é porque fan intervir o noso órgano sexual máis potente: o cerebro. Ambos os dous sexos deben saber:

Primeiro: cadaquén ten a obriga de coñecer o seu corpo e mais o do seu acompañante.
Segundo: cada muller é diferente, daquela non convén ‘abordalas’ do mesmo xeito. Como ben dixo a sexóloga Lou Paget,
«as mulleres son como campos de golf: aínda que vostede teña feito o percorrido un cento de veces, hai unha chea de posibilidades de que a pelota non aterre dúas veces no mesmo buraco. Ademais hai que saber adaptar a puntaría ao estado do campo; uns xogan cando o terreo está seco e outros cando está máis húmido. O golf, coma o sexo, esixe dunha boa condición física. Porén, o golf nada ten que ver co hóckey –onde se tira e se mete de calquera maneira-.»
Terceiro: ambas persoas teñen unha responsabilidade, a de aprender a dar pracer á outra e de practicar esta arte unha vez que a aprendan.
Cuarto: as mulleres queremos diversidade, o que non é sinónimo de performance. Non somos máquinas cun botón de prendida/apagada, e moito menos imos acompañadas dun manual de instrucións.
Quinto: os homes e as mulleres comunicamos de maneira diferente; isto é debido en parte á función biolóxica, e por outra banda aos roles sociais que fomos adquirindo ao longo da historia. Na esfera sexual tampouco somos igual. O home e a muller comunican de xeito distinto, o que pode ter repercusións moi concretas. Dunha banda, as mulleres queremos que os homes saiban o que nos gusta na cama, pero por outra ás veces somos un tanto reticentes a compartirmos esa información.
Sexto: a maioría dos homes adoran os bicos húmidos nas orellas, moitas mulleres non.
Sétimo: as mulleres reaccionamos con suaves caricias, os homes prefírenas máis «fortes».
Oitavo: os homes son xeralmente visuais (ver un peito espido pode desencadear todo o resto); nós, as mulleres, somo máis auditivas e táctiles.
Noveno: unha muller precisa estar relaxada para manter relacións sexuais. A importancia deste factor débese a que o noso cerebro é capaz de estar en dez cousas ao mesmo tempo e facer malabares con todo iso. Daquela, se non somos quen de desconectar desas actividades que manteñen o cerebro en acción non poderemos concentrarnos abondo sobre o que realmente interesa nese momento.
Pódese ser máis diferente? Abofé que si, mais estas pequenas «discordancias» endexamais foron un problema para non gozar dos praceres máis carnais.