homofobia « O divino ferrete

Do cretino homófobo

(…) Feijóo ser é solteiro, así que agora poderá casar con quen queira e facelo legalmente, co amparo da Constitución Española, da que tan devoto é. Se quer, mesmo, poderá casar con alguén do seu mesmo sexo, alguén ao que secretamente odie, polo mero feito de ser homosexual. É un comezo inusual para un matrimonio, ben o sei, casar con alguén a quen odias. Pero o certo é que un sempre casa con alguén a quen ama, e mira ti como adoitan acabar as cousas.

Texto extraído da entrada A homofobia sen coartadas e os muchos-amigos-gays, do blog Un País en Lata, administrado por Fran P. Lorenzo.

Miss Homofobia

{Fonte: Rulando polo Facebook}

O caso Fashanu

Justin Fashanu, nado en febreiro de 1961, foi un xogador inglés de fútbol que xogou para unha serie de clubs entre 1978 e 1997. A súa transferencia ao Nottingham Forest converteuno no primeiro xogador negro que custou un millón de libras. En 1990 Fashanu foi tratado con hostilidade tras converterse no primeiro futbolista de certa fama que se identificou publicamente como homosexual. En 1998 foi interrogado pola policía dos Estados Unidos de América cando un mozo de 17 anos o acusou de agresión sexual. A policía abandonou o caso por falta de probas, mais Fashanu suicidouse o 2 de maio dese mesmo ano, aforcado nun garaxe, en protesta porque segundo el «xa fora considerado culpable».

Apuntamentos (XXXIII)

“A homofobia é racismo. No fútbol e no deporte en xeral aínda existe un tabú sobre a homosexualidade, cando a xente debería vivir libre de acordo aos seus propios desexos e sentimentos”, escribiu no proemio do libro Il campione innamorato. Giochi proibiti dello sport Cesare Prandelli, seleccionador co combinado italiano que está a disputar este días a Eurocopa de fútbol de Polonia e Ucraína. Pero algúns intelectuais da pelota está visto que non saben senón vogar á contra, o último Antonio Cassano quen afirmou (con desculpas a posteriori):

Se digo o que penso, ármase. Que se hai maricóns no vestiario? É problema deles, a min non me afecta. Pero eu espero que non os haxa…, se non, xa sabes, veñen os ataques de todas partes.

Evidentemente homófobo

Extracto dunha recomendable entrada no blog de Fran P. Lorenzo.

Na rede aínda circula aquela xa famosa entrevista de Xavier R. Blanco a Núñez Feijóo, publicada en agosto de 2007 en El País, na que o entón candidato á presidencia da Xunta, o hoxe casado con Galicia, retratou, en só dúas palabras -Evidentemente, no-, a súa patética condición de homófobo:

P-¿Sabe que se dice que es homosexual?
R.- Sí, sé que hay gente que dice que soy homosexual.
P. ¿Lo es?
R. Evidentemente, no; aunque no tengo nada en contra de mis amigos homosexuales.

Homofobia de estado

Plans de prevención estival ante doenzas en destinos tropicais. Advertencias respecto do alto risco penal polo contacto coas drogas no estranxeiro. Ollo coas subidas nas tarifas de telefonía móbil cando traspasamos as fronteiras xeográficas… Tendo que poñer nas vacacións tantas ilusións como precaucións –e cartos– parecemos esquecer que a práctica homosexual en non poucos países está castigada con penas que van desde multas até a pena de morte.

As relacións entre persoas do mesmo sexo –con idade legal, de forma consentida e no ámbito privado– son ilegais en 76 países de todo o mundo. É máis: en Arabia Saudí, Irán, Iemen, Mauritania, Sudán, 12 estados do norte de Nixeria e partes meridionais de Somalia mesmo están castigadas coa pena de morte.

Homofobia de Estado, un informe sobre as leis que criminalizan a actividade sexual con consentimento entre persoas do mesmo sexo (maio, 2011), elaborado pola Asociación Internacional de Lesbianas, Gais, Bisexuais Trans e Intersex (Ilga) advirte da férrea ideoloxía de Gobernos que, lonxe de levantar as limitacións á liberdade sexual e identidade de xénero, se ratifican na súa postura ou mesmo a endurecen: en Malawi, o Presidente Bing Wa Mutharika non só recuou na súa intención de perdoar a relación amorosa entre Steven Monjeza e Tiwonge Chimbalanga, senón que fixo incluír no Código Penal a criminalización das “prácticas indecentes entre as mulleres”, lembran os responsables do informe a modo de exemplo desta realidade.

Con todo, a ‘homofobia de Estado’ trascende do ámbito da sexualidade e anega todo o que teña que ver coa identidade de xénero e a igualdade de dereitos: as persoas LGBTI son sistematicamente discriminadas e acosadas nestes países en nome dos ‘valores tradicionais’ e baixo o temor a que “contaminen” ao resto da poboación, segundo se advirte no documento que, ao longo de 72 páxinas, debulla un completo mapa da discriminación homosexual e transexual en todo o mundo.

“Esta non é exactamente –indican os responsables do informe– a forma máis coherente de defender os valores, que se supoñen son tan ‘tradicionais’ como ‘naturais’ e, certamente, recaen no inmoral, tendo en conta que, como resultado, neste último ano, varios defensores dos dereitos LGBT foron asasinados. Non podemos senón expresar gratitude e admiración pola coraxe de todos/as os/as activistas que arriscan as súas vidas e a súa seguridade para construír un movemento LGBTI forte e –sobre todo– un mundo mellor, onde todos os dereitos humanos sexan verdadeiramente para todos e todas”.

“O día non está lonxe, cando se considere en todas partes que a homofobia e a transfobia merezan a mesma repugnancia que actualmente teñen o sexismo e o racismo, e ningunha retórica auto implantada evitará que a parede da Homofobia de Estado se derrube”, conclúen.

Da homofobia (II)

Estados Unidos é o país no que calquera pode chegar a ser presidente e no que chega a presidente calquera. Como dicía o camarada Mao, unha besta así non se goberna sen unha boa capacidade para ameazar no económico, de influír no diplomático e de intervir no militar. E sen unha maioría de mentes simples, engado eu (meu deus, que difícil é coñecer alguén interesante).

O portaavións estadounidense Enterprise estivo gobernado nos últimos anos por un ser a quen as crueis ironías do destino reservaron o apelido Honors. Lendo o proceder deste ser lembrei unha novela que lin cando era un inmaturo preadolescente: Lord of the Flies, de William Golding, na que un fato de inmaturos preadolescentes británicos se convertía nun fato de inmaturos preadolescentes salvaxes por falta dunha autoridade disciplinadora. A autoridade é a referencia nese proceso de maduración que o adolescente aínda non rematou, pero que pasa cando alguén que aínda está verde pasa a ser a autoridade nun microcosmos? Pois que aquel se converte no barco de Peter Pan.

Honors será relevado do seu posto de segundo de a bordo do Enterprise. O motivo do seu cese está nas queixas recibidas polo programa XO Movie Night, que se emitía (emite?) na televisión de circuíto pechado do barco. No programa empregábase unha linguaxe e mostrábanse escenas que resultaron ofensivas a máis de un e a máis de unha. Hai que dicir que tampouco se trataba de nada grave, pero a estes americanos non lles colle polo cu o bigote dunha gamba, así que para eles ver a dúas mulleres “en posturas insinuantes” ou homes simulando masturbarse ou cousas así é motivo de escandalizada indignación. O capitán, ao estilo Hugo Chávez, presentaba o programa sen pararse a escoller moito o seu vocabulario, polo que acababan saíndolle pola boca comentarios sexistas e homofóbicos dos que fan antoloxía.

Eladio Rodríguez González, no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano, recolle tres significados para a palabra maduro, os tres ligados por unha especie de relación causal, como se cada un nacese do anterior de modo natural: 1, sazonado, que está en sazón; 2, prudente, xuizoso, sisudo; 3, entrado en anos. Como van ser as cousas se non? Chegado certo momento, e só por ter vivido o suficiente, terei o siso cheo de sabedoría. Algo non acaba de entrarnos polos ollos cando coñecemos unha persoa que malia a levar anos sobre as costas, non os leva no miolo.

A Obama non lle está a ser doado darlle pasaporte ao dont’ ask, don’t tell, ten diante toda a carcunda de capitalistas mexamorniños. Menos mal que cretinos coma este llo poñen doado.

Da homofobia (I)

Onte souben dun novo e peregrino episodio que mostra o inocentes que poden chegar a ser as almas homófobas.

Polo que conta o xornal ABC, decano da prensa española, a República Checa está a realizar tests para comprobar se realmente son homosexuais as persoas que piden asilo porque nos seus países de orixe son perseguidos a causa da súa orientación sexual. O test é realizado por un sexólogo ou un psicólogo, e consiste no visionado de material pornográfico heterosexual e no exame das reaccións que experimenta o demandante de asilo (non se especifica que tipo de exame nin que tipo de reaccións, é magoa). É certo que para realizar o test se pide a conformidade do interesado, pero tamén o é que o interesado non está interesado en arriscarse a que o manden de volta para a casa, o cal equivalería a ser servido con guarnición a aqueles que o queren linchar. A Axencia Europea para os Dereitos Fundamentais xa deu a voz de alarma, pero que se saiba non houbo reacción dos iluminados checos.

Isto lévame a outra noticia que lembro ter lido hai xa tempo: no ano 2007 un equipo de investigación da Universidade de Michigan buscaba relacionar cientificamente a homofobia coa asunción deficiente da orientación sexual da persoa homófoba. A tal fin recrutaron 64 estudantes varóns heterosexuais voluntarios e dividíronos en dous grupos, segundo o seu grao de homofobia. Un por un foron sometidos a unha proba consistente en instalar no seus penes un trebello destinado a medir a súa erección -dando por suposto que existe unha relación causal entre esta e o nivel de excitación- mentres os sometían á infausta visión dun vídeo porno de temática gai. Os resultados dan, polo menos, para pensar: os estudantes non homófobos, na súa meirande parte, dixeron que non se sentiran excitados pola película, o cal foi confirmado polas medicións obtidas dos seus membros. Entre os estudantes homófobos, pola contra, rexistráronse incrementos no volume dos seus penes, algúns moi notables (os incrementos), mentres dicían que non se sentiran excitados nin sequera un chisco.

Espero que na República Checa non lles dea por estender a proba, por exemplo, ao colectivo dos políticos deficientes ou ao dos psicólogos perturbados.