Outra vez Eros, o que afrouxa
os membros, apárvame, doce
e amargo, irresistíbel becho.
(Safo)
Esta, a primeira descrición das penas que o amor comporta, debémoslla a unha muller. Máis exactamente a unha muller que amaba outras mulleres. E é que para os gregos, o arco de Eros non só se tensaba inexorabelmente contra os elixidos, senón que o facía sen ningunha distinción de sexos. O mesmo que cativara a Helena e Paris, os arcanos eróticos ligan a Safo -cuxo lugar de nacemento, a Illa de Lesbos, substantiva a orientación homosexual feminina-, a Gongila, Agalide, as discípulas máis fermosas que, no círculo do que a poeta era «mestra» aprendían danza, canto e música, a cultura que os gregos reservaban ás mulleres antes de que as regras da polis, a nova organización cidadá, as excluíse de toda participación na vida espiritual e intelectual.
Se unha das primeiras manifestacións literarias do amor homosexual se refire ao vínculo entre dúas donas, tras Safo, en Grecia, o amor lésbico deixa de ser cantado. Non podía ser doutro xeito, dado que ao fraguar as pautas da polis, as mulleres foran relegadas ao papel de reprodutoras, excluídas de toda forma de educación e, en consecuencia, de palabra. Nos séculos da cidade, a homosexualidade feminina desaparece como costume socialmente destacado. Porque, a diferenza da regrada pederastia entre os homes, a manifestación máis relevante da homosexualidade grega, o amor entre mulleres non lle interesa á cidade porque non constitúe un instrumento de formación.
Pero, sen dubidar da importancia do poema de Safo, hai quen sinala un outro texto. Investigadores sumerios traduciron tres poemas dunha muller chamada Enheduanna, quen expresaba a súa admiración e irritación cara a Inanna, Gran Nai, deusa da fertilidade e tecedora do destino. Tal como acontece con Safo, ou no caso da literatura galega renacentista, é de novo unha muller a inauguradora. Os poemas datan do ano 4000 a.C., están escritos sobre lápidas de arxila.
Ti exaltas os elementos
Reúnes en ti os poderes
Aprisiónalos no teu peito
[...]
Ouleas coma o deus da treboada
Cal semente languideces no chan
Es río cheo que se precipita baixo a montaña
Es Inanna
Suprema no ceo e na terra
Algúns estudosos queren ver neste o primeiro canto do amor lésbico. A lectura fica aberta.
No famoso estudo sobre a vida de Benedetta Carlini, a monxa lesbiana que naceu en 1590 en Italia, realizado por Brown, atopamos varios indicios de por que se silenciaba o lesbianismo. Descualificar o lesbianismo como asunto serio: «Moitas leis civís contra relacións entre o mesmo sexo, incluíndo a lei inglesa de 1533 que castigaba a sodomía coa morte, non facían mención específica ás mulleres. En cambio, eran moi explícitas cos actos cometidos polos homes e as penalidades que se lles debían impor. Dado o coñecemento que os europeos tiveron sobre a existencia da sexualidade lesbiana, a súa neglixencia con respecto a este tema en dereito, teoloxía e literatura indica que non quixeron darlle crédito. Para el [Brantome], como para moitos outros homes do seu tempo, a atracción mutua das mulleres non era asunto serio».
As mulleres son inferiores aos homes: «Outra razón para ignorar a sexualidade lesbiana era a crenza de que as mulleres, consideradas por natureza inferiores aos homes, simplemente trataban de emulalos. Estas ideas estaban apoiadas polas observacións e escritos dos médicos. Algúns repararan en que, en certos casos, as mulleres non só imitaban aos homes senón que se convertían realmente en homes. Estes cambios de sexo efectuados pola natureza sempre funcionaban nunha única dirección, de femia a home. Non se recordaban exemplos de transformacións inversas. Non parecía posible que a perfección dexenerase en imperfección».
Pero non será até o século XVI cando as reformas católicas e protestantes se preocupasen cada vez máis por lexislar unha conduta moral, para reprimir a herexía, unha ofensa asociada tradicionalmente coa homosexualidade. As mulleres considéranse entón proclives á carne e á luxuria: Os consellos de Sinastri aos confesores acerca de como obter información de alguén sospeitoso de crimes lésbicos remiten ao antigo temor de que as mulleres, dada a súa gran tendencia lúbrica e a súa limitada capacidade de raciocinio, puidesen desatar a súa fantasía se oían tales cuestións. Máis aínda que a sodomía masculina, a sodomía entre mulleres era «o pecado que non se podía mencionar».

No século XV, o manual da confesión atribuído a Jean Gerson denominábao un pecado contra natura no cal «as mulleres teñen as unhas as outras por detestábeis e horríbeis métodos que non deben nomearse nin escribirse». Un século despois, Gregorio López refírese a el como «o pecado silencioso», peccatum mutum. Por esta razón Germain Colladon, o famoso xurista do século XVI, aconselláballes ás autoridades xenebrinas, quen non tiñan experiencias anteriores de crimes lésbicos, que a sentenza de morte fose lida en público, como se adoitaba facer en casos de homosexualidade masculina, pero que a descrición afeita dos crimes cometidos debía evitarse. «Un terríbel crime contra natura –escribiu– é moi detestábel e polo horror que produce non pode ser nomeado». O problema non era que Colladon aborrecese de xeito especial esta caste de ofensa, senón o temor a que as mulleres, debido ás súas naturezas máis débiles, estivesen máis dispostas a recibir a suxestión.
En consecuencia, mentres que «aos homes considerados culpables de sodomía se lles debía ler os seus crimes en alto para disuadir a outros, en cambio era mellor non mencionar as relacións entre mulleres.
Ao lesbianismo denominóuselle tribadismo en moitos círculos. Un lingüista da Universidade de Alacant, Félix Rodríguez, catedrático de Lingüística Inglesa pola UA e doutor en Lingüística Románica pola Universidade de Alberta, reuniu máis de 1500 termos e expresións relacionadas cos gais, lesbianas e transexuais no que se converterá no dicionario máis exhaustivo de España sobre esta temática. O Diccionario gay-lésbico: vocabulario general y argot de la homosexualidad (Gredós) inclúe palabras como trucha, oso, tortillera ou sarasa. Tamén tribadista, un dos primeiros.
O termo tribadismo deriva do grego tribo, fretar, e fai referencia á práctica sexual da fricción xenital entre dúas mulleres. Recólleo en galego o Gran Dicionario Xerais da Lingua, non así o gran Cumio.
Safo, ou unha das súas discípulas, escribía:
E… cun perfume
precioso e propio dunha raíña
fretabas o corpo
Porque Safo non era só mestra do intelecto: dela as nenas aprendían as armas da beleza, da sedución e da fascinación. Aprendían a graza (charis) que facías dela mulleres desexábeis. Desde este punto de vista, a definición do círculo de Safo como «colexio de nenas de papá» é correcta. Mais é sen dúbida insuficiente, porque nos ‘círculos’ as rapazas de Lesbos (e doutras cidades, posto que canda Safo foron Atis de Mileto ou Eunica de Salamina) vivían unha experiencia que, aos ollos da sociedade actual merece calquera cualificativo menos ese. E amábanas cun amor apaixonado, pois a poeta de Lesbos dedicáballes así os versos ás amigas predilectas, cargados de ardor:
Prégoche,
Gongila, amósate coa túa túnica
leitosa: ao teu redor
voa o Desexo,
en torno a ti tan bela. Ese vestido
túrbame ao velo; e eu alégrome.
É máis, para latinistas como Eva Cantarella esta relación homosexual non ten o valor iniciático e formativo de paso do estado de doncela a muller casada que acontecía nos homes. Carece de valor pedagóxico institucional. En parte, radica nese punto o temor e o estupor cara ao desexo cantado sen os ambaxes dunha moral establecida. Xa o dicía Lampedusa: «Todo cambia para que todo siga igual».