LGBT « O divino ferrete

Homofobia de estado

Plans de prevención estival ante doenzas en destinos tropicais. Advertencias respecto do alto risco penal polo contacto coas drogas no estranxeiro. Ollo coas subidas nas tarifas de telefonía móbil cando traspasamos as fronteiras xeográficas… Tendo que poñer nas vacacións tantas ilusións como precaucións –e cartos– parecemos esquecer que a práctica homosexual en non poucos países está castigada con penas que van desde multas até a pena de morte.

As relacións entre persoas do mesmo sexo –con idade legal, de forma consentida e no ámbito privado– son ilegais en 76 países de todo o mundo. É máis: en Arabia Saudí, Irán, Iemen, Mauritania, Sudán, 12 estados do norte de Nixeria e partes meridionais de Somalia mesmo están castigadas coa pena de morte.

Homofobia de Estado, un informe sobre as leis que criminalizan a actividade sexual con consentimento entre persoas do mesmo sexo (maio, 2011), elaborado pola Asociación Internacional de Lesbianas, Gais, Bisexuais Trans e Intersex (Ilga) advirte da férrea ideoloxía de Gobernos que, lonxe de levantar as limitacións á liberdade sexual e identidade de xénero, se ratifican na súa postura ou mesmo a endurecen: en Malawi, o Presidente Bing Wa Mutharika non só recuou na súa intención de perdoar a relación amorosa entre Steven Monjeza e Tiwonge Chimbalanga, senón que fixo incluír no Código Penal a criminalización das “prácticas indecentes entre as mulleres”, lembran os responsables do informe a modo de exemplo desta realidade.

Con todo, a ‘homofobia de Estado’ trascende do ámbito da sexualidade e anega todo o que teña que ver coa identidade de xénero e a igualdade de dereitos: as persoas LGBTI son sistematicamente discriminadas e acosadas nestes países en nome dos ‘valores tradicionais’ e baixo o temor a que “contaminen” ao resto da poboación, segundo se advirte no documento que, ao longo de 72 páxinas, debulla un completo mapa da discriminación homosexual e transexual en todo o mundo.

“Esta non é exactamente –indican os responsables do informe– a forma máis coherente de defender os valores, que se supoñen son tan ‘tradicionais’ como ‘naturais’ e, certamente, recaen no inmoral, tendo en conta que, como resultado, neste último ano, varios defensores dos dereitos LGBT foron asasinados. Non podemos senón expresar gratitude e admiración pola coraxe de todos/as os/as activistas que arriscan as súas vidas e a súa seguridade para construír un movemento LGBTI forte e –sobre todo– un mundo mellor, onde todos os dereitos humanos sexan verdadeiramente para todos e todas”.

“O día non está lonxe, cando se considere en todas partes que a homofobia e a transfobia merezan a mesma repugnancia que actualmente teñen o sexismo e o racismo, e ningunha retórica auto implantada evitará que a parede da Homofobia de Estado se derrube”, conclúen.

Stonewall

A rebelión de Stonewall consistiu nunha serie de manifestacións espontáneas e violentas contra unha redada policial que tivo lugar na madrugada do 28 de xuño de 1969, no pub coñecido como o Stonewall Inn do barrio neoiorquino de Greenwich Village. Fálase decote destes disturbios como da primeira ocasión na historia de Estados Unidos en que a que a comunidade LGBT loitou contra un sistema que perseguía os homosexuais co visto e prace do goberno, e son xeralmente recoñecidos como o catalizador do movemento moderno a prol dos dereitos LGBT nos Estados Unidos.

TVE emitiu un documental de algo máis dunha hora de duración no espazo La noche temática. É este, e paga a pena miralo.

LGBT: resolucións e legalidade

* O pasado venres 17 de xuño o Consello de Dereitos Humanos das Nacións Unidas aprobou unha resolución de apoio á igualdade de dereitos, independentemente da orientación sexual de cada individuo. Esta resolución, introducida por Suráfrica, é a primeira deste tipo (LGBT) na ONU. Foi aprobada con 23 votos a favor, 19 en contra e 3 abstencións, ademais de cunha severa crítica á propia Suráfrica por parte doutros estados africanos.

* En Nova York, está en pleno debate o cuarto intento para legalizar o matrimonio entre persoas do mesmo sexo. O seguinte vídeo explícao:

X edición do premio Marcela e Elisa

Segundo informa o xornal dixital Galicia Confindencial, o colectivo independente Milhomes de lesbianas, homosexuais, transexuais e bisexuais fixo entrega á Concellaría de Servizos Sociais da Coruña do premio Marcela e Elisa na súa X edición.

A asociación considera que as actividades de sensibilización cidadá emprendidas por este departamento municipal durante os últimos anos o fan merecedor do galardón. Entre as iniciativas citadas por Milhomes atópanse o festival A Coruña Visible, a celebración do Día do Orgullo Gai, o certame Cinema Visible, a rúa dedicada a Tomás Fábregas e a apertura da oficina de mediación para gais, lesbianas e transexuais.