Porque non permito que a muller ensine, nin que exerza dominio sobre o home, senón que estea en silencio.

1º Timoteo 2:11-15
Porque non permito que a muller ensine, nin que exerza dominio sobre o home, senón que estea en silencio.

1º Timoteo 2:11-15

{Fonte: @costacancio}
Como se da Sección Feminina da Falanxe se tratase, o sábado pasado un coro de mulleres militantes do PP cantou nun mitin dedicado á familia unha versión denigrante do bolero de Armando Manzanero “Somos novios”. A letra dicía así:
“Somos nais, mantemos a nosa casa limpa e pura. Como todos, traballamos sen desdén, non hai dúbida. Choferesas, enfermeiras, cociñeiras e modistas, pedagogas, cantantes e até artistas, contacontos, albañís e economistas. Somos nais. Algunha cana asoma e choramos cando un fillo xa maior nos abandona. Engánanos o recibir algunha flor e unha aperta, pero máis nos gusta un bolso de Vuitton, sen facer máis comentarios. Somos nais, somos nais, somos nais”.
Noxento, vomitivo e lamentable. Todos os malditos roles de xénero metidos en catro liñas versionadas. As mulleres reducidas a nais, esposas, escravas, choromiqueiras, interesadas, consumidoras, débiles, coidadoras e, aínda por riba, estúpidas!
Non é novo que o Partido Popular amose sen vergoña a súa vontade de manter o patriarcado. E nada ten de estraño que un partido liderado por fascistas queira as mulleres agochadas. Cren que somos incubadoras que debemos parir e coidar da manda. Queren pecharnos de novo nas casas como nos anos 50, cando despois da II Guerra Mundial xa non había traballo para nós porque os homes volvían das trincheiras. Hoxe á guerra chámanlle crise. E ao recorte de dereitos, amor pola familia.
Negro é o futuro que nos espera, se negro non é xa o presente. Pero non debemos esquecer que as mulleres loitadoras se caracterizaron sempre pola súa valentía e optimismo. Así que seguiremos esixindo xustiza sen medo ao fracaso. E continuaremos sinalando co dedo os nosos odiados inimigos.

“As mulleres non deben ser iluminadas nin educadas en forma ningunha. De feito, deberían ser segregadas, posto que son causa de insidiosas e involuntarias ereccións nos santos homes (…) É Eva, a tentadora, de quen debemos coidarnos en toda muller… Non alcanzo a ver que utilidade pode ter a muller para o home, se se exclúe a función de concibir nenos (…) A tentación é a enfermidade da curiosidade. É esta a que nos impulsa a tratar de descubrir os segredos da natureza; segredos que están alén do noso entendemento, que non nos proporcionarán ningunha vantaxe, e os cales o home no debera desexar aprender ” – Agostiño de Hipona

“Mírame, tócame, agarímame, provócame, sedúceme, contrólame, protéxeme, grítame, reláxame. Son Giulietta: se vas falar de min, próbame”.
Este a locución do derradeiro anuncio de Alfa Romeo. Un spot publicitario sexista feito cunha mirada masculina e, por suposto, pensado para e por homes heterosexuais. O caso deste particular Romeo e Giulietta non é excepcional: a ollada dos medios de comunicación é androcéntrica e sexista por sistema (que non por natureza).
Os medios de comunicación adoitan construír realidades suxeitas a estereotipos e canons que non reflicten a heteroxeneidade da sociedade actual. Un dos patróns máis utilizados, que non o máis fácil de recoñecer, é o que reproduce o seguinte esquema: eles fan, elas son.
É dicir, os homes son suxeitos activos que miran, tocan, agariman, provoca, seducen, controlan, protexen, gritan e relaxan. E as mulleres son obxectos (coches) fermosos, cómodos, sedutores e luxosos. A acción fronte a esencia. A razón enfrontada á salvaxe natureza. O útil enfrontado ao decorativo. Machismo elevado á máxima potencia.
Dicíao Santiago Segura no traxe dun corrupto político no comentadísimo filme Airbag: “… que as visten como putas”. Como broma, nese contexto, non deixa de ser anecdótico. Pero cando é un axente da lei e na vida real quen lles recomenda ás mozas “evitar vestir como putas” para non ser violadas, a reacción é previsible.
A polémica advertencia veu da boca dun policía canadense nunha conferencia pública a principios deste ano. Sete meses despois, xa son máis dunha decena os países que se uniron á chamada ‘Marcha das putas’ (‘Slut walk’), iniciativa nada en Toronto (Canadá) e exportada ao mundo enteiro.
O caso de México D.F. foi especialmente salientable dados os altos niveis de violencia contra as mulleres que rexistra: 1.200 violadas cada ano, a metade delas mozas con idades comprendidas entre os 10 e os 20 anos. Os feminicidios son hoxe unha lacra no país mexicano, onde perderon a vida de forma violenta máis de 1.700 mulleres entre xaneiro de 2009 e xuño de 2010, isto ante a pasividade das autoridades, segundo datos dos que dispón o Observatorio Cidadán Nacional do Feminicidio.
Con berros como ‘llevo faldita, no soy facilita” o “escucha, baboso, yo elijo a quien me cojo” e co ‘non significa non” por lema foron miles de persoas (entre 2.500 e 7.000 segundo as diferentes fontes oficiais) as que se lanzaron ás rúas na capital mexicana no mes de xuño convocadas a través do altofalante das redes sociais para protestar contra a lacra da violencia de xénero e defender o dereito das mulleres a escoller as súas roupas sen ser culpadas por incitar ás agresións sexuais.
Noutros países como Guatemala, Arxentina, Estados Unidos, Gran Bretaña ou Australia xa se produciron reaccións similares e multitudinarias. A última cidade en sumarse ao movemento ‘Slut walk’ foi Nova Delhi (India), o pasado 31 de xullo, cando centos de persoas encheron as rúas cos seus berros contra o acoso e as agresións sexuais.
Este das Cociñas Corcho é un de tantos anuncios televisivos da época do tardofranquismo no que se deixa ben claro cal rol debía adoptar a muller e cal o home.
Mais quero que saibades que Cristo é a cabeza de todo home, como o home é cabeza da muller, e Deus o é de Cristo. Por onde se unha muller non cobre cun veo a cabeza, que a rape. E se non lle acae a unha muller o cortar o pelo ou rapalo, que cobra pois a cabeza. No entanto, quen non debe cubrir a cabeza é o home, pois é a imaxe e gloria de Deus; mais a muller é a gloria do home. Que non foi o home formado da muller, se non a muller do home; como tampouco non foi o home criado para a femia, senón a femia para o home.
1 Corintios 11:3-9
O xénero musical coñecido como reggaeton dá para moitos estudos sociolóxicos. A súa estética denigra, e tamén as súas letras: «dame que estoy suelta», «pégale a mi gata», «castígala por detrás», «yo soy tu maestro», «para las que son más zorras que los cazadores» etcétera.
“Este tipo de música, mediante un ritmo pegadizo, disfraza mensaxes machistas que atentan contra a dignidade da muller” – Pilar Oriente, coordinadora provincial do Instituto da Muller de Málaga.
Existe o porno non sexista? Somos capaces de redactar un guión erótico sen inspirarnos nas rutinas machistas que temos asumidas inconscientemente? Pode a pornografía derrotar o patriarcado?
Un lector do Faro de Vigo comentou hai uns días unha nova sobre O divino ferrete para dicir que, entroutras moitas cousas, o guión do proxecto é machista. Non atinou. O guión é sexista. Machistas son algunhas das actitudes e accións da protagonista Lorena e o resto de personaxes.
Pero imos por partes. Facer unha película porno non sexista é unha tarefa moi complicada se partimos da base que todos e todas somos sexistas. Fomos educadas para selo en cada un dos ámbitos da nosa vida, incluído o da sexualidade. E aínda que nos esforcemos en deconstruírnos e desfacernos dos tics aprendidos, somos especialistas en reproducir roles baseados nas desigualdades de xénero. Tamén ‘na cama’.
Iso si, unha cousa hai que tela clara: o proxecto do divino ferrete fuxe conscientemente dalgúns dos estereotipos que caracterizan o cinema porno. Para comezar, daqueles que din que as mulleres só poden formar parte do equipo de actrices: nada de guionistas, nin músicas, nin blogueiras de cabeza pensante. E por suposto, arrédase tamén daqueles que mostran a muller como un mero obxecto sexual escravizado polos homes.
A protagonista, Lorena Pernas Cienfuegos, é unha muller resolta, que coñece o seu corpo e fai con el o que lle peta. Goza co sexo e escolle con quen e como quere practicalo. Decide. Manda e deixa mandar. Lorena existe na vida real cunha infinidade de nomes. E esas Lorenas, autónomas e independentes, tamén actúan baixo os efectos do machismo. Como entender, senón, que tres dos catro ferretes heterosexuais que a protagonista practica ao longo da película comezan cunha felación e rematan cunha exaculación masculina botada por fóra? Lamber penes e correrse enriba do corpo das amantes non é sinónimo de machismo, pero o falocentrismo imperante e recorrente é unha das máis claras representacións do sexismo: é o androcentrismo levado ao porno.
Por outro lado: porque o acto sexual, en todas as súas facetas, ten que rematar sempre coa máxima expresión do pracer masculino? Gozar co pracer alleo é marabilloso pero o éxtase do outro non debe significar o final do noso camiño multiorgásmico.
A linguaxe audiovisual, as limitacións económicas e loxísticas e o obxectivo principal de normalizar a lingua galega teñen moito que ver na elección das escenas sexuais e os diálogos da película. Tamén a normalización dos estereotipos e os roles de xénero, tantas veces invisibles aos nosos ollos. Guionistas, directores, responsables de imaxe e ilustración, lectoras e espectadores aprenderemos moito con este traballo conxunto. Seguramente non seremos capaces de botar por terra o patriarcado, pero sumaremos coñecemento e seguiremos ríndonos de nós e dos comentarios ignorantes feitos nalgún que outro “xornal normal”.