Marcial Maciel argumentaba que tiña unha estraña enfermidade que os nenos podían axudar a aliviar; que precisaba dunha mostra de seme para un exame e un «axudante» para llo extraer. Argumentos incribles e ridículos para un adulto pensante, pero que facilmente enganchan un neno ou un adolescente que confía no padre e lle confire autoridade moral, que mesmo inclúe até o poder pedirlle que faga cousas que el non entende ou non lle parece que sexan boas; que confía en que se o padre as di é que deben ser boas. Este é exactamente o tipo de confianza que deposita un fillo no seu pai natural, quen lle dá indicacións de facer cousas «polo seu propio ben», aínda que «agora non entende, pero xa entenderá» etcétera.
María Paloma Escalante (antropóloga)
«El abuso sexual y el uso simbólico del concepto religioso del “padre”»,
na Revista Academica para el Estudio de las Religiones (2009).
O xornalista José Rodríguez, nun estudo publicado en 1995 sobre o comportamento sexual da Igrexa católica española, fundamentado sobre unha ampla base de datos e estatísticas cos historiais sexuais confirmados de case 400 sacerdotes daquela (e parte hoxe) en activo, concluíu que un 7% comete abusos sexuais graves a menores.
Noutra investigación realizada un ano antes, en 1994, polo catedrático da Universidade de Salamanca Félix López Sánchez, e publicada polo Ministerio de Asuntos Sociais de España, determínase que do total de cidadáns españois que teñen sufrido abusos sexuais cando nenos, o 4% asegura que foi abusado por un sacerdote católico.
