perfil « O divino ferrete

Harry Harrison = Julian Assange

Wikileaks está en todos lados. Xa tardaba en aparecer n’O divino ferrete. O que gobernos e outros de grupos de poder e presión están a facer para silenciar as súas propias miserias e mentiras é demencial e denunciable unha e mil veces. Porén, posto que afortunadamente existen miles de lugares para facelo (é o que propicia o principio de neutralidade da rede), este non é o tema sobre o que xira a entrada de hoxe. O que traemos é o perfil de Julian Assange na páxina de contactos OkCupid.com, onde se facía chamar Harry Harrison. Cómpre sinalar por outra banda que a páxina non a visita Assange dende o 1 de xaneiro de 2007, pero o seu perfil está aí, á vista de todos, e en galego a tradución, mantendo erros e peculiaridades estilísticas, sería como segue:

Julian Assange

Unha das cinco imaxes que o propio Assange cargou para o seu perfil en OkCupid.

Presentación

ADVERTENCIA: Queres un rapaz corrente, cos pés na terra? Segue buscando. Non son o droide que buscas. Afórranos tempo agora que podes.

Apaixonado, e decote un teimudo activista intelectual en busca de serea para affaire amoroso, fillos e eventualmente conspiración criminal.

A interesada debe ser fogosa e botada para diante, de gran intelixencia -aínda que non é necesario que conte cunha educación formal- con coraxe, clase, fortaleza mental e capaz de pensar dun xeito estratéxico sobre o mundo e a xente que quere.

Gústanme as mulleres de países con situacións políticas claramente inestables. A cultura de Occidente seica fai das mulleres uns seres inanes e sen valor. Vale. Non só o fai coas mulleres!

Aínda que son un tipo belixerante tanto intelectual como fisicamente, son tamén un protector nato de mulleres e nenos.

Teño PERIGO, ACHTUNG [advertencia, aviso], e ??????????????!

A que me dedico?

Dirixo un proxecto acaparador e perigoso relacionado cos dereitos humanos, que, como era de esperar, está controlado por homes. Involucrado en diversos asuntos relacionados con xornalismo/libros, documentais, criptografía, axencias de intelixencias, dereitos civís, activismo político, crimes de luba branca e internet. Formación académica nos campos de neurociencia, matemáticas, física e filosofía.

Dáseme ben

Un auténtico cabaleiro nunca o di.

O primeiro en que repara a xente ao coñecerme

Na altura. O aspecto nórdico. A presenza inusual. Non son poucas as veces que carrexo con paquetes de cartón atados cuns cordeis. Velaí quedan algunhas das cousas en que primeiro repara a xente.

Os meus libros, filmes, música e comida favoritos

O ruso (D) [Este D entre paréntese se cadra é unha emoticona, pero non queda claro], calquera cousa menos o ruso.

As seis cousas das que non podería prescindir

Adaptaríame ao que for, agás a non ter compañía feminina e carbón.

Dedícalle ben tempo a pensar en

Cambiar o mundo a través da paixón, inspiración e artimañas. Viaxar (33 países xa). A estrutura da realidade. Nacemento e morte do universo (estudei física). Ontoloxía. Cortar en pedaciños os cerebros humanos (estudei neurociencia).

A típica noite de sábado pásoa

Traballando ou a todo gas, algo polo que manteño unha querenza incombustible. A festas cos amigos, que me encantan, pero se non é con eles, daquela o entretemento non é maior ca o traballo.

O máis privado que me atrevo a admitir

Vanme detrás acosadoras asiáticas adolescentes. Ola.

Busco

  • Todo tipo de xente
  • Idades entre 22 e 46
  • Residentes en calquera lugar
  • Novas amizades

Mándame unha mensaxe se

Es fogosa, sensual, inconformista. Non conformarse non é a adopción de certas subculturas alternativas preexistentes. Busco lucidez e bravura innatas.

×××

Bo peixe o amigo Assange! Xa lle tarda actualizar o perfil, mais o certo é que facilidades non lle dan: leva incomunicado dende o 7 de decembro.