Un estudo da Escola de Medicina Wake Forest nos Estados Unidos de América suxire que os nocellos son a zona do corpo humano que máis pracenteira resulta á hora de rascar. Até agora pensábase que os humanos preferiamos que nos rascasen as costas, polo que os resultados foron “unha sorpresa”. O estudo publícase na revista British Journal of Dermatology. Segundo afirman os autores do traballo, o nocello é tamén a zona do corpo onde máis molesta a picada dun insecto.

{Fonte: Muy Interesante}
{Fonte: 9gag, a través de FinoFilipino}
Hai uns días, pescudando sobre a excéntrica e curiosa vida da fotógrafa de Nova York Diane Arbus, reparei nunha das substancias das que se declarou consumidora anos antes do seu suicidio. Ademais da coñecida marihuana, Diane adoitaba inhalar nitrato de amilo durante as súas relación sexuais con amantes descoñecidos.
Agora ben, que é o nitrato de amilo? Pois é unha substancia que se puxo de moda especialmente contra finais dos sesenta/principios dos setenta, sobre todo entre a comunidade gai nos Estados Unidos. Hoxe en día encóntrase dispoñible en cápsulas ou de forma líquida; en ambos os dous casos inhálase e débese tomar cando o orgasmo está próximo. O efecto que este vapor produce é a relaxación do músculo liso, é dicir, toda aquela musculatura que non pode ser controlada de xeito voluntario é que notará principalmente os efectos desa inhalación. Exemplo disto serían a vexiga, o intestino etc.
Os homes homosexuais empregaron con frecuencia esta substancia dado que melloraba as relacións sexuais anais. A súa forma de consumo foi basicamente a través da inhalación. O momento ‘idóneo’ para consumila sempre foi nos intres previos ao orgasmo, de xeito que cunha ‘esnifada’ se logra intensificar e aumentar a duración do orgasmo. A duración do seus efectos oscila entre un e tres minutos.
Nas súas orixes, o nitrato de amilo foi empregado para tratar enfermidades cardíacas. Nos últimos tempos a práctica mudou e este produto rematou por esnifarse directamente da botella co fin de aumentar o pracer sexual, con isto quero dicir que o seu consumo non aumentou para fins terapéuticos. Tamén cómpre dicir que estes vapores son un potente vasodilatador que, ao entrar en contacto co sistema nervioso central, relaxa o músculo liso. Este tecido rodea os vasos sanguíneos do corpo, de maneira que cando se dilata, o corazón acelera para bombear máis sangue. Isto provoca, entre outras reaccións, un aumento do sentido do tacto e unha intensificación e prolongación do orgasmo.
Até o de agora non hai estudos que demostren a cantidade mínima precisa para notar os efectos, pero si se afirma que cunha “boa” inhalación chega para notar os seus efectos pracenteiros.
Son, como boas imaxes libidinosas, uns primeiros planos que levan implícito ‘pápame’ no pé de foto. Porén, no canto de peitos ou un cu glorioso atopámonos con xoias gastronómicas que xogan con ese subconsciente marabilloso que tira de nós cara ao dobre sentido. Por exemplo, ver un cu no primeiro plano dun pexego ou morrer de gloria coa visión dun bo prato desbordante de pracer e mollo de tomate.
Os amantes do bo xantar comprenderán isto da ‘gastronomía pornográfica’, que por outro lado non é un invento de onte. Naceu coa fotografía e sobre todo despois do uso desta arte para fins comerciais. Ten a súa orixe no termo anglosaxón ‘food porn’ que se aplica á presentación visual dun modo provocativo tanto de pratos exóticos ou mesmo graxentos, como de anuncios de comida ou programas televisivos de cociña. Todo isto até o punto de “elevar o desexo polo bo xantar cara a unha especie de substituto do sexo”.
Eu non comparto tal cousa pero si voto pola satisfactoria combinación de sexo e pratos saborosos ou mesmo doces. Tamén cómpre recoller a especial paixón que certos cociñeiros e cociñeiras anónimas lle poñen á súa cociña. De feito, o de “zugar nos dedos” non é nada inocente, e cantas veces o temos feito sen pensar que espertariamos desexos impúdicos… Este desenfreo cara a boa comida foi o que levou a Nigella Lawson, chef de cociña, presentadora de televisión e xornalista británica, a facerse unha cociñeira mediática. Ela ama a boa cociña e ponlle todo o seu savoir faire a tan pracenteira tarefa.
A vinculación estética do porno coa comida naceu nos Estados Unidos nas imaxes publicitarias da comida rica en graxas, como é o caso das hamburguesas, os doces e os xeados. Hai quen establece unha ligazón entre isto e o intento van de vincular comida doce con bo sexo -así de súpeto recordo un anuncio de non hai moito no que Paz Vega comía un xeado que debía saber a gloria para espertar tantas cousas nela-.
Con todo, na fotografía gastronómica relacionada coa pornografía participan profesionais que se dedican a capturar primeiros planos de xantares exquisitos nalgún dos mellores restaurantes do mundo. Este é o caso de Francesc Guillamet, da casa de comidas “El Bulli”, ou Mikel Alonso, que saca a súa cámara no “Arzak”. Só buscan, co disparo, captar a sensualidade e a atracción aos ingredientes. A unha fáiselle auga o padal.
Levaba 25 minutos sentada, esperando que chegase o tren con destino Londres e dende había 15 minutos observaba, a pouco máis de cinco metros, unha curiosa parella de amantes. Ás veces, decátome de que entre os primates evolucionados e o resto de animais non existen tantas diferenzas como se di; ou polo menos no que se refire ao emparellamento non vexo tantas. Había uns minutos que estes amantes conseguiran captar toda a miña atención. Sentíame coma nun zoo observando unha parella de monos que xogan. Semellaban atoparse no seu hábitat. En ningún momento vin que se violentasen pola situación nin moitísimo menos que estivesen preocupados. O certo é que tampouco existe razón para tal.
Ela sentada de lado, medio dándolle as costas; el ao seu carón. Non me pareceu que estivesen enfadados. A súa postura era premeditada, ela estaba de lado e o seu amante non deixaba de acariciala cunha man. Con suavidade, como se tocase o obxecto máis fráxil da terra, deslizaba delicadamente a súa man dende a caluga até o cabo do lombo. De cando en vez, ela sorría e fechaba os ollos.
Os seres humanos temos unha serie de zonas no noso corpo que gozan dunha sensibilidade especial e que ao estimulalas conseguen activarnos sexualmente. O lombo é unha parte extremadamente sensible na que unha simple caricia pode desencadear un intenso pracer. Nesta zona do corpo atópase unha alta concentración de terminacións nerviosas, este é un dos principais motivos polos cales se desencadean sensacións tan diferentes tras unha caricia.
Fechei os ollos e sentada intentei lembrar o intenso pracer que semanas anteriores producirán as mans dun amante. Fun quen de sentir eses delicados dedos primeiro deslizarse pola miña caluga e logo baixar pola columna vertebral…
Un aviso polo megáfono fixo que todos volvésemos á realidade. Os amantes interromperon o seu ritual de caricias, eu espertei da miña particular burbulla, e todos fixemos a cola para entrar no tren. Por sorte, as mulleres temos máis zonas eróxenas que a vaxina, as nádegas e os peitos.
Acendo o portátil. Tecleo «porno para mulleres». Erika Lust, directora e produtora de cinema para adultos, é a portadora da bandeira do feminismo no xénero X. No seu filme Five Hot Stories for Her, a sueca desenvolve o seu concepto de «porno para mulleres». Van 10 minutos e unha rapaza loira remata por botar un ferrete co pizzeiro. Até aquí, a típica escena X, coa diferenza dunha estética moito máis coidada do que nos ten acostumados a industria, e a aparición dun monólogo interior ao estilo de Woody Allen. Pero, que diantre pinta unha música romántica de fondo nun suposto ferrete salvaxe cun descoñecido? Concho, se incluso fican parvos ollando o un para o outro coma se fosen namorados. Todo tan bonito e sentimental que me pregunto se non estarei a ver a versión porno de Titanic.
O cinema para adultos sempre estivo claramente orientado a un público masculino, e é por iso que predominan as escenas onde hai unha polémica dominación do home fronte á muller que, ás veces, chega a se converter en humillación. Daquela, que lugar ocupan aquí as mulleres? Como dixo Jack o Estripador: imos por partes. Todo comezou alá polos anos 80, cun bambino chamado Rocco Siffredi. O guapiño de cara foi o pioneiro en dar caña fodendo diante dunha cámara. Animal Trainer, unha das súas series, marcou un antes e un despois na industria X. Rocco cuspía na cara e na propia boca das actrices, e exploraba tódolos buracos da muller arremetendo coma unha besta. Incluso chegaba a mexar por riba delas. O italiano púxose de moda e sería imitado por tódalas estrelas do porno. O catalán Nacho Vidal converteuse no principal herdeiro deste método sexual por estas latitudes; lonxe de ser mal visto, Nacho converteuse en todo un mito sexual para as mulleres españolas.
Hoxe en día, case tódolos actores porno dan labazadas, cospen á cara, dan tiróns de pelo e realizan anais. Este tipo de actuacións sexuais teñen unha razón de ser alén de pertencer a un estilo determinado de cinema para adultos. A interacción constante coa actriz é unha axuda eficaz para manter a erección, posto que unha rodaxe non é coma un ferrete a soas, en privado. Está a actriz, pero tamén está o cámara ou o director e poida que alguén de son, ademais das interrupcións entre postura e postura. De aí que truquiños coma estes axuden a que o actor concentre a atención na actriz.
Pero onde está o límite entre dar caña e exercer a brutalidade? E onde pode atopar o público feminino as súas fantasías eróticas nunhas escenas onde a muller é sempre dominada e, ademais, humillada? Na miña opinión o límite é o pracer. Unha escena ou un acto sexual cañeiro é perfecto se ambos os dous gozan. Pero se alguén sofre mentres está en plena fodincha, algo falla. Hai casos de actrices que recoñecen ter chorado despois de rodar algunha escena especialmente dura. E se unha muller chora, o produto ten un 95% de probabilidades de non responder ao gusto xeral do resto das mulleres do mundo. Xa logo, como adaptar o cinema X ás necesidades da muller?







