revista « O divino ferrete

A regatista núa

Anna Tunnicliffe, medalla de ouro en vela en Beijing 2008, foi fotografada núa para a revista estadounidense The ESPN Magazine Body Issue polo fotógrafo Steven Lippman. E por que espida e non con traxe de faena? Pois para chamar a atención da xente sobre o feito de os regatistas seren verdadeiros e sufridos atletas:

Isto non o faría todas as fins de semana. Pero quero que o mundo vexa a vela como un deporte de atletas. Moita xente pensa que a vela é cruzar a baía, cóctel en man, cun pouco de vento e algo de sol. Pero para as regatas é preciso estar en forma e ter moitos reflexos. Saímos a competir con moito sol, con ventos de 37 nós ou con choiva.

Kubus, o fútbol en galego

(…) tentar encher o baleiro que presenta o periodismo relacionado co deporte rei en lingua galega. A intención final de que mensualmente preto de cen páxinas con contido futbolístico en lingua galega pasen a imprenta. A búsqueda da superación da utopía, poder ofrecer en cada número textos de autoría relevante. Que persoas de renome no ámbito do fútbol presenten as súas verbas para seren traducidas a lingua galega.

Así se presenta a revista Kubus, “primeira revista do fútbol e a súa historia en lingua galega”. Ese é o camiño, que o galego chegue a todos os ámbitos. Parabéns.

Á busca de referentes lésbicos

Este é o vídeo realizado pola revista Mirales para promover que coñecidas mulleres lesbianas da política, os deportes ou os negocios dean un paso adiante e fagan publica a súa orientación sexual. Faltan referentes e visibilización.

Ugens fiskepige

Ugens fiskepige, é dicir, moza pescadora da semana. Que é isto? Pois a moza que cada semana sae seleccionada na revista dinamarquesa Fisk og Fri (máis ou menos, Peixe e Lecer). Un reclamo impactante para atraer lectores. As fotografías pódense consultar aquí. Que conste que hai semanas onde non é moza senón mozo, é dicir hai fiskefyr.

Abur, Kiss Comix

A revista Kiss Comix deixa de publicarse dada a baixada nas vendas que con toda probabilidade ten a súa orixe no acceso directo e de balde ao erotismo que permite a internet.