sexismo « O divino ferrete

A limpar, muller!

As perlas de Agostiño

“As mulleres non deben ser iluminadas nin educadas en forma ningunha. De feito, deberían ser segregadas, posto que son causa de insidiosas e involuntarias ereccións nos santos homes (…) É Eva, a tentadora, de quen debemos coidarnos en toda muller… Non alcanzo a ver que utilidade pode ter a muller para o home, se se exclúe a función de concibir nenos (…) A tentación é a enfermidade da curiosidade. É esta a que nos impulsa a tratar de descubrir os segredos da natureza; segredos que están alén do noso entendemento, que non nos proporcionarán ningunha vantaxe, e os cales o home no debera desexar aprender ” – Agostiño de Hipona

Giulietta á busca de Romeo

“Mírame, tócame, agarímame, provócame, sedúceme, contrólame, protéxeme, grítame, reláxame. Son Giulietta: se vas falar de min, próbame”.

Este a locución do derradeiro anuncio de Alfa Romeo. Un spot publicitario sexista feito cunha mirada masculina e, por suposto, pensado para e por homes heterosexuais. O caso deste particular Romeo e Giulietta non é excepcional: a ollada dos medios de comunicación é androcéntrica e sexista por sistema (que non por natureza).

Os medios de comunicación adoitan construír realidades suxeitas a estereotipos e canons que non reflicten a heteroxeneidade da sociedade actual. Un dos patróns máis utilizados, que non o máis fácil de recoñecer, é o que reproduce o seguinte esquema: eles fan, elas son.

É dicir, os homes son suxeitos activos que miran, tocan, agariman, provoca, seducen, controlan, protexen, gritan e relaxan. E as mulleres son obxectos (coches) fermosos, cómodos, sedutores e luxosos. A acción fronte a esencia. A razón enfrontada á salvaxe natureza. O útil enfrontado ao decorativo. Machismo elevado á máxima potencia.

Señoras e señores

Distinguir entre “señora” e “señorita” non é nin un afago nin unha obriga, senón máis ben un residual sinal de machismo que persiste na nosa sociedade. Con esta idea como bandeira, diversas asociacións feministas de Francia lanzaron unha campaña para eliminar esa opción dos formularios e a correspondencia. Osez le féminisme e Chiennes de garde sosteñen que incluír a palabra “mademoiselle” (señorita) supón que a muller deba expor a súa situación persoal e familiar, algo que non sucede cos homes, que sempre son “señores”.

{Fonte: La Información}

Marcha das putas

Dicíao Santiago Segura no traxe dun corrupto político no comentadísimo filme Airbag: “… que as visten como putas”. Como broma, nese contexto, non deixa de ser anecdótico. Pero cando é un axente da lei e na vida real quen lles recomenda ás mozas “evitar vestir como putas” para non ser violadas, a reacción é previsible.

A polémica advertencia veu da boca dun policía canadense nunha conferencia pública a principios deste ano. Sete meses despois, xa son máis dunha decena os países que se uniron á chamada ‘Marcha das putas’ (‘Slut walk’), iniciativa nada en Toronto (Canadá) e exportada ao mundo enteiro.

O caso de México D.F. foi especialmente salientable dados os altos niveis de violencia contra as mulleres que rexistra: 1.200 violadas cada ano, a metade delas mozas con idades comprendidas entre os 10 e os 20 anos. Os feminicidios son hoxe unha lacra no país mexicano, onde perderon a vida de forma violenta máis de 1.700 mulleres entre xaneiro de 2009 e xuño de 2010, isto ante a pasividade das autoridades, segundo datos dos que dispón o Observatorio Cidadán Nacional do Feminicidio.

Con berros como ‘llevo faldita, no soy facilita” o “escucha, baboso, yo elijo a quien me cojo” e co ‘non significa non” por lema foron miles de persoas (entre 2.500 e 7.000 segundo as diferentes fontes oficiais) as que se lanzaron ás rúas na capital mexicana no mes de xuño convocadas a través do altofalante das redes sociais para protestar contra a lacra da violencia de xénero e defender o dereito das mulleres a escoller as súas roupas sen ser culpadas por incitar ás agresións sexuais.

Noutros países como Guatemala, Arxentina, Estados Unidos, Gran Bretaña ou Australia xa se produciron reaccións similares e multitudinarias. A última cidade en sumarse ao movemento ‘Slut walk’ foi Nova Delhi (India), o pasado 31 de xullo, cando centos de persoas encheron as rúas cos seus berros contra o acoso e as agresións sexuais.

Fútbol nada máis

Nunha entrada titulada Morbo e prensa demos conta do amplo espazo que o diario El Mundo lle dedica ao sexo e á farándula, e hoxe retomamos o fío con dúas -supoñemos- novas que se publicaron no sitio web do Marca o pasado domingo 17 de xullo.

Fútbol nada máis. Si, home, si.

Homofobia de estado

Plans de prevención estival ante doenzas en destinos tropicais. Advertencias respecto do alto risco penal polo contacto coas drogas no estranxeiro. Ollo coas subidas nas tarifas de telefonía móbil cando traspasamos as fronteiras xeográficas… Tendo que poñer nas vacacións tantas ilusións como precaucións –e cartos– parecemos esquecer que a práctica homosexual en non poucos países está castigada con penas que van desde multas até a pena de morte.

As relacións entre persoas do mesmo sexo –con idade legal, de forma consentida e no ámbito privado– son ilegais en 76 países de todo o mundo. É máis: en Arabia Saudí, Irán, Iemen, Mauritania, Sudán, 12 estados do norte de Nixeria e partes meridionais de Somalia mesmo están castigadas coa pena de morte.

Homofobia de Estado, un informe sobre as leis que criminalizan a actividade sexual con consentimento entre persoas do mesmo sexo (maio, 2011), elaborado pola Asociación Internacional de Lesbianas, Gais, Bisexuais Trans e Intersex (Ilga) advirte da férrea ideoloxía de Gobernos que, lonxe de levantar as limitacións á liberdade sexual e identidade de xénero, se ratifican na súa postura ou mesmo a endurecen: en Malawi, o Presidente Bing Wa Mutharika non só recuou na súa intención de perdoar a relación amorosa entre Steven Monjeza e Tiwonge Chimbalanga, senón que fixo incluír no Código Penal a criminalización das “prácticas indecentes entre as mulleres”, lembran os responsables do informe a modo de exemplo desta realidade.

Con todo, a ‘homofobia de Estado’ trascende do ámbito da sexualidade e anega todo o que teña que ver coa identidade de xénero e a igualdade de dereitos: as persoas LGBTI son sistematicamente discriminadas e acosadas nestes países en nome dos ‘valores tradicionais’ e baixo o temor a que “contaminen” ao resto da poboación, segundo se advirte no documento que, ao longo de 72 páxinas, debulla un completo mapa da discriminación homosexual e transexual en todo o mundo.

“Esta non é exactamente –indican os responsables do informe– a forma máis coherente de defender os valores, que se supoñen son tan ‘tradicionais’ como ‘naturais’ e, certamente, recaen no inmoral, tendo en conta que, como resultado, neste último ano, varios defensores dos dereitos LGBT foron asasinados. Non podemos senón expresar gratitude e admiración pola coraxe de todos/as os/as activistas que arriscan as súas vidas e a súa seguridade para construír un movemento LGBTI forte e –sobre todo– un mundo mellor, onde todos os dereitos humanos sexan verdadeiramente para todos e todas”.

“O día non está lonxe, cando se considere en todas partes que a homofobia e a transfobia merezan a mesma repugnancia que actualmente teñen o sexismo e o racismo, e ningunha retórica auto implantada evitará que a parede da Homofobia de Estado se derrube”, conclúen.

A muller no ideal franquista

Este das Cociñas Corcho é un de tantos anuncios televisivos da época do tardofranquismo no que se deixa ben claro cal rol debía adoptar a muller e cal o home.

Camisas e dicionarios

Hai unha semana fun consciente, en menos de 24 horas, da pegada sexista que esconden obxectos tan cotiáns como as camisas e os dicionarios.

Foi durante unha excursión cando un bo amigo, e grande usuario de camisas xeitosas, me contou que a distribución dos botóns nesta prenda de roupa (á esquerda, nas mulleres; á dereita, nos homes) tiña un obxectivo funcional. Como sabedes, “historicamente” as mulleres temos sido as encargadas de lavar, peitear e alimentar a familia. Tamén as responsables de vestila e espila. Así pois, os botóns das camisas para homes quedan á nosa esquerda para que poidamos abotoarllos “sen dificultade” ningunha.

Certo é que pasaron os anos e os séculos e que a día de hoxe a familia “espertou”. Pero parece ser que a industria téxtil deste século non quere romper unha centenaria tradición baseada na premisa de que os homes non son capaces de vestirse sen a nosa axuda. Claro, é que podería pasar que algún paisano acostumado “ao de sempre” se vise condenado a vivir espido o resto dos seus dependentes días!

Malia que certamente os dicionarios xa teñen o seu aquel conservador (e sexista), nunca reparei nunha realidade que supera a ficción: os dicionarios unicamente saltan a regra sagrada da orde alfabética para dar prioridade ao masculino. Así pois, neno vai antes ca nena; lascivo antes ca lasciva. E incluso tendeiro antes ca tendeira. O “o” antes que o “a”, un feito impensable se non fose porque o dito “a” indica o feminino.

Pero non hai que esquecer que os dicionarios reflicten o mundo, a realidade e a lingua de quen os escribe: homes de mediana idade na gran maioría dos casos. Na Real Academia Galega, as “nais” xestantes das 25.000 entradas do Dicionarios da Lingua Galega, son 4 mulleres e 22 homes. Pura paridade!

Panochadas bíblicas

Mais quero que saibades que Cristo é a cabeza de todo home, como o home é cabeza da muller, e Deus o é de Cristo. Por onde se unha muller non cobre cun veo a cabeza, que a rape. E se non lle acae a unha muller o cortar o pelo ou rapalo, que cobra pois a cabeza. No entanto, quen non debe cubrir a cabeza é o home, pois é a imaxe e gloria de Deus; mais a muller é a gloria do home. Que non foi o home formado da muller, se non a muller do home; como tampouco non foi o home criado para a femia, senón a femia para o home.

1 Corintios 11:3-9