Soledad Sánchez « O divino ferrete

Prohibido!

Un fondo negro, unha boa dose de photoshop do barato e os dous grandes peitos de Soledad Sánchez, candidata do Partido Democrático de Ciutadella á alcaldía loxicamente de Ciutadella, ben agarrados polas mans dun home que se lle coloca por tras: o amante, un modelo ou o xefe de campaña. E tamén, claro, un slogan estúpido: “dous grandes argumentos”. Dá iso para prohibir un cartel electoral? Si, nas Baleares cando menos. Bastou cunha denuncia de Esquerra de Menorca no Institut Balear de la Dona para que este respondese que o cartel debía ser retirado, por sexista.

Ben, e que se fai logo con estes vídeos de campaña de Anna Mee Allerslev, candidata de Det Radikale Venstre, para as municipais de novembro de 2009 en Copenhaguen? Porque algo haberá que facer, máis aínda cando esta moza é hoxe concelleira -en realidade alcaldesa de zona para as comisións de Emprego e Integración-.

No primeiro vídeo quen nos fala é Ditte, unha amiga. No segundo, unha colega e deputada en activo do parlamento dinamarqués, nada menos. Isto tamén había que prohibilo? Porque se o de Sole Sánchez foi sexista, e parece que si, estes dous vídeos -e son soamente dúas mostras de moitas; cousas da pluralidade- danlle unha volta curiosa ao asunto.

En fin, que mal gusto e pailanadas houbo, hai e haberá sempre, en todos lados. E prohibir non é a solución para evitalo; si o é simplemente deixar de votar por quen só ofrece dous argumentos, e faino con tan pouco sentidiño.

Dous apuntamentos para acabar de entendelo:

1) As palabras escritas na roupiña de Ditte, a amiga da alma de Anna Mee Allerslev, son san/saudable (sund), bonito/fermoso (smuk) e divertido (sjov). Tal é o Copenhaguen que a candidata promete para os cidadáns.

2) Importante é dicilo: ningún candidato de ningún outro partido pediu en ningún momento que se prohibise nada, nin por sexista nin por chafalleiro. “Non é serio. Se iso é o mellor que poden ofrecer, é bastante triste”, dixeron dende as filas de Venstre. “É un vídeo sen ningún contido, plano”, valoraron dende a formación ultradereitista Dansk Folkeparti.

Anna Mee Allerslev, para facer fronte ás críticas polos seus vídeos de campaña, argumentou: “dalgunha maneira podo entender as críticas que nos fan, mais o certo é que como campaña de comunicación funciona”.