Un cidadán francés de 51 anos, Didier Jambart, funcionario do Ministerio de Defensa, casado e pai de dous fillos, presentou hai poucos días unha denuncia contra a compañía farmacéutica Glaxo. Segundo o denunciante, o medicamento Requip, fabricado por esta multinacional, volveuno gai.
A Jambart diagnosticáronlle párkinson hai agora oito anos. Cando comezou o tratamento con Requip a súa conduta sufriu alteracións que Jambart considera efectos secundarios da terapia: volveuse adicto ás apostas nas carreiras de cabalos e por internet, nas que perdeu os aforros da familia, e entroulle un apetito tremendo polo sexo homosexual que o levou incluso a ofrecerse na rede travestido. Segundo el, o tratamento con Requip levouno ao extremo de ser violado.
Jambart pasou por tres intentos de suicidio e agora esixe unha indemnización de 450.000 euros á empresa fabricante do medicamento e ao neurólogo que llo prescribiu. O certo é que no 2006, despois de que Jambart abandonase o tratamento, Glaxo incluíu no prospecto do Requip un parágrafo que advertía de que nos pacientes que sofren de párkinson podía provocar alteracións no control dos impulsos, como adicción ó xogo, hipersexualidade e incremento da lívido.
O que xa é máis discutible é que o Requip sexa capaz de mudar a orientación sexual de ninguén, por moi francés que sexa. Máis doado é crer que o pobre Jambart perdese o control sobre uns impulsos sexuais que xa existían. O curioso do caso, que xa é curioso de seu, é a atención que os medios de comunicación lle prestaron, acentuada sen dúbida pola tendencia sexual dos supostos efectos secundarios. O asunto está a ser estudado, ademais, en Gran Bretaña, Canadá e os Estados Unidos por avogados doutros enfermos de párkinson suxeitos ao mesmo tratamento e que se sorprenderon a si mesmos roubando ou prostituíndose.
