O primeiro striptease nunca é fácil. O corazón late forte e a vergoña invádeche o corpo. O público, único ou multitudinario, mírate expectante. E queres facelo tan ben como imaxinaches cos ollos pechados. Adoitas comezar torpe. E soamente co paso das notas es capaz de sentirte segura e aguantar a mirada. A roupa deslízase suave e finalmente móstraste enteira. E ao rematar, as risas de complicidade e os aplausos agarimosos amosan que pagou a pena.
Este foi tamén o ritmo do primeiro striptease do divino ferrete na Facultade de Xornalismo da USC, o pasado 7 de abril. Para espir integramente as entrañas do que vai ser o primeiro filme pornográfico en galego, organizouse unha charla na que participaron catro persoas do equipo ferreteiro: as blogueiras Olalla Tuñas, Ana Vispo e Helena Capera e mais o actor Totó García.
Falouse da orixe do proxecto, das súas raíces no seo de GalegoLab e do propio impulso que finalmente colleu esta iniciativa a favor da normalización do galego. Recoñeceuse o labor das primeiras persoas que colaboraron nesta aventura: o equipo de guionistas formado por Diego Ameixeiras, Xabier Cid, Begoña Paz, Alejandro Tobar e Iolanda Zúñiga, todos eles escritores de renome. E de artistas como a mezzosoprano Lucía Vázquez, o descarado Leo ou o debuxante Héctor Barros, que cederon as súas habilidades para mellorar este proxecto.
Explicouse tamén que O Divino Ferrete é unha iniciativa con licenza Creative Commons para todo, e que unha vez rematado o filme, este será colgado na rede para que todo o mundo poida velo e compartilo. Falouse dos cartos, da necesidade de financiamento que ten o proxecto aínda que ninguén, agás os actores e actrices, cobrarán polo seu traballo. Da importancia das doazóns e da colaboración coa compra de camisolas e exemplares do guión da película en Toupa.net para poder cubrir o orzamento previsto.
Tamén houbo referencias ás dificultades de atopar actores e actrices nun contexto como Galicia. Un problema que, segundo afirmou Totó, non se debe á suposta mentalidade conservadora da poboación galega senón á enorme dispersión xeográfica que dificulta a mobilidade e a posible colaboración de novos talentos do cinema X. Repasouse a historia do blog, das súas colaboracións, das entradas máis destacadas e dos comentarios máis épicos. Da variedade dos contidos que se tratan e da multiculturalidade dos seus autores. Houbo espazo, tamén, para a autocrítica. Para falar do sexismo pegañento que todo o impregna e que tan difícil é facer desaparecer nunha película na que o sexo é o espiñazo.
Fixéronse preguntas e fotografías. E houbo risas, moitas risas de primavera. O proxecto quedou en roupa interior diante dunha aula ateigada de estudantes que escoitaban e observaban con curiosidade. Finalmente, o espido integral chegou de mans da avoa de Olalla. Ela non estaba na aula, pero si as palabras da súa neta que recordaron como unha mañá de sábado, mentres ela falaba coa súa nai dalgunhas críticas que recibiu por colaborar nun proxecto pornográfico, a súa avoa interveu para sacar ferro ao asunto. E díxolle: “Nena, pero se foder fodeuse sempre”. E máis risas e aplausos antes de volver vestir o divino ferrete.
